Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Luns, 13 de xaneiro de 2003 Páx. 371

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2002 pola que se convocan, para a súa provisión, polo sistema de libre designación, tres postos vacantes do cadro de persoal funcionario de administración e servicios desta universidade.

Vacantes na Universidade de Santiago de Compostela os postos de traballo que se indican nos anexos a esta resolución e sendo necesaria a súa provisión con carácter urxente,

O rector, en uso das atribucións que ten conferidas e de conformidade co previsto no artigo 6 da Lei 3/1995, modificado polo artigo 27 da Lei 4/1998, do 26 de maio, da función pública de Galicia e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, resolve convoca-la provisión, mediante libre designación, dos anteditos postos, con suxeición ás seguintes bases da convocatoria:

1. Requisitos dos candidatos: poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira que reúnan os requisitos que se esixen e se especifican nos anexos.

2. Solicitudes:

2.1. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, sendo o prazo de presentación de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os aspirantes deberán xuntarlle á solicitude un currículum vitae, e xustificar debidamente os méritos que aleguen.

2.2. A presentación de solicitudes poderá facerse no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, situado no Rectorado da Universidade (Colexio de San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, Santiago de Compostela), no Rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio de Servicios Administrativos e Biblioteca Intercentros (avda. de Bernardino Pardo Ouro, s/n, polígono de Fingoi, 27002 Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2.3. Os erros de feito poderán emendarse en calquera momento de oficio ou por petición do interesado.

3. Adxudicación de postos: no caso de resultar seleccionados funcionarios con destino noutra Administración pública, requirirase o informe favorable do departamento ó que figure adscrito.

4. Norma derradeira. Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa recepción, de conformidade cos artigos 46 e 8.2º a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada por Lei 29/1988, do 13 de xullo.

Non obstante, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o dictou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2002.

Senén Barro Ameneiro

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a do Vicerrectorado de Calidade e Planificación Estratéxica.

Grupo: C/D.

Nivel: 20.

Complemento específico: 3.911,88 A.

Quenda: mañá.

Localidade: Santiago de Compostela.

ANEXO II

Denominación do posto: secretario/a do Vicerrectorado de Organización Académica e Profesorado.

Grupo: C/D.

Nivel: 20.

Complemento específico: 3.911,88 A.

Quenda: mañá.

Localidade: Santiago de Compostela.

ANEXO III

Denominación do posto: secretario/a do Vicerrectorado de Terceiro Ciclo e Extensión Docente.

Grupo: C/D.

Nivel: 20.

Complemento específico: 3.911,88 A.

Quenda: mañá.

Localidade: Santiago de Compostela.