Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2003 Páx. 577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

DECRETO 365/2002, do 19 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e interese social e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola ampliación do depósito de lamas vermellas da factoría de Alúmina Española, S.A. en San Cibrao-Xove (Lugo).

Con data do 29 de maio de 2002, Alúmina Española, S.A. solicitou a declaración de utilidade pública e interese social da ampliación do depósito de lamas vermellas propiedade da sociedade na factoría de San Cibrao-Xove (Lugo), a iniciación e tramitación do expediente de expropiación pola vía de urxente ocupación, de acordo co previsto na vixente Lei de expropiación forzosa e o seu regulamento, e a declaración da sociedade como beneficiaria da expropiación solicitada.

O proxecto de ampliación foi aprobado por resolución da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental desta consellería, pola que se autoriza a empresa Alúmina Española, S.A. para a realización

de actividades de eliminación de residuos non perigosos que non teñan a consideración de urbanos ou municipais consistente na explotación dun vertedoiro.

Os bens e dereitos nos que se concreta a declaración de urxente ocupación aparecen recollidos e relacionados no proxecto presentado e foron sometidos ó trámite de información pública por un período de 20 días, a través da Resolución do 10 de xullo de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (DOG nº 142, do 10 de xullo), publicándose tamén no BOP de Lugo nº 177, do 3 de agosto e no xornal El Progreso de Lugo de data 26 de xullo de 2002, co fin de que os propietarios que figuraban como persoas ou entidades que se consideren afectadas, puidesen por escrito emenda-los posibles erros padecidos na relación de bens ou face-las alegacións que consideren pertinentes.

Alúmina Española, S.A. razoa a necesidade da urxente ocupación dos bens e dereitos afectados no feito de que ó ritmo actual da vertedura de lamas que se está producindo no encoro (aproximadamente 800.000 metros cúbicos anuais, o que equivale a uns dous metros anuais de suba de nivel) a partir do ano 2003 a lama comezará a alcanza-las parcelas estremeiras.

O devandito ritmo de vertedura da lama vermella é a consecuencia necesaria da normal actividade productiva de Alúmina Española, S.A., xa que o producto resultante desta actividade, a alúmina, xera o residuo indicado. A solución proposta non é temporal nin parcial, tenta dar unha solución conxunta de futuro, que permita a ampliación do encoro coa incorporación das necesarias medidas de seguranza que esixe a normativa vixente.

Destaca que no proxecto presentado de recrecemento do depósito de barros vermellos ata a cota 85, a capacidade máxima do encoro non supera a cota 85, pero prevese unha serie de obras auxiliares que precisan contar con terreos por riba desa cota para dota-las instalacións da necesaria seguranza e permiti-la correcta explotación do encoro: canal perimetral, pista perimetral, recrecementos de cola e restitución da estrada Lago-Morás e demais obras auxiliares.

Por tanto, tendo en consideración que o artigo 12 da Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, declara de utilidade pública e interese social para os efectos de expropiación forzosa o establecemento ou ampliación de instalacións de almacenamento, valorización de residuos e que o artigo 15 da Lei de expropiación forzosa permite incluír entre os bens de necesaria ocupación os que sexan indispensables para as previsibles ampliacións da obra ou finalidade de que se trate, en virtude do exposto e en aplicación do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co artigo 12 da devandita Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública e interese social e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído para efectos de expropiación no proxecto de ampliación do depósito de lamas vermellas da factoría de Alúmina Española, S.A. en San Cibrao, municipio de Xove (Lugo), solicitada pola sociedade como beneficiaria da expropiación forzosa.

Disposición derradeira

A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA