Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 20 de decembro de 2002 pola que se regula o plan de prexubilación previsto na Orde do 30 de novembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico.

A Orde do 30 de novembro de 2000 pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesións das axudas de carácter socioeconómico inclúe, entre estas medidas, as axudas á prexubilación, e faise referencia a que o importe da axuda poderá ascender ata o previsto nun plan de prexubilación debidamente formalizado.

Na orde citada establécense tódolos condicionantes destas axudas, e este plan de prexubilación é unha concreción das previsións da orde citada.

Este plan garda a posible homoxeneidade e toma como antecedente e punto de referencia o Acordo do 30 de setembro de 2002 sobre a xestión do plan de prexubilacións dos tripulantes afectados pola finalización do Acordo de pesca con Marrocos, subscrito pola Administración pesqueira do Estado e a das comunidades autónomas afectadas, entre elas Galicia.

Para tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

Por medio desta orde formalízase o plan de prexubilación previsto no artigo 8ºa) da Orde do 30 de novembro de 2000, pola que se establecen as bases e condicións e se regula o procedemento de concesión de axudas de carácter socioeconómico (DOG do 20 de decembro), modificada pola Orde do 1 de xullo de 2002 (DOG do 8 de xullo).

Artigo 2º.-Duración da axuda.

As axudas de prexubilación só se poderán percibir ata que o tripulante cumpra a idade legal de xubilación ordinaria, que resulta da aplicación dos coeficientes reductores previstos na normativa regula

dora do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

A percepción económica que se garante a través deste Plan é de 928,74 euros mensuais, cun incremento do 2% anual a partir do 1 de xaneiro de 2003. Se o tripulante percibe a prestación contributiva polo desemprego ou ben o subsidio ou outra axuda ó desemprego, a contía da axuda por prexubilación será da diferencia ata alcanza-la cantidade garantida fixada no parágrafo anterior.

Ademais da percepción económica citada, garántese a cota que o tripulante debe ingresar na Tesourería da Seguridade Social en execución do convenio especial, que aquel terá que subscribir coa Seguridade Social unha vez finalizadas as prestacións polo desemprego, e a partir da base de cotización máxima recoñecida.

O importe da cota de cotización durante a vixencia do convenio especial non se poderá financiarse cos fondos do IFOP.

Artigo 4º.-Pagamento da axuda.

Cada axuda concederase ó interesado por un importe máximo, o cal será ingresado integramente nunha entidade colaboradora. Esta entidade será a encargada do ingreso mensual ó tripulante e á Seguridade Social nas cantidades previstas neste plan, de acordo coa normativa vixente. A entidade colaboradora reembolsaralle ó órgano pagador da Administración o posible exceso ingresado.

Artigo 5º.-Selección de solicitudes.

As solicitudes de prexubilación presentadas en cada convocatoria seleccionaranse de acordo co contido dos plans de portos ou outros supostos de reestructuración que se poidan aprobar, e dentro destes casos, en función da maior idade, expresada no número de anos que cumpra o solicitante dentro do ano da correspondente convocatoria.

Se fose necesario aplicar un segundo criterio para o caso de solicitantes da mesma idade, terá en conta o maior número de días de cotización ó réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar acreditados na data de publicación da convocatoria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos