Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Venres, 27 de decembro de 2002 Páx. 17.850

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente 367 que afecta o monte de Cornes, do lugar de Cornes, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos.

Para os efectos previstos no artigo 28 do Regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2002, adoptou o seguinte acordo:

«Reunido o 29 de maio de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez Castro-Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo:

Expediente: 367.

Monte: de Cornes.

Comunidade: lugar de Cornes.

Parroquia: Arcos.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Os veciños do lugar de Cornes, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos, solicitaron deste xurado, con data do 26-5-2000, a declaración como

veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 10,52 ha.

Lindeiros:

Norte: desde o punto coñecido como Campo das Leiras ata o punto Tras dos Campos, linda co camiño de Tras dos Campos, que o separa de propiedades particulares de Cornes. Leste: desde o punto Tras dos Campos ata o lugar denominado Campo da Fonte, xunto o lugar de Cornes, linda co camiño de Riba dos Campos, que o separa de propiedades particulares de veciños de Cornes. Desde o Campo da Fonte segue o muro do predio propiedade de Manuel Beiro ata o punto coñecido como As Raposeiras. Deste último ata o denominado Campo Redondo, linda coa pista do Campogrande, que o separa de propiedades particulares de veciños de Cornes. Sur: remata no Campo Redondo, no cruzamento da pista do Campogrande e a pista do monte, que o separa de propiedades particulares de veciños de Cornes. Oeste: desde o Campo Redondo ata o punto onde se xunta a pista do monte co camiño das Pedriñas Negras, linda coa pista do monte, que o separa de propiedades particulares de veciños de Cornes. De aquí ata o Campo das Leiras,

linda co camiño das Pedriñas Negras, que o separa de propiedades particulares de veciños de Cornes.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 173, do 6-9-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños de Cornes fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común en que viñan aproveitando desde tempo inmemorial en réxime de comunidade sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, o monte correspondente ó dito lugar. Achegan copia de documentos con referencias á existencia do monte veciñal.

Cuarto.-Publicados os edictos, e transcorrido o prazo para posibles reclamacións, non se presentou ningunha alegación contra este expediente.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento

administrativo, e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Cornes son parte lexítima para solicita-la iniciación deste expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan no expediente e, en especial, da comprobación do expresado no punto anterior, que vén avalado polo informe achegado polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, onde hai referencia ós aproveitamentos realizados pola comunidade solicitante, dedúcese que neste caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal do lugar de Cornes, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

ACORDA:

Cualificar como veciñal en man común o monte de Cornes, de pertenza do lugar de Cornes, parroquia de Arcos, concello de Mazaricos. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivese inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña».

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, con

tados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xuño de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña