Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.098

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2003, as axudas no sector das forraxes desecadas.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 16 de outubro de 2000 (DOG nº 206, do 24 de outubro) regula o procedemento para a concesión das axudas no sector das

forraxes desecadas, conforme o previsto nos Regulamentos (CE) 603/1995, do Consello, do 21 de febreiro, e 785/1995, da Comisión, do 6 de abril, e no Real decreto 283/1999, do 22 de febreiro, de acordo coas funcións que lle corresponden ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados.

A devandita orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das axudas no sector das forraxes desecadas, con vixencia indefinida, na Orde do 16 de outubro de 2000, cómpre establece-la convocatoria das devanditas axudas para o ano 2003, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2003, das axudas no sector das forraxes desecadas, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 16 de outubro de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 206, do 24 de outubro.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás axudas no sector das forraxes desecadas, as empresas de transformación autorizadas deberán cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 3 e 8 da Orde do 16 de outubro de 2000.

2. Estas axudas, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector das forraxes desecadas, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitudes de axuda.

As solicitudes de axuda presentaranse no prazo e forma establecidos no artigo 15 da Orde do 16

de outubro de 2000, e formularanse de acordo co modelo do anexo III da devandita orde.

Artigo 4º.-Anticipos e garantías.

Logo de que as forraxes desecadas abandonasen a empresa transformadora, esta poderá solicita-lo anticipo previsto no artigo 18 da Orde do 16 de outubro de 2000, xuntando as garantías que, para cada suposto, se sinalan nos puntos 1, parágrafo segundo, e 3 do dito artigo.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, por importe de 100.000 euros, do orzamento de gastos do Ilgga para 2003.

2. En todo caso, a concesión das restitucións condiciónase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase ó director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2003.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural