Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Mércores, 22 de xaneiro de 2003 Páx. 780

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 13 de decembro de 2002, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada Goente-As Pontes, clave AC/99/66.1, no concello das Pontes de García Rodríguez.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 6 de agosto de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada Goente-As Pontes, clave AC/99/66.1, no concello das Pontes de García Rodríguez, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2002.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

Resolución do 6 de agosto de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula declaración de impacto ambiental do estudio informativo da nova estrada Goente-As Pontes, clave AC/99/66.1, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, da Xunta de Galicia.

A Lei 6/2001, do 8 de maio, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, establece que os proxectos, públicos ou privados, consistentes na realización das obras, instalacións ou de calquera outra actividade comprendida no seu anexo I, deberán someterse a unha avaliación de impacto ambiental.

Dado que entre os proxectos incluídos no antedito anexo I se atopan as estradas de novo trazado, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O obxecto deste proxecto é definir un novo vial con características de estrada C-80, que dea continuidade ás estradas AC-141 e AC-142 Cabanas-A Capela-Goente. Esta nova estrada comunica o parque empresarial de Penapurreira e remata no seu encontro coa C-641, estando prevista a súa conexión coa futura autovía Ferrol-Vilalba.

O trazado previsto discorre esencialmente en dirección leste-oeste, polos sectores montañosos que circundan a depresión tectónica das Pontes, coincidindo coa estrada AC-142 no seu primeiro treito, posteriormente sepárase cara ó sur e despois cara ó leste ata o seu encontro coa estrada C-641, tras un percorrido total de 8,75 km. Unha vez rematado o período de información pública modifícase o trazado da alternativa escollida nos seus últimos 500 m para evita-la afección a un elemento arqueolóxico.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio ambiental.

En virtude do establecido no artigo 5, punto 2º do citado decreto, a Dirección Xeral de Obras Públicas, o día 20 de novembro de 2000, e mediante a publicación no BOE nº 22, do 25 de xaneiro de 2001, e no DOG nº 22, do 31 de xaneiro, da resolución da Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, somete a trámite de información pública o estudio informativo da nova estrada Goente-As Pontes, clave AC/99/65.1, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña) e anuncia a apertura do proceso de información pública, por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación no DOG.

Durante o período de información pública, non se ten constancia da presentación de alegacións.

Con data do 30 de xullo de 2002 recíbese nesta dirección xeral o expediente ambiental completo do proxecto, remitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas, contendo o certificado de exposición ó público na Dirección Xeral de Obras Públicas e os informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural, Saúde Pública e Montes e Medio Ambiente Natural.

Unha vez realizada a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudio informativo da nova estrada Goente-As Pontes, clave AC/99/65.1, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

O órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre os que se atopan os seguintes documentos remitidos polo promotor:

-Proxecto de trazado: variante estrada AC-142. Treito: Goente-C-641 As Pontes, clave AC/99/66.1. Novembro de 1999.

-Informe complementario da Subdirección Xeral de Estradas sobre a afección ó patrimonio do proxecto de trazado: variante AC-142. Treito: Goente-CC-641.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente declaración de impacto ambiental, as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na documentación avaliada, de maneira que se asegure a minimización dos posibles impactos negativos, a fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existise contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

a) Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto definido no proxecto de trazado: variante da estrada AC-142. Treito: Goente-C-641 As Pontes, clave AC/99/66.1, de acordo co trazado reflectido no citado proxecto, salvo para o treito final (p.k. 8+250-p.k. 8+750), onde en atención á proximidade do elemento arqueolóxico denominado O Tesouro 1, de código GA15070069, proponse unha variante de trazado que, discorrendo máis ó sur que o trazado orixinal, evite a afección sobre a área de

potencial arqueolóxico comprendida entre os elementos arqueolóxicos O Tesouro-2 de código GA3615070070 e o chamado O Tesouro-1, de código GA15070069; tamén se afasta da localización deste último, entroncando coa CC-641 a uns 500 m ó sur do punto de enlace orixinal. O novo punto de enlace coa CC-641 localízase á altura do p.k. 9+100. Este novo trazado reflíctese no plano que acompaña ó antedito informe complementario da Subdirección Xeral de Estradas.

b) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material.

1.1.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á rega de vías e zonas de obra de maneira suficiente nos períodos de seca e/ou fortes ventos.

1.2. Sobre o ruído.

1.2.1. Serán adoptadas as medidas correctoras precisas para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

1.2.2. En consecuencia, deberán desenvolverse sobre a solución definitiva os estudios de detalle precisos para valora-la afección sonora prevista e propoñer definitivamente as medidas correctoras axeitadas.

2. Protección dos solos.

2.1. De acordo co reflectido no proxecto e EsIA, delimitarase a zona afectada polas obras, incluíndo as instalacións e vías auxiliares se aquelas as precisasen, restrinxindo os movementos da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto.

2.2. Na selección das zonas destinadas á localización das instalacións auxiliares, consideraranse os criterios que constan no EsIA, de maneira que estas se sitúen prioritariamente sobre a traza, e, se non é posible, en espacios carentes de valores ambientais relevantes, é dicir, masas do bosque climácico o edafófilo, bens patrimoniais, entidades de poboación, etc. Estas instalacións reflectiranse nun plano a escala axeitada tal e como se require no punto 9.2.

2.3. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse nas zonas antes sinaladas, onde se deberá dispor dos medios

necesarios para previr calquera afección por derrames accidentais. No caso da maquinaria apta para circular por estrada, estes labores levaranse a cabo en talleres autorizados. Achegarase unha definición suficiente dos ditos medios segundo consta no punto 9.2.

2.4. Á hora de definir vías auxiliares, se se precisasen, primará o uso da propia traza fronte ó das vías locais preexistentes e, de ámbalas dúas, fronte á apertura de novas vías. Estas deberán ser definidas e reflectidas en planos, tal e como se require no punto 9.1.

2.5. Retirarase e amorearase a terra vexetal procedente dos labores de escavación e movementos de terras, tal e como se indica no estudio ambiental, co obxecto de usala posteriormente no proceso de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios afectados polas obras. Esta zona localizarase nos planos requiridos no punto 9.2. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullo.

2.6. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co EsIA).

2.7. Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras deberá proceder de canteiras autorizadas e con plan de restauración aprobado.

2.8. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras e da explotación da nova vía deberán xestionarse conforme a súa natureza e conforme a lexislación vixente en cada caso. Os sobrantes de terras, se os houbese, serán depositados en localizacións autorizadas polo órgano competente.

2.9. De realizarse almacenamentos temporais de residuos entrementres non se produce a súa entrega ós correspondentes xestores, estes localizaranse no marco da zona de obras e en superficies delimitadas e destinadas para tal fin, nas que ademais, se deberá dispor de contedores ou outros medios similares para evita-las afeccións ó solo. Estas zonas reflectiranse no plano requirido no punto 9.2.

2.10. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que éstas non foran situadas sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vieiros de obra que no vaian ser utilizados posteriormente ó remate daquelas.

3. Protección das augas e leitos.

3.1. Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada polo organismo de bacía correspondente.

3.2. Procederase ó balizado ou sinalización axeitada dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, etc. e, en xeral, todas aquelas actividades que, a consecuencia das escorregas ou asolagamentos, puidesen supoñe-la contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

3.3. Así mesmo, e en fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e dos procesos de voadura ás augas continentais, tal e como se require no punto 9.3 desta declaración de impacto ambiental. Así mesmo, prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos, así como o lavado de materias nos cursos.

3.4. No deseño dos dispositivos de drenaxe terase en conta a capacidade de acollida dos regos receptores, de forma que as achegas non ocasionen alteracións substanciais nestes, así como o efecto que poida introducir pola diminución do tempo de concentración. Así mesmo, proxectaranse de xeito que se evite a formación de asolagamentos ou deposicións nos puntos de incorporación á rede natural.

3.5. O destino dos sobrantes decidirase previamente ó inicio das obras, elixindo zonas que, ademais de estaren autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente.

3.6. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

4. Protección da vexetación.

4.1. Previamente á afección á vexetación de ribeira, así como para a corta de arboredo e a plantación de árbores en terreos de dominio público hidráulico, contarase coa autorización da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación que non resulte afectada directamente pola execución das obras proxectadas. Neste senso, balizarase a zona de obras nas proximidades de masas de vexetación de especial valor, como pode se-la vexetación de ribeira, ou bosques de frondosas.

5. Protección da fauna.

5.1. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras, levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

5.2. As obras de drenaxe transversal deberán ter amplitude suficiente para permiti-lo paso da fauna. Cando as obras de drenaxe afecten cursos permanentes, utilizaranse preferentemente estructuras que non afecten o leito, como pórticos ou arcos, evitando a instalación de pasos tipo marco. En caso de que tecnicamente non sexa posible, deberán xustificarse as estructuras que se van instalar, garantindo que co seu deseño non se xeren no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade, e que se minimiza a lonxitude do paso ó máximo posible. A totalidade do sistema de drenaxe debe ser considerado como paso bidireccional de fauna e, por tanto, desprovisto de estructuras de caída vertical que impidan o retorno. Así mesmo, o deseño de tódolos elementos de drenaxe deberá prever que as especies que caian neles poidan saír. O deseño deste sistema de drenaxe deberá ser xustificado, segundo o requirido no punto 9.4.

6. Protección da paisaxe.

6.1. Procederase a redactar un proxecto de restauración dos espacios alterados polas obras con base nas liñas xerais expostas no EsIA, incluíndose tamén os medios precisos para dar cumprimento á presente declaración de impacto ambiental.

6.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, aplicaranse os procedementos de restauración coa maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

7. Protección do patrimonio.

Levaranse a cabo as seguintes actuacións arqueolóxicas nos termos e períodos temporais que se indican a continuación:

7.1. Como cautela xeral para tódolos bens do patrimonio tanto arquitectónico como arqueolóxico, considérase preciso que estes figuren claramente identificados na cartografía utilizada polo persoal de obra, cara a evitar posibles afeccións.

7.2. No caso de que apareceran novos xacigos arqueolóxicos no curso da execución das obras, deberanse establecer e executa-las medidas correctoras precisas para palia-lo impacto.

7.3. De xeito previo ó inicio das obras deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio, un proxecto para a realización dun control e seguimento das fases de replanteo, execución das obras e de restitución dos terreos. Ámbolos dous deberán ser autorizados por esta dirección xeral e realizarse conforme a normativa vixente na materia.

7.4. O control e seguimento arqueolóxico será exhaustivo no contorno da Medoña da Cruz do Pinel (GA15070075).

7.5. Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección

Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia.

8. Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Con este fin, adaptarase o programa de vixilancia e seguimento ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos da presente declaración, incorporándose ás correspondentes partidas orzamentarias e remitíndollo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 10.5 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2) exemplares de:

8.1. Durante a fase de obras:

8.1.1. Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

8.1.2. Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 9.7, xunto co cronograma actualizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

8.1.3. Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras contempladas no estudio así como as impostas na declaración de impacto ambiental, e en concreto:

-Informe, xunto con reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

-Estado da restauración, especialmente nas zonas de ribeira e onde se leven a cabo plantacións.

8.2. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

-Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento

ambiental solicitado no punto 9.7, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

No caso de xerarse algún informe especial, definido no programa de vixilancia e seguimento ambiental do estudio presentado, remitirase coa maior brevidade posible a esta dirección xeral.

9. Documentación adicional.

Previamente ó inicio do proceso constructivo, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, dúas (2) copias da seguinte documentación:

9.1. Definición, incluíndo representación cartográfica a escala axeitada (mínimo 1:5000), da localización dos vieiros de obra, incluíndo a xustificación da apertura de novos vieiros en caso de que se precisen.

9.2. Plano de escala 1:5000 onde se sinale a situación das instalacións auxiliares ou zonas de amoreamento das obras segundo sexa previsto. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a previ-la xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. Inclúense aquí tanto instalacións auxiliares como lugares destinados á realización de amoreamentos e parques de maquinaria.

9.3. Definición dos sistemas destinados a previ-la contaminación das augas a consecuencia dos procesos de escorrega superficial en fase de movementos de terras.

9.4. Detalle da configuración e características das obras de drenaxe transversal en atención ó sinalado na condición 5.2.

9.5. Proxecto de restauración detallado conforme o sinalado na condición 6.

9.6. Proxecto de seguimento e control arqueolóxico das obras conforme establece a condición 7.

9.7. Programa de vixilancia ambiental adaptado ós condicionantes da presente declaración e conforme o sinalado na condición 8.

10. Condicións adicionais.

10.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicaralle a esta dirección xeral a data de comezo de execución das obras.

10.2. Se unha vez emitida esta declaración de impacto ambiental, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito

se poderá proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

10.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

10.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificando o seu nomeamento ó órgano ambiental.

10.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental, e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, así mesmo, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

10.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

10.9. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º do Decreto 442/1990, do 13

de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa realizado este trámite.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2002.

Director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

ANEXO I

Descricion do proxecto

O obxecto do proxecto é a definición da nova estrada Goente-As Pontes, clave AC/99/65-1, tendo en conta para isto os condicionantes de carácter técnico, urbanístico, impacto ambiental, social e características xeolóxicas, xeotécnicas e topográficas dos terreos.

Trátase dunha nova vía con características de estrada C-80 que dea continuidade ás estradas AC-141 e AC-142 Cabanas-A Capela-Goente, cun proxecto de mellora pendente de execución. Esta nova estrada comunicará o parque empresarial de Penapurreira, do que xa está concluída a 1ª fase e remataría no seu encontro coa C-641, estando prevista a súa conexión coa futura autovía Ferrol-Vilalba, actualmente en fase de estudio.

A zona que se estudia comprende desde a localidade de Goente, situada á altura do p.k. 19+000 da estrada AC-142, ata a estrada C-641 ó seu paso polos arredores das Pontes, pasando polos lugares de Congostras, Filgueiras, Porto dos Frades, Maciñeira e Penapurreira. A totalidade da zona de estudio pertence ó concello das Pontes. A lonxitude do treito que hai que estudiar é duns 8,75 km.

Debido ós condicionantes que se formularon ó realizar este proxecto de trazado da nova estrada Goente-As Pontes, que son:

-O trazado nun primeiro treito atravesa o núcleo urbano de Goente.

-Existencia dunha zona de reserva viaria delimitada no proxecto do parque empresarial de Penapurreira para o paso e conexión da nova vía.

-Que os terreos ocupados pola traza sexan preferiblemente terreos destinados a zona industrial para expansión do parque empresarial de Penapurreira.

-Punto final de conexión da nova vía condicionado para permitir unha axeitada conexión coa futura autovía Ferrol-Vilalba.

-Rede viaria existente na zona e conexión con ela.

O estudio das posibles solucións está claramente limitado, e sobre a base disto chegouse á conclusión de que so é viable unha alternativa (A-1), da que se analiza tamén unha alternativa 2 variante nun pequeno treito do seu percorrido.

O trazado previsto discorre esencialmente en dirección leste-oeste, polos sectores montañosos que circundan a depresión tectónica das Pontes, coincidindo coa estrada AC-142, no seu primeiro treito, posteriormente sepárase cara ó sur e logo cara ó

leste ata o seu encontro coa estrada C-641, tras un percorrido total de 8,75 km.

Alternativa proposta (A-1):

O trazado está dividido en dous treitos chamados eixe 10 e eixe 20, ámbolos dous conectados por unha rotonda a nivel, na que tamén conflúe a estrada existente AC-142.

O eixe 10 no seu primeiro treito ata o p.k. 13+320 coincide a súa traza coa da estrada AC-142, discorrendo polo núcleo de Goente e os lugares de Congostras e Filgueiras. Neste treito ata o p.k. 10+920 só se proxecta unha mellora do firme con 6 cm de aglomerado D-20; neste primeiro treito, a sección transversal adáptase á existente. A partir do p.k. 13+320 realízanse pequenas variacións tanto en alzado como en planta respecto do trazado actual da AC-142. No p.k. 13+320 a traza abandona o trazado actual para chegar á rotonda a nivel mencionada anteriormente, onde remata este primeiro eixe.

O eixe 20 parte da rotonda e adáptase sensiblemente á orografía da zona, e pasando por Porto dos Frades, enlaza coa zona de reserva viaria contemplada no parque empresarial de Penapurreira, antes de chegar ó polígono salva unha canle de protección da mina no p.k. 21+010. Así mesmo, construirase un camiño de servicio para repoñe-la rede viaria da zona que se conectará na glorieta.

Sálvase a rede viaria do polígono cun paso inferior no p.k. 21+220 no eixe 0 do polígono e propoñendo a supresión do eixe 3, por considerar que a rede viaria do polígono quedará completada cunha glorieta de conexión da nova vía con ámbalas dúas marxes do polígono no p.k. 21+720. Tras abandona-la reserva viaria, a traza discorre polo lugar de Maciñeira onde se proxectan sobre os camiños da zona un paso superior no p.k. 22+290 e un paso inferior no p.k. 22+520.

Atravésase unha zona en valgada onde se producen os maiores terrapléns e onde se proxectan camiños de servicio a ámbolos dous lados, ata chegar a un paso superior no p.k. 23+820 á altura do lugar de Penapurreira, zona onde se producen os maiores desmontes.

A partir deste punto a estrada baixa ata chegar ó seu final coa conexión en T canalizada no p.k. 25+150, antes de chegar ó remate do eixe, proxéctase unha intersección semidireccional para comunica-lo lugar de Penapurreira no p.k. 24+520.

Proxéctase un carril adicional en dous treitos deste eixe, entre os p.k. 20+000 e p.k. 21+580 e desde o p.k. 23+680 ata o remate do eixe debido ás pendentes existentes que acadan o 4,5% no primeiro treito e o 5,5% no segundo treito.

Alternativa A-2: variante:

É unha variante ó eixe 20 ó comezo do seu percorrido, ata chegar á zona de reserva viaria do parque empresarial de Penapurreira.

Tras abandona-la glorieta de conexión co eixe 10, esta variante discorre polo outeiro entre os dous picos do Porto dos Frades, baixando en liña recta sen adaptarse á orografía, para coincidi-lo seu trazado desde o p.k. 31+100 co do eixe 20.

Igual que o eixe 20 deberá salvar un camiño local cun paso a distinto nivel e o canal de protección da mina. Esta variante levará carril adicional en toda a lonxitude da súa traza ata a súa coincidencia co eixe 20.

Medidas correctoras

Atmosfera:

-Composición: cando se dean condicións atmosféricas desfavorables realizaranse regas das zonas afectadas por movementos de terras, e cubriranse os materiais durante o seu transporte.

-Niveis sonoros: instalarase unha pantalla vexetal que funcionará como protección sonora e contribuirá á integración no contorno da infraestructura.

Solos:

-Delimitación e balizamento exacto das zonas afectadas, de xeito que se xeren as actuacións estrictamente precisas e que non se incrementen os préstamos.

-Definiranse claramente as áreas de circulación, estacionamento, almacenamento de materiais, etc., para reduci-las superficies alteradas.

-Recoméndase situa-las instalacións auxiliares na propia traza, e cando non sexa posible, en zona de baixa calidade ambiental, considerando en principio como zona prioritaria os terreos da entulleira da central térmica das Pontes.

-Prevención de verteduras accidentais, habilitando zonas como parques de maquinaria, establecendo un plan de recollida das verteduras, dispoñendo depósitos para o efecto e xestionando axeitadamente estes residuos. Primarase o emprego de talleres especializados para as tarefas que poidan produci-las verteduras máis contaminantes.

-Reconstrucción nos terrapléns da secuencia de horizontes observada nos solos alterados.

-Recuperación e tratamento do máximo volume posible de solo fértil para o seu posterior emprego en procesos de revexetación e acondicionamento paisaxístico.

Xeoloxía, erosión e inestabilidade:

-Estas medidas están centradas principalmente no deseño axeitado dos desmontes e terrapléns.

-Planificarase o amoreamento de materiais de préstamo alleos á obra de xeito que non produza alteracións ambientais.

-Xestionaranse axeitadamente os sobrantes de escavación.

-Protexeranse os noiros e zonas denudadas mediante revexetación.

Calidade das augas:

-Na construcción de estructuras de drenaxe evitarase a afección á vexetación de ribeira. Se isto non fora posible, aplicarase un plan de recuperación do espacio.

-Definirase un plan viario e de accesos á obra co fin de evita-la dispersión de vehículos e maquinaria polas proximidades dos leitos.

Procesos de escorrega:

-O sistema de drenaxe considérase correctamente dimensionado, nembargantes, recoméndase un seguimento do seu correcto dimensionamento e situación.

-Definirase un plan de labores de limpeza e conservación dos sistemas de drenaxe, evitando o emprego de herbicidas.

Fauna:

-Para solventa-lo posible efecto barreira sobre a fauna, deberá realizarse un proxecto de adecuación de la infraestructura a las comunidades faunísticas del territorio.

-Neste proxecto consideraranse as seguintes cuestións:

* Actuacións en áreas adxacentes.

* Actuacións sobre estructuras preexistentes (uso como pasos de fauna de estructuras existentes).

* Deseños específicos.

Paisaxe:

-O acondicionamento paisaxístico das obras de construcción realízase mediante a execución dun proxecto de restauración.

Patrimonio cultural:

-A memoria da prospección arqueolóxica intensiva establece unha serie de medidas correctoras puntuais que fan referencia fundamentalmente a:

* Sinalización con balizado permanente do elemento.

* Información ós responsables de obra da situación exacta na cartografía do proxecto.

* Supervisión periódica dos elementos mentres duren as obras.

* Acondicionamento paisaxístico no contorno visual máis inmediato do elemento coincidente coa zona de obras.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural informa:

Requírese que se realicen e estudien en detalle aqueles axustes de cálculo e deseño no que respecta

ós sistemas de drenaxe proxectados (tanto lonxitudinais como transversais), de maneira que non se produzan alteracións sobre a rede hidrográfica nos puntos de desaugamento, nin se xeren fenómenos erosivos, inundacións ou sedimentacións.

Engaden que debe presentarse un estudio xustificativo, acompañado da axeitada representación gráfica, dos parámetros de deseño das estructuras e sistemas de drenaxe, de maneira que se asegure e xustifique a non xeración dos problemas antes citados.

Indican que tamén deberá respectarse o réxime de caudais nos cursos interceptados polo proxecto. Ademais, nas seccións directamente implicadas, certificarase e xustificarase que o fluxo das augas manteña as actuais condicións de velocidade e profundidade da lámina de auga, para o que se establecerán aquelas estructuras que resulten precisas para cumprir co indicado. En todo caso, xustificarase tecnicamente a adecuación das solucións adoptadas ós obxectivos indicados.

Evitarase a adopción de pasos tipo marco e, no caso de se adoptaren, disporanse as medidas e modificacións oportunas co obxecto de garantir que non se convertan en obstáculos ó remonte da fauna piscícola, para o cal, o seu deseño asegurará que no se xeran no punto de paso láminas de auga de pouca profundidade e excesiva velocidade e que se minimiza a lonxitude do marco ó máximo posible. Para iso, primará a adopción de estructuras de paso que non alteren os leitos.

Evitarase a vertedura de substancias contaminantes ás augas (cemento, residuos, aceites...). Así mesmo, non se poderá altera-la calidade das augas no que respecta as súas condicións físico-químicas e bióticas, cumprindo para iso co establecido ó respecto na lexislación vixente, é dicir, Directiva 78/659/CEE, Real decreto 927/1988 e Decreto 130/1997. Así mesmo, e en relación con isto, haberá que ter en conta que non se acumularán nos leitos naturais nin nas zonas de servidume terras, residuos, material de construcción ou calquera outro tipo de material ou substancias contaminantes que, a consecuencia de escorregas ou enchentes, puideran incorporarse ós cursos de auga, evitarase, no posible, o arrastre de sólidos en suspensión e prohíbese o lavado de materiais e utensilios nos ríos ou regatos.

Establecerase un procedemento de vixilancia sobre a posible aparición de fenómenos erosivos ocasionados pola rede de drenaxe. Incorporarase ó programa de vixilancia ambiental e manterase durante a vida útil do proxecto.

Engaden que para afectar ós leitos e dominio público hidráulico requírese autorización do organismo de bacía, salvo no caso de que a dita modificación afecte ós ecosistemas fluviais, requírese informe preceptivo da Dirección Xeral de Montes e MAN segun

do o disposto no artigo 77.3º do DE 130/1997. Cando se pretendan realizar cortas de especies arbóreas deberá terse en conta o disposto no Regulamento de montes, o que implica que terá que facerse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, no suposto de que se afecte á vexetación de ribeira haberá que solicita-la correspondente autorización ó Servicio Provincial do MAN, tal e como establece o Decreto 130/1997.

Para o aproveitamento e utilización de calquera tipo de vexetación nas ribeiras dos ríos e das augas, será precisa autorización previa do Servicio Provincial de Medio Ambiente, en función do establecido no artigo 16 da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento. Para a modificación da vexetación de ribeiras e marxes precisarase dun informe do Servicio Provincial de Medio Ambiente, en función do establecido no artigo 16 da Lei de pesca fluvial e no artigo 56 do seu regulamento.

En atención ó posible efecto barreira da infraestructura respecto da fauna, indícase que as obras de drenaxe transversal deben presentar amplitude suficiente para permiti-lo paso daquela. Recoméndase evitar sistemas de drenaxe tipo marco ou tubo. No caso de non poder habilitar pasos axeitados, consideraranse medidas compensatorias, como bebedeiros, charcas de reproducción de anfibios, refuxios, etc.

No caso de deixarse treitos mortos debe procederse á súa restauración.

Non se poderán depositar nin acumular residuos sólidos no ámbito da zona de obras. En caso de utilizar canteiras abandonadas ou outros lugares para o amoreamento de residuos, indicarase cáles son e establecerase un programa de actuacións para acondicionar estas zonas conseguindo unha boa integración co medio. En calquera caso, a totalidade dos residuos xerados tanto en fase de construcción como de explotación, deberán xestionarse de acordo coa súa natureza e a lexislación vixente.

Deberá definirse a retirada, almacenamento e acondicionamento da terra vexetal.

No que respecta ás medidas correctoras, protectoras e compensatorias, deberán desenvolverse e definirse con detalle suficiente. Así mesmo, orzaranse, e incorporaranse, se procede, ó preceptivo prego de condicións e, por último, incorporaranse ó proxecto como unidades de obra.

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural:

Nun primeiro informe, considera conveniente se proceda a modifica-lo proxecto de trazado co obxecto de evitar que este discorra pola área de protección (200 m) dos seguintes elementos arqueolóxicos: túmulos nº 1, nº 2 e nº 3 do Monte do Pico, Medoña da Cruz do Piñel e túmulos nº 1, nº 2, nº 3, nº 4,

nº 5 e nº 6 do Tesouro; todos eles situados no ámbito do treito de novo trazado.

No que respecta ó treito correspondente ó acondicionamento da estrada xa existente, aféctase tamén ó ámbito de protección dos túmulos das Congostras e dos túmulos nº 1 e nº 2 de O Piñeiral, polo que tamén consideran oportuno modifica-lo proxecto no sentido de que a ampliación proxectada se realice cara ó lado oposto do que se atopan os elementos citados.

Engade, así mesmo, a necesidade de aplicar un procedemento de seguimento e control arqueolóxico en fase de execución de obra, procedemento que deberá axustarse á normativa vixente a ese respecto.

Posteriormente, nun segundo informe, e en atención ás xustificacións e modificacións puntuais de trazado vertidas no informe complementario da Subdirección Xeral de Estradas sobre a afección ó patrimonio do proxecto de trazado: variante AC-142. Tramo: Goente-CC-641, considérase que as medidas correctoras propostas no EsIA e memoria técnica da prospección arqueolóxica son aceptables e axeitadas para garanti-la preservación dos bens patrimoniais.

Ademais, considérase precisa a presentación dun proxecto arqueolóxico para a realización do control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e de restitución dos terreos, proxecto que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural de xeito previo ó comezo das obras.

En función dos resultados das actuacións arqueolóxicas referidas, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, decidirá sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia. Igualmente, e tamén en virtude da citada normativa, os traballos arqueolóxicos serán realizados con cargo ó financiamento do proxecto.