Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Xoves, 02 de xaneiro de 2003 Páx. 11

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 19 de decembro de 2002 pola que se ratifica a extinción da fundación Asilo Nuestra Señora del Carmen e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de extinción da fundación Asilo Nuestra Señera del Carmen presentado por José Antonio Lorenzo Rodríguez.

Supostos de feito

Primeiro.-Con data do 30 de setembro de 2002 tivo entrada no rexistro xeral desta consellería escrito no que se solicitaba a extinción da fundación Asilo Nuestra Señora del Carmen.

Segundo.-A fundación constituíuse mediante escritura pública outorgada en Madrid o día 28 de xaneiro de 1926, para alberga-los auguistas pobres que ían cura-las súas doenzas no balneario de Mondariz, e foi clasificada como de beneficencia particular por Real orde do 13 de xullo de 1926.

Terceiro.-O órgano de goberno da fundación adoptou o acordo pertinente, coa maioría establecida no artigo 13.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e este acordo foi ratificado por este protectorado.

Cuarto.-Compón o expediente a seguinte documentación:

a) Resolución do 26 de novembro de 1996, do secretario xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, pola que se nomea o Padroado da fundación Asilo Nuestra Señora del Carmen, ó resultar acreditada a inexistencia dun órgano de goberno.

b) Aceptación dos cargos dos membros do padroado.

c) Exposición razoada da causa determinante da extinción (memoria xustificada con data do 19-9-2002).

d) O balance da fundación (asinado polo presidente do padroado con data do 19-9-2002, baseado en informes elaborados con datas 13-9-2002 e 19-9-2002 pola oficina técnica municipal).

e) A proposta de designación dos liquidadores, o programa da súa actuación e o proxecto de distribución do producto da venda do patrimonio da fundación (así consta na acta correspondente á sesión do padroado do día 27-6-2002 e o certifica o presidente do padroado con data do 19-9-2002).

f) Informe do arquitecto técnico da Delegación Provincial de Pontevedra da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude acerca da taxación do patrimonio da fundación, con data do 28-10-2002.

g) Informe favorable da proposta de extinción, elaborado pola Asesoría Xurídica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude con data do 19-11-2002.

Quinto.-En cumprimento do disposto no artigo 32.4º b) do Decreto 248/1992, deuse traslado deste expediente á Comisión de Secretarios Xerais, que o examinou na súa xuntanza do 3 de decembro de 2002, e lle deu o informe favorable.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-Esta consellería é competente para coñece-lo presente expediente en uso das facultades que lle confiren os artigos 32.3º b) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e o Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Segundo.-Ó abeiro do disposto no artigo 10 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, a extinción deberase inscribir obrigatoriamente no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, cos mesmos requisitos que a carta fundacional.

Terceiro.-O artigo 39 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, dispón que a extinción requirirá o acordo do seu órgano de goberno adoptado coa maioría indicada no artigo 13.3º, que deberá ser ratificado polo protectorado.

Cuarto.-Conforme o artigo 40 do dito decreto, a extinción da fundación porá fin ás actividades ordinarias desta e determinará o comezo das operacións da súa liquidación. Cesarán os membros do órgano de goberno e dirección da fundación que non sexan liquidadores.

Os liquidadores nomeados terán as responsabilidades dos membros do órgano encargado do goberno e dirección da fundación durante o período de liquidación desta e daranlle conta ó protectorado de cada unha das operacións que leven a cabo, tanto na realización do activo, como na liquidación do pasivo. Formarán a conta final de liquidación cos xustificantes da entrega do haber líquido ás institucións chamadas a recibilo, que se inscribirá no Rexistro de Fundacións.

Por todo isto,

Vista a Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e de incentivos fiscais á participación

privada en actividades de interese xeral, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime de fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, o Decreto 248/1992, que aprobou o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 250/2002, do 18 de xullo, que fixa a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais da súa normativa de desenvolvemento e a de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Concede-la aprobación da extinción da fundación Asilo Nuestra Señora del Carmen de Mondariz-Balneario (Pontevedra) e ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións.

Segundo.-Nomear liquidadores os vocais do padroado:

-Antonio Freire Magariños.-Genma Fernández Pita.

Os liquidadores nomeados deberán informa-lo protectorado das operacións realizadas e solicita-las autorizacións que precisen de conformidade coa normativa vixente. Así mesmo, deberán remitir a este centro directivo a conta final de liquidación dos xustificantes de entrega de ter liquidado ás institucións chamadas a recibilo, inscribíndose no Rexistro de Fundacións.

Os demais membros do órgano de goberno que non sexan liquidadores deberán presenta-lo seu cesamento ó protectorado para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións.

A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderán interpoñer recuso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte da notificación desta resolución perante o mesmo órgano que dictou o acto, ou directamente o recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa notificación. En todo caso non se poderá interpo-lo recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto (artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude