Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 26 de decembro de 2002 Páx. 17.700

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se autoriza e se aproba o proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita. (Expediente IN407A 01/491-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Enderezo social: trav. de Vigo 204, 36207 Vigo.

Denominación: recuamento L.M.T. Camiño da Calzada.

Situación: concello de Vigo.

Descricións técnicas: L.M.T., subterránea, a 15 kV, de 330 m de lonxitude, con conductor tipo R.H.V., desde o apoio proxectado tipo C-9000/14 na L.M.T. D/C BAL 7.08 e 7.02 ata o apoio metálico existente D/11 da L.M.T. D/C BAL 7.08 e 7.02 a instalación está situada no Camiño da Calzada, no concello de Vigo.

Realizada a información pública presenten alegacións: a Asociación de Veciños de Coruxo, Antonio González Sánchez, Cándida Álvarez Comesaña, Basilio García Mallo e Cristina Comesaña Álvarez.

As alegacións dos catro primeiros son coincidentes e podemos resumilas en:

Que non están de acordo coa causa do modificado e que un informe técnico solicitado indica que a obra non se axusta a proxecto, así como que as obras proxectadas invaden propiedades privadas sen a autorización correspondente. Que o modificado presentado ten un maior volume visual, o que afecta a paisaxe e o valor das parcelas circundantes. Que

non é de utilidade pública, sendo a lonxitude da liña publicada maior que a que figura no plano. Solicitan que se corrixa o motivo do modificado, a lonxitude da liña e que non se autorice a instalación.

Trasladado o escrito á empresa eléctrica, esta indica que só tramita a instalación pero que non realiza a execución, descoñecendo o director de obra que se trata dunha substitución dun dobre circuíto aéreo por un subterráneo, que a obra dicorra por terreo público e zona libre de servicios sendo correcta a lonxitude da liña, a cal mellora a calidade e a seguridade da subministración e é de utilidade pública.

A Asociación de Veciños de Coruxo contesta ó escrito da compañía indicando que a empresa eléctrica descarga a súa responsabilidade no seu cliente, que non supón unha mellora na subministración, que non se demostra a súa utilidade pública e que non se cumpre co nomeamento do director de obra.

Antonio González Sánchez, Cándida Álvarez Comesaña e Basilio García Mallo contestan ó escrito da compañía indicando que non están de acordo con que a empresa eléctrica só tramite, xa que non se garante a correcta execución destas obras, que a obra non mellora a seguridade e calidade senón que beneficia a un particular, e que non se axustan a proxecto ó colocarse un novo apoio metálico. Que a liña ocupa terreos privados sen realizarse expropiación ou acordo cos titulares, que a lonxitude da liña segue sen axustarse ó proxecto, que non existe tal utilidade pública e que non existe licencia municipal para a execución das obras.

Cristina Comesaña Álvarez, nas súas alegacións á información pública, indica que parte da liña discorre pola súa propiedade ata chegar ó Camiño da Calzada, que a servidume e a conexión situada no apoio do centro de saúde é nova respecto á xa existente, xa que a modificación supón a desaparición dos dereitos anteriores, necesitando permiso do propietario estremeiro, que o proxecto non se axusta á realidade, que a empresa eléctrica coñece que o trazado discorre pola súa propiedade, e solicita que se rexeite a solicitude presentada.

Trasladadas as alegacións á empresa, esta indica que só tramita a instalación pero que non realiza a execución, que a obra ten por motivo a mellora na calidade e seguridade da subministración na zona, que non afectan o predio desta señora, e que non ten constancia do carácter privado do camiño ó que fai referencia. A empresa ofrécese finalmente para aclarar calquera dúbida con tódolos que puideran considerarse afectados.

A señora Comesaña Álvarez contesta ó escrito da empresa indicando que a responsable da obra é a empresa eléctrica, que só beneficia a Gestión Inmobiliaria San Juan, S.L., que sendo afectada pola servidume necesitan a súa autorización e que Unión Fenosa Distribución, S.A. ten constancia de que parte do trazado subterráneo discorre pola súa propiedade,

como xa llo indicou á dita compañía en varias ocasións e figura no Rexistro da Propiedade número tres de Vigo, sen que Unión Fenosa Distribución, S.A. a informara sobre o trazado e que en ningún momento deu autorización para a obra, solicitando finalmente que sexa rexeitada a petición da compañía.

Fundamentos de dereito

O R.D. 1955/2000, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no seu artigo 162 «relacións civís», indica que o dono do predio servinte pode solicita-lo cambio do trazado da liña se non existen dificultades técnicas, sendo a súa conta os gastos da variación, incluíndose neste gastos os danos ocasionados.

O R.D. 1955/2000 derrogou o anterior D. 2619/1966, sobre expropiación forzosa e na súa disposición derradeira primeira establece que os preceptos do capítulo V entre os que se encontra o artigo 162 son de aplicación xeral ó amparo do artigo 149.1º da Constitución. A disposición derradeira segunda «desenvolvemento normativo» autoriza o Ministerio de Economía para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste real decreto.

Do anterior despréndese que a obra non ten como finalidade a mellora da calidade e a seguridade da subministración e, polo tanto, non ten dereito á declaración de utilidade pública, xa que esta utilidade se circunscribe á modificación ou liberación de servidume dunha propiedade privada. En consecuencia e tal como dicía o anterior Decreto 2619/1966, se se afectan propiedades particulares, deberá dispoñerse do permiso dos seus titulares.

Respecto á lonxitude da liña, hai que considerar que é un dobre circuíto e que, con independencia do tramo subterráneo, a lonxitude do conductor inclúe tamén os tramos de conexión á liña aérea nos seus extremos. En canto á natureza dos camiños e á súa titularidade, debe ser xurisdicción civil quen en caso de discrepancia determine os dereitos de cada unha das partes.

Respecto á falta de licencia de obra por parte do concello, correspóndelle a ese órgano o control da súa existencia notificándoselle e solicitando condicionado con data do 24-7-2002 e reiterada a petición o 3-9-2002 sen que houbera contestación, o que de acordo co artigo 146 do R.D. 1955/2000 se entenderá como que non existe obxección ningunha á obra indicada.

En canto á dirección de obra, hai que considerar que, sendo o titular, Unión Fenosa Distribución, S.A. é responsable da súa execución con independencia do autor material desta e o R.D. 1955/2000, artigo 132, o que esixe é que con carácter previo á súa posta en servicio se presente á Administración un certificado final de obra subscrito por técnico

facultativo competente, o que en principio non se corresponde cunha dirección de obra senón cunha inspección realizada terminada esta.

Por último e respecto ó cumprimento da normativa teórica aplicable, o proxecto basearase no proxecto tipo de liñas subterráneas de alta tensión, aprobado a Unión Fenosa con data do 12-9-2002 pola Consellería de Industria e Comercio.

Visto e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no capítulo II do R.D. 1955/2000, esta delegación provincial

RESOLVE:

Autorizar e aproba-lo proxecto de execución das devanditas instalacións, nas que as características se axustarán en tódalas súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerior, organismos ou corporacións que constan nos expedientes.

Esta autorización queda condicionada a que no caso de que se afecten predios ou propietarios ou dereitos alleos ó solicitante, se conte cos permisos e autorizacións necesarios.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 132 do R.D. 1955/2000, será de doce meses a partir da recepción da presente resolución. Para efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do D. 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderase intepoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se estime pertinente o seu dereito.

Pontevedra, 8 de novembro de 2002.

P.A. (Resolución do conselleiro 22-7-2002)

Mª del Carmen Girón Daviña

Secretaria provincial de Pontevedra