Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.097

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2003, as axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e productos lácteos.

Ó abeiro do disposto nos regulamentos (CE) 1255/1999, do consello, e no 2707/2000, da comi-

sión, así como no Real decreto 194/2002, do 15 de febreiro, sobre as modalidades de aplicación no Estado español do establecido nesa normativa comunitaria, mediante a orde desta consellería, do 30 de maio de 2002, establecéronse as bases reguladoras do programa de leite escolar nesta Comunidade Autónoma para a concesión das axudas para a subministración ós alumnos de centros escolares dos productos lácteos transformados.

Ulteriormente, por orde da mesma consellería do 9 de outubro do ano que corre, actualizáronse os prezos máximos que pagarán os alumnos de centros escolares, para o curso escolar 2002-2003.

A devandita Orde do 30 de maio de 2002 cumpre os extremos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras desta liña de axuda, con vixencia indefinida, cómpre establece-la súa convocatoria para o ano 2003, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria para o ano 2003 das axudas ós alumnos de centros escolares para o consumo de leite e determinados productos lácteos, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 30 de maio de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 109, do 7 de xuño.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás ditas axudas deberanse cumpri-los requisitos establecidos nos artigos 2 e 3 da Orde do 30 de maio de 2002.

2. Estas axudas, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector lácteo, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitude de autorización como subministrador de productos subvencionados.

Os novos solicitantes que queiran participar no programa do leite escolar deberán solicitalo e seren

autorizados para operar como tales, ó abeiro do disposto no artigo 7 da Orde do 30 de maio de 2002 da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Artigo 4º.-Proposta de subministración.

Os participantes no programa deberán presentar unha proposta de subministración de productos lácteos a centros escolares e asumi-los correspondentes compromisos, segundo o establecido no artigo 8.1º da orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 30 de maio de 2002.

Artigo 5º.-Solicitude de pagamento da axuda.

As solicitudes de pagamento da axuda, presentadas por solicitante autorizado, presentaranse segundo o establecido no artigo 9 da orde da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural do 30 de maio de 2002.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, do orzamento de gastos do Ilgga para 2003, por importe de 350.000 euros.

2. En todo caso, a concesión das restitucións condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2003.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural