Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2003 Páx. 572

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 362/2002, do 27 de decembro, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, dunha caseta de legoeiros no p.k. 69,048 da estrada C-552.

O artigo 30.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, sinala que os bens patrimoniais inmobles da Comunidade Autónoma dos que non se xulgue previsible a súa afectación demanial ou aproveitamento pola propia Administración, poderán ser cedidos gratuitamente polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a favor de institucións e corporacións públicas ou sen ánimo de lucro, que deberán destinalos a fins de utilidade pública ou de interese social.

O Concello de Vimianzo solicitou a cesión en propiedade do inmoble situado no seu termo municipal, na estrada C-552 no punto quilométrico 69,048, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 3317/1982 (BOE nº 291, do 4 de decembro), modificado polo Real decreto 2708/1983, sobre transferencias de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de estradas (BOE nº 255, do 25 de outubro).

Mediante o Decreto 287/2002, do 19 de setembro (DOG nº 195, do 9 de outubro), desafectouse do dominio público a caseta de legoeiros no p.k. 69,048 da estrada C-552; pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de outubro de 2002 (DOG nº 231, do 29 de novembro) declarouse a alleabilidade do antedito inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da

deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintesete de decembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión a título gratuíto a favor do Concello de Vimianzo da propiedade dun inmoble situado na actual Avenida Benito Blanco Rajoy, 16, punto quilométrico 69,048 da estrada C-552, da vila e municipio de Vimianzo (A Coruña); que ten unha superficie aproximada de 308 m. Sobre este predio construíuse unha caseta de legoeiro, cunha superficie de ocupación aproximada de 198 m. Estrema: norte, herdeiros de Manuela Mouzo; sur, estrada C-552, A Coruña-Fisterra; leste, Enrique Espadín Romero; oeste, Banco Pastor e rúa Castelao.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Corcubión no tomo 847, libro 165, folio 141, predio nº 20719, inscrición 1ª.

Artigo 2º

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será o acondicionamento do ben para mellora-la circulación rodada e a seguridade peonil da rúa e estrada coas que conflúe o inmoble, ampliando así os vieiros, mellorando a súa visibilidade, facilitando as manobras do tráfico, e ó mesmo tempo facendo un tratamento integral da zona para esparexemento e uso público.

b) Se o ben cedido non se aplicase ó fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) A cesión formalizarase mediante escritura pública, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, sendo os custos de outorgamento de conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión, incluído se o houbese o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vintesete de decembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA