Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Venres, 17 de xaneiro de 2003 Páx. 567

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2003 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 16 de xaneiro de 2003, polo que se aproba o Plan de racionalización de efectivos do edificio administrativo de Monelos na Coruña, e se dispón a posta en funcionamento dos seus servicios comúns.

Un dos obxectivos básicos do Programa de reforma administrativa da Xunta de Galicia é o de conseguir unha Administración autónomica máis eficaz e eficiente que estea ó servicio do cidadán.

Neste sentido inscríbese a progresiva posta en funcionamento dos novos edificios administrativos de servicios múltiples que concentren as oficinas administrativas da Xunta de Galicia, actualmente dispersas, nas grandes cidades galegas.

Polo que atinxe ó edificio administrativo de Monelos na Coruña, onde están situadas diferentes delegacións da Administración autonómica, e co fin de

mellora-la atención que se lles presta ós cidadáns, faise necesario a posta en funcionamento dos seus servicios comúns, que pasan a estar integrados polos postos de traballo das delegacións afectadas que ata o de agora desenvolvían as mesmas funcións pero dun xeito disperso e independente, manténdoselle as características do posto de traballo de orixe.

En consecuencia, por proposta da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Negociación de Funcionarios e a Comisión de Persoal, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil tres, adoptou o seguinte acordo:

Primeiro.-A posta en funcionamento dos servicios comúns do edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña (edificio administrativo Monelos; rúa Salvador de Madariaga) a partir do día 3 de febreiro de 2003.

Segundo.-A Delegación da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Coruña encargarase da xestión dos servicios comúns do edificio: rexistro, información administrativa e atención ó cidadán, compulsas, conserxería xeral, limpeza, telecomunicacións de voz e datos e mantemento.

Para tal fin, ó amparo do artigo 29.5º da Lei 4/1988, do 26 de maio (DOG nº 104, do 1 de xuño), da función pública de Galicia, modificada pola Lei 3/1995, do 10 de abril (DOG nº 76, do 20 de abril), apróbase a nova relación de postos de traballo da Delegación da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública da Coruña (anexo I.A), na que se integran os postos de traballo das distintas consellerías segundo o cadro de equivalencias que se relaciona no anexo I.B; así mesmo, procédese á amortización dos postos que figuran no anexo I.C e modifícase a localización dos postos relacionados no anexo I.D.

Terceiro.-As relacións de postos de traballo (RPT) das consellerías que resulten afectadas pola modificación a que se refire o punto 2 deste acordo, quedan modificadas nos termos del.

Cuarto.-Este acordo entrará en vigor o día 27 de xaneiro de 2003.

Visto o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaseis de xaneiro de dous mil tres, polo que se aproba o Plan de racionalización de efectivos do edificio administrativo de Monelos na Coruña, e se dispón a posta en funcionamento dos seus servicios comúns, coa finalidade de cumpri-lo dito acordo, dispoño que se publique no Diario Oficial de Galicia como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública