Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 30 de decembro de 2002 Páx. 17.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 23 de decembro de 2002 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración en tarefas relacionadas co Plan Galego de IDIT, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, con dependencia orgánica da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, en virtude do Decreto 309/2001, do 17 de decembro, polo que se determinan os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia conforme a estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida polo Decreto 306/2001, do 15 de decembro, ten atribuídas, entre outras funcións, a elaboración, e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador.

Con este fin, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto.

Convoca dúas bolsas de nova adxudicación de colaboración en tarefas relacionadas co seguimento do VI Programa Marco Comunitario de Investigación

e Desenvolvemento e Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2000-2003), na perspectiva da súa coordinación co Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica, cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

Segunda.-Duración e dotación económica das bolsas.

A duración das bolsas comprende desde o 1 de febreiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2003 e poderán prorrogarse, por un máximo de dous anos, en función do aproveitamento do adxudicatario sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica para o ano 2003 ascenderá a 930 euros mensuais. No caso de prórroga a dotación mensual definitiva poderá incrementarse, en función das dispoñibilidades orzamentarias, co fin de homologalas con outras bolsas de ámbito nacional.

Os bolseiros terán dereito a un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes.

Os pagamentos destas bolsas serán realizados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento por meses vencidos quedando o pagamento do último mes condicionado á presentación polo bolseiro dun informe sobre os traballos realizados e da declaración complementaria das axudas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de conceder das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas os titulados/as superiores universitarios que teñan rematado os seus estudios con posterioridade a xaneiro de 1996.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, dentro dos vinte días hábiles seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo, dirixida ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

b) Curriculum vitae cos documentos acreditativos e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Memoria relativa ó VI Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e ó Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento e a súa coordinación co Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica en cinco folios, como máximo.

d) Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, indicando o período de desfrute destas.

Sexta.-Comisión de selección.

As solicitudes recibidas serán avaliadas por unha comisión de selección nomeada polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento:

Presidente: un subdirector xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais: dous xefes de servicio da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Secretario: un xefe de sección da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

d) Coñecementos de inglés e francés: ata un punto por cada idioma.

e) Outros méritos do curriculum vitae: ata dous puntos.

f) Memoria: ata cinco puntos.

A comisión de selección poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de dez puntos no anterior baremo. Versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo de 3 puntos da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente, a comisión de selección fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación, propoñéndolle á Secretaria Xeral de Investigación e Desenvolvemento a adxudicación ós candidatos de mellor puntuación e elaborando unha lista de suplentes para o caso de non aceptación ou renuncia dalgún dos adxudicatarios.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que os adxudicatarios, por calquera motivo, non poidan presta-la súa colaboración serán substituídos polo candidato seguinte por orde de puntuación que figure na lista de reserva, que para tal efecto elaborará a comisión de selección.

No caso de que os adxudicatarios renuncien, unha vez iniciada a súa colaboración poderán ser substituídos igualmente polo candidato que corresponda da lista de reserva, iniciándose os correspondentes pagamentos a partir dese momento.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, baixo as indicacións do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e as do xefe da unidade nas que se integren co horario de traballo de mañá e/ou tarde, de luns a venres.

Os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos que o bolseiro teña que realizar relacionados co obxecto das bolsas serán pagados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, sen que estes poidan supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por motivo de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

Os bolseiros presentarán, ó remate das bolsas, un informe sobre os traballos realizados que quedarán en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Os bolseiros que, unha vez iniciada a bolsa, renuncien a seguir prestando a súa colaboración, terán dereito ás mensualidades transcorridas desde o inicio da bolsa ata a data da súa renuncia, para iso, deberán presentar un informe sobre os traballos realizados ata a data de renuncia que quedará en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Os bolseiros terán a obriga de facilitar toda a documentación que lle sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e/o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

No caso de que se produzan alteracións das condicións que se tiveron en conta para a concesión das bolsas, e en todo caso pola obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a resolución da concesión poderá ser modificada.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

Décima.

A convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemen

to administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Décimo primeira.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de seis meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que se deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

Décimo segunda.

As accións derivadas desta convocatoria, que ascenden a un total de 22.460 A financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 04-06-432A-480.0 do proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2003, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e presentado no Parlamento de Galicia para a súa aprobación, na que existe crédito adecuado e suficiente, tramitándose conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998 modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 04-06-432A-480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2003.

Estas bolsas están cofinanciadas co Fondo Social Europeo.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública