Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Martes, 21 de xaneiro de 2003 Páx. 661

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 22/2003, do 20 de xaneiro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Polo Decreto 309/2001, do 17 de decembro, determináronse os centros directivos da Presidencia da Xunta de Galicia. Como consecuencia da necesidade de adaptación á nova estructura orgánica da Xunta de Galicia, fixada polo decreto 8/2003, do 18 de xaneiro (DOG do 20 de xaneiro), este decreto fixa os órganos superiores que continúan dependendo da Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, segundo o disposto no artigo 4 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei de Galicia 11/1988, do 20 de outubro, por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xaneiro de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Dependerán funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública os seguintes órganos superiores:

1. Secretaría Xeral da Presidencia, á que estarán adscritos os seguintes órganos:

1.1. Departamento de Protocolo e Relacións Públicas, con nivel orgánico de dirección xeral.

1.2. Gabinete de Apoio, o titular do cal terá rango de director xeral.

2. Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia.

3. Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

4. Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ó disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para a xestión dos créditos afectados pola nova estructura administrativa, sen que en ningún caso se poida orixinar incremento de gasto.

Segunda.-A Consellería de Economía e Facenda realizará as modificacións orzamentarias necesarias para lle dar cumprimento ó disposto neste decreto.

Terceira.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xaneiro de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública