Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 30 de decembro de 2002 pola que se establecen indemnizacións polo cesamento total de actividade de retallistas e vendedores ambulantes de peixe e mariscos que se subministren integramente en lonxas pechadas por decisións administrativas debido ós vertidos do Prestige.

A normativa en vigor para palia-los efectos dos vertidos do Prestige abarca un conxunto de medidas reparadoras da catástrofe, tanto de carácter xeral -reais decretos leis 7/2002, do 22 novembro e 8/2002, do 13 de decembro- como de carácter sectorial -ordes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do 13 de novembro e 3, 11, 19 e 20 de decembro, todas dE 2002-.

En ámbolos grupos de disposicións non se inclúe expresamente o colectivo de vendedores retallistas de peixe e marisco que se provexan integramente en lonxas para vender logo en mercados e prazas de abastos. Tampouco se inclúen os vendedores ambulantes coa mesma orixe e circunstancias de abastecemento.

Non obstante o anterior e tras unha avaliación dos efectos do vertido do Prestige sobre eses colectivos, parece equitativa unha actuación indemnizatoria sobre eles, completando así o esquema normativo sobre indemnizacións a aqueles sectores máis directamente afectados pola catástrofe. É obxecto da presente orde establecer precisamente o alcance, condicións e trámite para a inmediata posta en marcha das devanditas indemnizacións.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Beneficiarios.

Son beneficiarios aquelas persoas que, cesando totalmente na súa actividade por motivos da catás

trofe do Prestige, se atopen entre algunhas das seguintes categorías:

a) Vendedores retallistas de peixe e marisco que vendan en mercados e prazas de abastos e se provexan en exclusiva en lonxas pechadas a toda actividade por decisións administrativas derivadas dos efectos do Prestige.

b) Vendedores retallistas ambulantes que se subministren nas mesmas circunstancias da alínea anterior.

Artigo 2º.-Contía da indemnización e financiamento.

a) Cada beneficiario percibirá 35 euros por cada día de total inactividade con efectos retroactivos do 1 de decembro de 2002.

b) O dereito a percibi-la indemnización cesará pasados 7 días hábiles desde a data oficial de apertura da lonxa.

c) As indemnizacións previstas na presente orde imputaranse ó concepto orzamentario que se habilite e aboaranse mensualmente, a meses vencidos, de conformidade co procedemento aprobado por resolución da Consellería de Economía e Facenda do 15 de novembro de 2002.

Artigo 3º.-Compatibilidade e incompatibilidade.

a) As indemnizacións previstas nesta orde son compatibles coas axudas previstas nos reais decretos lei 7/2002, do 22 de novembro, e 8/2002, do 13 de decembro, cando resulten de aplicación.

b) Son incompatibles coa realización polo beneficiario de calquera actividade laboral, empresarial ou profesional durante o tempo no que perciba a indemnización. Son incompatibles, así mesmo, coas prestacións e subsidios que puidesen percibi-los beneficiarios en concepto de desemprego.

Artigo 4º.-Trámite.

1. Os posibles beneficiarios presentarán unha instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, acompañada pola seguinte documentación:

-Solicitude normalizada (anexo I).

-Declaracións xuradas (anexo II).

-Carné de comprador da lonxa ou lonxas afectadas, ou, se é o caso, certificado destas de que os solicitantes se abastecían con productos dela.

-Certificación da entidade bancaria que acredite o número de conta do beneficiario para o pagamento da indemnización.

-Fotocopia do DNI.

-Último recibo do IAE.

-No suposto do artigo 1.a) (vendedores retallistas de peixe e marisco en mercados e prazas de abastos), certificado do concello/s correspondente de que o posible beneficiario deixou de exerce-la actividade comercial como consecuencia do accidente do Prestige.

2. As solicitudes, coa documentación citada en 4º.1., poderán presentarse nos concellos das zonas afectadas ou ben directamente nas delegacións provinciais ou servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

3. A data límite de presentación de toda a documentación será o 20 de xaneiro de 2003.

4. Calquera variación nas circunstancias declaradas polos posibles beneficiarios deberá notificarse de inmediato á Consellería de Industria e Comercio, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

Artigo 5º.-Control e réxime xurídico.

1. Sen prexuízo das competencias doutras administracións públicas, a Consellería de Industria e Comercio en calquera momento poderá comproba-lo cumprimento dos requisitos da concesión de indemnizacións.

2. Para todo o non previsto na presente orde será de aplicación o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións transitorias

Primeira.-Os posibles beneficiarios que presentasen solicitude ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos non terán que presentar nova instancia ante a Consellería de Industria e Comercio, sen prexuízo de que poida requirirse completa-la documentación a teor do esixible no artigo 4º desta orde.

Segunda.-Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados nesta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso do gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento no que se produciron aqueles actos.

Terceira.-Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL