Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Xoves, 09 de xaneiro de 2003 Páx. 292

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras ás axudas que rexerán as liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres naquelas profesións ligadas a sectores e actividades considerados prioritarios en Galicia e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, determina no artigo 1 que a devandita consellería é o órgano da Administración autonómica ó que lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de familia, menores, mulleres, xuventude, formación ocupacional e promoción do emprego, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía e nos termos sinalados na Constitución española.

Ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de facilita-la formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

Por outra banda, no IV Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas dedícase unha área específica á formación, emprego e conciliación da vida persoal, familiar e laboral e, dentro dela, un dos obxectivos prioritarios é elimina-las barreiras que impiden ás mulleres incorporarse ó mercado laboral, consolidando a formación como medida prioritaria para a mellora e o incremento do emprego e estimulando, especialmente, a utilización de novas tecnoloxías.

Neste marco, a consolidación das actividades económicas existentes, sobre todo a aparición de actividades novas na súa concepción, vén esixir un incremento na capacitación dos recursos humanos utilizados nelas.

A innovación técnica e organizativa das actividades económicas, a incorporación masiva da muller ó mundo do traballo e a preocupación que leva consigo a plena integración comunitaria demandan plans adecuados á realidade actual, plans nos que a formación que se imparta se adapte ás necesidades existentes.

A formación para o emprego débese conformar como unha acción programática co fin de superar concepcións tradicionais de ofertas de emprego en profunda transformación.

A presente resolución pretende concreta-los principios xerais da formación ocupacional, coordinando as accións de formación coas actividades de orientación profesional e a execución de accións e programas que faciliten a inserción laboral das mulleres e a mellora da súa cualificación profesional.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

As accións incluídas nesta resolución financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.50.212A 460.1, 14.50.212A 460.2, 14.50.212A 470.1, 14.50.212A 480.1, 14.50.212A 480.2, recollidas nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 e cos fondos reflectidos no marco comunitario de apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo e o importe global destinado a estas ascenderá a 2.158.000 A.

A tramitación desta resolución acóllese ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia na súa sesión do 17 de outubro de 2002 aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a súa debida aplicación nos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras aplicables, así como proceder á convocatoria pública das axudas e subvencións para a realización dos plans de actuación e de programas de formación profesional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller a prol das mulleres mediante a execución das seguintes actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo:

a) Apoio a programas de formación profesional realizados por entidades locais, asociacións ou empresas en favor das mulleres.

b) Coordinación de accións de formación ocupacional con actividades de orientación profesional e plans de fomento da economía social e a promoción de empresas.

c) Programas destinados a facilita-la inserción laboral das mulleres impulsando a súa cualificación profesional, naquelas profesións demandadas polo mercado de traballo.

d) Proxectos formativos de carácter singular que poidan achegar un valor engadido ás accións anteriores.

Artigo 2º.-Xestión e execución.

1. A xestión das accións previstas na presente resolución correspóndelle ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Poderán colaborar na impartición das accións previstas no presente programa e, consecuentemente, solicita-la súa inclusión na programación, as entidades que se citan a continuación:

a) As asociacións, entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia e outras de carácter social que carezan de ánimo de lucro e figuren inscritas, no último día de finalización do prazo da solicitude, no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais dependente da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, na área de actuación específica da muller, previsto no artigo 32 da Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, e desenvolvido polo Decreto 291/1995, do 3 de novembro, e pola Orde do 18 de xaneiro do 1996.

b) As empresas, exclusivamente para a formación das súas propias traballadoras.

c) As centrais sindicais ou as organizacións empresariais legalmente constituídas.

2. Tódalas entidades sinaladas no parágrafo anterior e que obteñan a concesión de axudas para a impartición de accións previstas na presente resolución non poderán subcontratar ou cederlle a un terceiro a súa impartición e xestión.

Artigo 3º.-Colectivos beneficiarios.

1. Poderán participar nas accións formativas previstas na presente resolución:

a) As mulleres que se atopen inactivas e poidan acreditar esta condición, nos cursos destinados a mulleres desempregadas.

b) Mulleres ocupadas ou que exercen unha actividade laboral, con exclusión das que presten os seus servicios en calquera tipo de Administración pública sexa cal sexa o seu vínculo con ela, nos cursos dirixidos a mulleres ocupadas.

2. Nos anexos I e II da presente resolución deberá indicarse o colectivo específico para o cal se solicita a subvención.

Artigo 4º.-Selección de alumnas.

1. Con carácter xeral, o número de alumnas participantes en cada curso estará comprendido entre 15 e 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnas para o cómputo da subvención, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12.

2. Para a selección das alumnas a entidade que vai imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública mediante anuncio, publicado polo menos a través dun dos xornais de maior tirada da provincia e obrigatoriamente en domingo, que requirirá a supervisión previa do órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da

Muller (dirección xeral ou delegación provincial). Neste anuncio especificarase como mínimo: a entidade ofertante, o cofinanciamento da acción por parte do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e do Fondo Social Europeo, as prazas existentes, o curso do que se trata, o perfil requirido das alumnas, e o enderezo, teléfono, localidade e data de realización das probas de selección.

Quedan exceptuadas deste requisito as empresas nas que a publicación se realizará por medio dun anuncio que se exporá no taboleiro que, destinado para o efecto, se atope situado nos locais da propia empresa.

O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos e a calquera outros que puideran ser establecidos polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller non será aboado con cargo ás axudas previstas na presente resolución.

A entidade efectuará a selección entre as que acudan a ela, tendo en conta que as alumnas seleccionadas deben ser desempregadas, agás nos cursos de ocupadas, levantando a correspondente acta que se deberá remitir ó órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (dirección xeral ou delegación provincial), con sete días de antelación ó comezo dos cursos. A situación de desemprego acredítase mediante a inscrición nalgunha das oficinas de emprego do Servicio Público de Emprego no momento da súa incorporación ó curso, xunto cun informe de vida laboral da desempregada. As mulleres ocupadas deberán acredita-la súa condición mediante a presentación dun informe de vida laboral expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

Nas accións formativas destinadas a mulleres desempregadas a entidade impartidora deberá, así mesmo, remitir á oficina de emprego correspondente relación de candidatas seleccionadas para os cursos e comunica-las incidencias (altas/baixas) que se produzan ó longo del.

3. As alumnas deberanse incorporar ó curso na data do seu inicio. De non incorporarse ou producirse baixas dentro da primeira cuarta parte do curso, poderanse substituír, a ser posible, por alumnas procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel da alumna.

4. Os cursos nos que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnas, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50% do número programado, poderán ser suspendidos polo órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Neste caso a entidade terá dereito a unha indemnización calculada de acordo co principio de proporcionalidade que será proposta pola Comisión de Valoración prevista no artigo 12º e será aprobada polo/a

delegado/a provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, segundo proceda.

Artigo 5º.-Dereitos e deberes das alumnas.

1. As alumnas que resulten seleccionadas para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. As alumnas terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos de formación ocupacional e a de facilita-la documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora dentro dos 5 primeiros días lectivos. Será causa de exclusión destes ó incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas no mesmo mes.

3. As alumnas que rematen os cursos con aproveitamento e, polo menos, asistan ó 75% das súas horas lectivas obterán un diploma oficial, no modelo que se estableza polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, acreditativo da súa realización no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI da alumna.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido (incluído o módulo de políticas de igualdade e o módulo sobre información, orientación profesional e técnicas de busca de emprego cando proceda).

e) Entidade impartidora.

Poderá concederse o diploma a aquelas alumnas que causen baixa no curso por atopar traballo, cando o/a docente estime que ten os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistira ó 75 por 100 das horas del.

Artigo 6º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, agás no caso de ocupadas, preferentemente en horario de mañá.

2. Nas especialidades formativas terán preferencia as profesións máis demandadas polo mercado laboral, as vinculadas ós novos viveiros de emprego e ás novas tecnoloxías, así como as vinculadas a profesións ou oficios con menor índice de ocupación feminina, nos termos que establece a orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16-9-1998, e que, en todo caso, estarán incluídas no catálogo de especialidades formativas.

As accións formativas deben incluír obrigatoriamente un módulo de políticas de igualdade que terá unha duración mínima de 8 horas e máxima de 12 horas, que conterá como mínimo os seguintes aspectos:

-Concepto de xénero.

-A situación histórica e socio-laboral das mulleres.

-Políticas de igualdade. Obxectivos. Accións positivas.

-Servicio Galego de Igualdade como organismo promotor da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Así mesmo, aquelas accións formativas destinadas a mulleres desempregadas incluirán un módulo de orientación e información profesional que terá unha duración mínima de 5 horas e máxima de 20 horas, que conterá información sobre as posibilidades de emprego abertas para a formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

Artigo 7º.-Inicio e remate.

Con carácter xeral as accións formativas deberanse iniciar antes do 31 de maio, mentres que o remate e xustificación delas producirase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 2003.

Artigo 8º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente resolución serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que será a resultante do número de horas do mesmo, polo número de alumnas e polo importe do correspondente módulo. Os módulos, asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada.

3. Computaranse como alumnas que remataron o curso aquelas que precisen abandonalo antes da súa finalización por atoparen un emprego ou ocupación productiva, acreditando tal extremo e sempre que asistiran ó 75% das súas horas. O número de alumnas que rematen o curso non pode supera-lo previsto para el.

4. A percepción da subvención prevista no presente artigo, que financia o 100% dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza ou mesmo fin.

Artigo 9º.-Gastos subvencionables.

1. Os gastos correspondentes a cada curso dividiranse en tres módulos: «A» referido ós custos de persoal, «B» referido ó resto dos custos aboables do curso, e «C» referido ás bolsas e axudas de transporte ás alumnas. A cada un destes módulos fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual ó custo máximo subvencionable.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo «A», os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, que comprenderán os soldos ou honorarios do persoal docente ou o prezo

do servicio externo docente, e os gastos de Seguridade Social.

b) Gastos das actividades de coordinación, que deberán ser realizadas por persoas físicas distintas das encargadas da impartición do curso, sen que poida superarse o 15% do módulo «A».

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo «B» os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes das alumnas, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas.

Os seguros dos cursos de formación ocupacional deberán cubrir como mínimo as seguintes responsabilidades:

-En caso de morte: 30.000 A.

-En caso de invalidez permanente: 42.000 A.

-Asistencia médico-farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e outros dun só uso pola alumna, e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación quedando excluídos os gastos de amortización de equipos e ferramentas.

c) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

d) Gastos xerais, comprendendo aqueles gastos que, sen estar incluídos nos parágrafos anteriores, se deban imputar ou teñan a súa orixe na actividade do curso: alugueres e seguros, tanto de instalacións como de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, podendo tamén incluí-lo importe das entradas para alumnas e persoal docente pero non a manutención durante as visitas; e publicidade expresamente demandada e realizada de conformidade coas normas establecidas na presente resolución, para a execución dos cursos aprobados e programados.

4. O módulo «C», exclusivamente para aquelas accións formativas dirixidas a mulleres desempregadas sempre e cando a súa duración sexa superior a 4 horas diarias e 20 semanais, estará constituído por:

-Bolsas, cando se trate de alumnas minusválidez (mínimo 33% de minusvalidez), que o acreditarán mediante un certificado expedido pola consellería competente.

-Axudas de transporte, sendo beneficiarias aquelas alumnas que residan polo menos a 3 quilómetros do lugar de impartición da acción formativa, que se acreditará mediante certificación municipal.

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. As entidades que cumprindo as condicións establecidas no artigo 2º desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente resolución deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente resolución asinada polo/a titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado/a.

A solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do/a solicitante e documentación que acredite que posúe poder suficiente para actuar en nome da entidade (agás as entidades locais).

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II).

d) Memoria detallada xustificativa da acción no modelo normalizado que se publica como anexo III á presente resolución, na que se farán consta-los criterios que se van utilizar para a selección das alumnas (un modelo por cada curso solicitado).

Cando se trate de asociacións, consignarase o número de membros que a integran, no recadro correspondente do anexo I.

e) Se é o caso, compromiso de contratación ou promoción profesional, por un período de alomenos seis meses dun mínimo do 15% das alumnas, asumido pola entidade impartidora ou por aquela que vaia contratar ou promocionar ás alumnas formadas.

f) Declaración expresa subscrita polo/a titular ou polo/a representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

g) Declaración subscrita polo/a titular ou polo/a representante legal da entidade pola que se exprese a submisión ás actuacións de control e supervisión do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

h) No caso de ter impartido cursos incluídos na programación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller correspondentes ó exercicio de 2002, deberán xustifica-lo grao de inserción laboral acadado polas alumnas formadas.

i) Certificado bancario de existencia de conta.

2. As solicitudes presentaranse no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio da/o solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o/a solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo da resolución de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 12º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 do novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados no artigo 9 do mencionado decreto, a tramitación será a seguinte:

a) No ámbito provincial, os expedientes remitiránselle á comisión de valoración provincial para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o delegado/a provincial.

b) Nos expedientes de resolución centralizada, a comisión de valoración central elevará proposta de resolución á directora xeral do Servicio Galego de Igualdade.

3. Para o efecto previsto no presente artigo, a comisión de valoración estará composta por tres membros, designados polo/a delegado/a provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller segundo corresponda.

4. Se, por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído/a pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou a directora xeral do Servicio Galego

de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, segundo proceda.

5. A comisión de valoración, á hora de avalia-las solicitudes, terá en conta os seguintes criterios en relación coa finalidade da axuda ou subvención:

a) A existencia doutros recursos formativos na zona.

b) As que promovan unha cualificación das mulleres naquelas profesións nas que se atopan subrepresentadas, as que estean especialmente ligadas a sectores económicos prioritarios en Galicia ou nas actividades económicas das súas comarcas, e as que fomenten o autoemprego e a constitución de empresas de economía social.

c) O grao de cumprimento demostrado pola entidade na impartición das accións formativas, concedidas en exercicios anteriores; valorándose para tales efectos a calidade da acción impartida, o índice de inserción laboral das alumnas formadas, así como o cumprimento das condicións de seguimento e avaliación, e a correcta xustificación dos gastos.

d) A mellor idoneidade do centro no que se vai imparti-la formación, valorando para iso o nivel de adecuación das instalacións, aulas e talleres ás esixencias das accións formativas propostas.

e) A maior adecuación do perfil do persoal docente, do material didáctico dispoñible e da metodoloxía do programa proposto.

f) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais, axeitada ós coñecementos impartidos.

g) A poboación e o número de mulleres desempregadas do territorio para o que se solicitan os cursos.

h) A realización de accións formativas destinadas a mulleres procedentes de casas de acollida.

i) A existencia de compromiso de contratación ou promoción profesional.

j) A realización de accións formativas destinadas a mulleres pertencentes a minorías étnicas.

Artículo 13º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez emitido o informe-proposta pola comisión de valoración e fiscalizado pola intervención, correspóndelle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller cando se trate de entidades con competencias en máis dunha provincia, ou ós respectivos delegados/as do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por delegación da directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, cando se trate de entidades con actuación restrinxida a unha única provincia.

2. As resolucións dictadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, postestativamente, recurso de reposición ante o órgano que dictou o acto no prazo dun mes desde a súa

notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdiccional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

3. A resolución dos expedientes deberase producir no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte á publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

4. Poderanse efectuar resolucións complementarias cando existisen fondos provenientes de renuncias totais ou parciais de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes dos módulos.

Artigo 14º.-Obrigas.

Os/as beneficiarios/as das axudas deberán:

A) Remitir ó órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (dirección xeral ou delegación provincial) a seguinte documentación:

-O modelo de anuncio de convocatoria pública para a súa conformidade, antes da publicación en prensa.

-Dentro dos 7 días anteriores ó comezo dos cursos:

1) O programa docente completo, estructurado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles, así como os contidos teórico-prácticos del.

2) As datas de inicio e remate dos cursos e, se é o caso, a planificación temporal das actividades relacionadas co curso.

3) O enderezo completo do lugar de impartición.

4) A relación de docentes que van imparti-lo curso xunto coa documentación acreditativa de que a súa formación e experiencia é suficiente.

5) Resultado da selección de alumnas.

Unha copia desta documentación deberá expoñerse no taboleiro de anuncios do centro onde se imparta. Calquera modificación posterior destas circunstancias deberá ser autorizada previamente polo órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (dirección xeral ou delegación provincial).

-O día de inicio do curso, certificación xustificativa do seu comezo.

-Dentro dos dez días seguintes ó inicio do curso:

* A ficha de inicio do curso.

* Fotocopias compulsadas dos DNI e dos informes de vida laboral expedidos pola Tesourería Xeral da Seguridade Social de tódalas alumnas. Nos cursos dirixidos a mulleres desempregadas, deberán xuntar, ademais, fotocopia compulsada da tarxeta de demandante de emprego de cada alumna.

* Certificación municipal daquelas alumnas con dereito a axuda de transporte.

* Certificación de minusvalidez, expedida polo organismo competente, daquelas alumnas con dereito a bolsa.

* As fichas das alumnas.

-Con carácter mensual:

* A folla de control de asistencia.

* As nóminas das alumnas perceptoras de bolsas ou axudas de transporte nos cursos dirixidos a desempregadas.

B) Cumpri-los seguintes requisitos:

-Aboar mensualmente ás alumnas as axudas previstas no artigo 9º, así como ó persoal docente a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise o anticipo previsto nesta resolución.

-Someterse ás actuacións de supervisión e control dos órganos da Administración do Estado e da Comunidade Autónoma, do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para realiza-las comprobacións e verificacións que considere precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

-Contratar un seguro de accidentes para as alumnas, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os de traxecto ó lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estrictamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas non laborais en empresas, cando estas se realicen, sen que poida admitirse restricción nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

-Introduci-lo currículum das alumnas que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación na forma que se estableza pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

-Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

-Elabora-los diplomas segundo o disposto no parágrafo terceiro do artigo 5º.

Artículo 15º.-Pagamento.

O aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, sempre que transcorrera a primeira cuarta parte do curso e se remita ó órgano competente do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (dirección xeral ou delegación provincial) a documentación acreditativa do inicio do curso e das modificacións producidas ata a data.

b) Para o 50% restante, unha vez rematada a acción formativa, deberán presenta-la seguinte documentación:

-Certificación expedida polo/a responsable da entidade que acredite que os gastos realizados foron aplicados para o fin para o que a subvención foi concedida.

-Declaración suscrita polo/a responsable da entidade de tódalas axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para a realización dos plans de actuación e de programas de formación profesional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller subvencionados ó abeiro desta resolución.

-Orixinais das facturas ou xustificantes documentais do gasto efectuado. No caso das entidades locais, rexerá o disposto no artigo 15.2º c de Decreto 287/2000.

Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación ou promoción profesional, non se realizará a liquidación final mentres non se remitan copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

Se se trata de entidades con ánimo de lucro, antes de proceder ó cobro do anticipo ou da liquidación final terán que acreditar que están ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, agás que o/a beneficiario/a xunte á soliticide a debida autorización, segundo o anexo IV, para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

Artigo 16º.-Publicidade.

Nas accións que se leven a cabo deberá figurar, no lugar onde se realicen e de forma visible, un cartel informativo no que se indique que a acción formativa está financiada pola Xunta de Galicia, Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e Fondo Social Europeo, cos seus respectivos anagramas.

Artigo 17º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 18º.-Reintegro.

Procederá ó reintegro total e parcial da axuda percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da axuda sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario/a ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se establezca.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presente resolución e as axudas outorgadas ó seu amparo cumprirán as directrices establecidas no regulamento (CE) nº 68/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación. (DO L nº 10 13-1-2001).

Segunda.-Ós/ás beneficiarios/as das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2002.

Aurora Montes Santa-Olalla

Directora xeral do Servicio Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller