Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 252 Martes, 31 de decembro de 2002 Páx. 18.099

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de decembro de 2002 pola que se convocan, para o ano 2003, as restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria do 28 de marzo de 2001 (DOG nº 68, do 5 de abril), regula o procedemento para a concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, conforme o previsto nos regulamentos (CEE) 136/1966 e 591/1979, do Consello, e 1963/1979, da Comisión, e de acordo coas funcións

que lle corresponden ó Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga) para a execución da política da consellería en relación coas accións derivadas da aplicación da política agrícola común (PAC), e para o funcionamento das distintas organizacións comúns de mercados.

A devandita orde cumpre os extremos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións, no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, polo que, previstas as bases reguladoras das restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, con vixencia indefinida, na Orde do 28 de marzo de 2001, cómpre establece-la convocatoria das devanditas restitucións para o ano 2003, mediante esta orde que, pola súa vez, cumpre os requisitos esixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Polo tanto, de acordo co disposto no artigo 30.I.3. do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro.

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-la convocatoria, para o ano 2003, das restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 28 de marzo de 2001, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 68, do 5 de abril.

Artigo 2º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder ás restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de determinadas conservas, deberanse cumpri-los requisitos establecidos no artigo 3 da Orde do 28 de marzo de 2001.

2. As ditas restitucións á producción, xunto coas demais medidas previstas na organización común de mercados no sector de materias graxas, teñen por finalidade acada-los obxectivos da política agrícola común, establecidos no artigo 33 (versión consolidada) do tratado constitutivo da Comunidade Europea.

Artigo 3º.-Solicitude de control.

A solicitude de control presentarase no prazo e forma establecidos no artigo 4 da Orde do 28 de marzo de 2001, e formularase de acordo co modelo do anexo I da dita orde.

Artículo 4º.-Solicitudes de restitución.

As solicitudes de restitución presentaranse no prazo e forma establecidos no artigo 5 da Orde do 28 de marzo de 2001, e formularanse de acordo cos modelos establecidos nos anexos III (A) e III (B) da dita orde.

Artigo 5º.-Anticipos e garantías.

Presentada a solicitude de control, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do importe da restitución, conforme se establece no artigo 8 da Orde do 28 de marzo de 2001, achegando unha garantía de acordo cos anexos V e VI da dita orde.

Artigo 6º.-Financiamento.

1. Esta convocatoria tramítase de conformidade co previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, de tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas do 27 de novembro de 2000 e 25 de outubro de 2001. O seu financiamento efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.614A.779.0, por importe de 9.990.145 euros, do orzamento de gastos do Ilgga para 2003.

2. En todo caso, a concesión das restitucións condicionarase á existencia de crédito axeitado e suficiente e limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias, debendo procederse á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Ilgga para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación desde o un de xaneiro de 2003.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural