Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.096

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2003, as restitucións á producción no sector dos cereais.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 24 de maio de 2000 (DOG nº 106, do 1 de xuño) regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais, conforme o previsto nos regulamentos (CEE) 1766/1992, do Consello, e 1722/1993, da Comisión, de acordo coas funcións que lle corresponden ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC) e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados.

A devandita orde cumpre os extremos previstos, para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que previstas as bases reguladoras das restitucións á producción no sector

dos cereais, con vixencia indefinida, na Orde do 24 de maio de 2000, cómpre establece-la convocatoria das devanditas restitucións para o ano 2003, mediante a presente orde que, á súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2003, das restitucións á producción no sector dos cereais, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 24 de maio de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 106, do 1 de xuño.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás restitucións á producción no sector dos cereais, deberanse cumpri-los requisitos establecidos no artigo 2 da Orde do 24 de maio de 2000.

2. As ditas restitucións á producción, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector dos cereais, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitudes de restitución.

As solicitudes de pagamento da restitución presentaranse no prazo e forma establecidos no artigo 5 da Orde do 24 de maio de 2000, e formularanse de acordo co modelo do anexo VIII.

Artigo 4º.-Anticipos e garantías.

Utilizado o amidón e presentada a solicitude de pagamento da restitución, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do seu importe, achegando garantía, conforme se establece no artigo 8 da Orde do 24 de maio de 2000.

Artigo 5º.-Financiamento.

1. A presente convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, por importe de 10.000 euros, do orzamento de gastos do Ilgga para 2003.

2. En todo caso, a concesión das restitucións condiciónase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o 1 de xaneiro de 2003.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural