Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Xoves, 23 de xaneiro de 2003 Páx. 828

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 26/2003, do 16 de xaneiro, polo que se modifica o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa Labora: Xuventude con Experiencia.

A entrada en vigor o pasado día 1 de maio de 2002 do Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o programa Labora, supuxo un paso máis na fime vontade do Goberno galego de tratar de paliar un dos maiores atrancos cos que se atopan os nosos mozos e mozas á hora de atopar un emprego, cal é a carencia de experiencia laboral.

O cumprimento de fases sucesivas cara ó achegamento ó obxectivo final no horizonte do ano 2005, a experiencia acumulada durante o tempo transcorrido desde a súa posta en funcionamento, así como as consideracións e propostas efectuadas polo Consello Galego de Relacións Laborais en canto órgano de diálogo e participación dos axentes sociais galegos, aconsellan facer xa cara ó 2003 unha primeira acomodación do programa.

As modificacións que agora se introducen acomodan os requisitos de acceso ó programa ós obxectivos descritos; así, ademais de rebaixa-lo período esixido de permanencia no desemprego de seis a catro meses, prodúcese a reducción dos anos que se terán en conta para os efectos de comproba-lo cumprimento do requisito de carecer de experiencia laboral, pasando de cinco a tres, tamén se reduce á metade a distancia quilométrica entre o domicilio e o concello onde estea o centro de traballo e elimínase a limitación para os concellos limítrofes para efectos de poder percibi-lo incentivo á mobilidade xeográfica e, finalmente, equipárase a situación dos beneficiarios que teñan recoñecida unha discapacidade á dos que teñan fillos para efectos de limita-la mobilidade xeográfica.

Con base no anterior é polo que, por proposta da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 2º, que en diante terá a seguinte redacción:

«Artigo 2º.-Beneficiarios: requisitos.

Poderán ser beneficiarios do programa Labora: Xuventude con Experiencia os galegos e galegas

demandantes de emprego non ocupados que cumpran os seguintes requisitos e acepten as condicións establecidas no capítulo III:

1. Ser menor de 30 anos no momento en que se cumpra o cuarto mes de antigüidade no desemprego.

Os mozos e mozas que xa cumpriran o cuarto mes de antigüidade como desempregados poderán ser beneficiarios sempre que no momento da entrada en vigor deste decreto fosen menores de 30 anos.

2. Carecer de experiencia laboral, entendéndose para os efectos deste decreto que cumpre este requisito quen non traballara nin por conta propia nin por conta allea durante máis de 180 días nos últimos 3 anos».

Artigo 2º

Modifícase o parágrafo segundo do artigo 3º, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. As oficinas de emprego comprobarán o cumprimento do requisito de carecer de experiencia laboral de tódolos potenciais beneficiarios sinalados no parágrafo anterior, a través da consulta da súa vida laboral, tomando como referencia para computa-lo prazo de 3 anos a data de realización da consulta».

Artigo 3º

Modifícanse os parágrafos terceiro e cuarto do artigo 7º, que quedan redactados do seguinte xeito:

«3. Os beneficiarios percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que estes disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras.

4. Ós beneficiarios que teñan fillos e ós que teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ó 33% ofertaráselles un contrato de traballo no seu concello de residencia e naqueles que disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras, agás que acepten expresamente desprazarse a outros máis distantes».

Artigo 4º

Modifícase a disposición adicional primeira que en diante terá a seguinte redacción:

«O período de 4 meses de antigüidade no desemprego esixido no artigo 2º.1 deste decreto poderá ser progresivamente rebaixado, por orde da consellería competente en materia de políticas activas de emprego, a medida que non existan demandantes cunha antigüidade superior nos respectivos ámbitos territoriais que reúnan os demais requisitos».

Disposición adicional

As modificacións contidas neste decreto serán de aplicación ás axudas e subvencións concedidas para a contratación de beneficiarios do programa Labora:

Xuventude con Experiencia, con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Non obstante o anterior, os beneficiarios do programa Labora, que foran seleccionados e contratados con cargo á orde de convocatoria do ano 2002 e sempre que o centro de traballo estivese nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que estes disten menos de 25 quilómetros entre as súas cabeceiras, poderán percibi-lo incentivo á mobilidade xeográfica con efectos desde o 1 de xaneiro de 2003. Para isto, os interesados deberán instar ás respectivas entidades que formulen a correspondente solicitude á Dirección Xeral de Fomento do Emprego ou á respectiva delegación provincial, segundo os casos, quen dictará a resolución que proceda, logo da comprobación polas oficinas de emprego do cumprimento dos requisitos necesarios para a súa percepción.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude