Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 24 de decembro de 2002 Páx. 17.666

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de decembro de 2002 pola que se se convocan bolsas para a formación de expertos turísticos en mercados emisores mediante a realización de prácticas profesionais para o ano 2003.

Debido á grande importancia que o sector turístico ten no desenvolvemento da nosa economía requírese que as administracións públicas dediquen recursos para xerar iniciativas con tendencia a mellorar cada día o sector para así mante-la demanda existente e incrementala en todo o que sexa posible.

Entre esas iniciativas, a Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, por primeira vez no ano 2000, dedicou parte dos seus recursos en materia turística á convocatoria dunhas bolsas para formar expertos turísticos en mercados emisores e, simultaneamente, potenciar e fomenta-la nosa oferta turística neses países a través da realización de prácticas profesionais na rede de oficinas do Instituto de Turismo de España (Turespaña) no extranxeiro.

Á vista dos resultados obtidos, durante os seguintes anos a consellería volveu realizar esa convocatoria, aínda que con algunhas variantes en canto ós mercados emisores elixidos. No exercicio económico de 2003, entendemos que se debe seguir na mesma liña e, por todo isto, consonte o establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, e en uso das facultades que teño atribuídas, dispoño a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva das bolsas enunciadas no epígrafe, de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Número, duración e contido.

Convócanse cinco bolsas para a realización de prácticas profesionais de especialización de expertos turísticos en mercados emisores, que desenvolverán as súas funcións nas seguintes cidades e polos meses que a continuación se indican: Buenos Aires (10 meses), São Paulo (9 meses), París (9 meses), Londres (9 meses) e Chiloé (8 meses). En Chile as prácticas comezarán en febreiro e nos demais destinos en marzo. En ningún caso haberá períodos de vacacións.

Nas localidades de São Paulo, París e Londres os bolseiros traballarán nas oficinas españolas de Turismo no país de destino, baixo as ordes do director da devandita oficina, onde se integrará como membro dela, con suxeición ás normas da oficina sobre xornada laboral e de funcionamento, utilizando os medios dispoñibles no centro de traballo que sexan necesarios para a realización das tarefas que lles encomende o director, e que serán compatibles co plan de traballo marcado para eles pola Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia.

En Buenos Aires, o beneficiario estará situado no Centro de Galicia desa localidade, sito na rúa Bar

tolomé Mitre 2538/60, onde desempeñará as actividades de información e promoción que desde a Dirección Xeral de Turismo lle sexan encomendadas, en coordinación co presidente do devandito centro, quen será o que acredite o cumprimento do traballo por parte do bolseiro.

A persoa destinada na provincia chilena de Chiloé traballará nos locais da Dirección de Desenvolvemento Económico e Fomento Productivo da Mancomunidade de Ancud onde, en colaboración coas autoridades provinciales, participará activamente na posta en marcha da planificación estratéxica do turismo na zona, contribuíndo co seu asesoramento e apoio a deseñar unha política axeitada de comunicación turística e a xerar espacios de participación entre o sector turístico privado e público.

A Dirección Xeral de Turismo reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen, de adscribi-los bolseiros a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implicase desprazamentos, a dirección faríase cargo deles.

Segunda.-Requisitos dos candidatos.

1. Nacionalidade: estar en posesión da nacionalidade española.

2. Idade: ter nacido despois do 1 de xaneiro de 1970, salvo para o caso da realización de prácticas en Chiloé, en que a dita data se poderá anticipar por 5 anos, debido á experiencia esixida.

3. Titulación: diplomados en turismo, titulado na materia de técnico de empresas e actividades turísticas (TEAT) ou titulado superior. Os títulos obtidos no extranxeiro ou en centros españoles non públicos deberán estar homologados.

4. Idiomas: nivel alto (oral e escrito) do idioma do país para o que solicite a bolsa.

5. Non ter desfrutado con anterioridade de ningunha bolsa para a formación de expertos turísticos en mercados emisores para o mesmo destino que se solicita.

6. Os que soliciten realiza-las prácticas na provincia de Chiloé (Chile), ademais dos requsitos anteriores, será necesario que teñan experiencia en accións de deseño e posta en marcha de plans estratéxicos de turismo ou programas de desenvolvemento turístico local, así como en accións de comercialización, promoción e mercadotecnia turística.

Terceira.-Dotación das bolsas e determinacións orzamentarias.

A concesión das bolsas farase con cargo á aplicación orzamentaria 10.05.751A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, tendo en conta que, en todo caso, o gasto proxectado se suxeitará á existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos ditos orzamentos xerais e ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

O importe total do crédito destinado a esta convocatoria é de 91.900 euros, que se repartirá como segue:

Cidade de destinoNúmero de bolsasDuración da

bolsa

Dotación

euros

Buenos Aires110 meses21.000

São Paulo19 meses18.900

París19 meses18.000

Londres19 meses18.000

Chiloé18 meses16.000

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino). No caso de Chiloé, os gastos de aloxamento son por conta da Mancomunidade de Ancud.

Cuarta.-Condicións e incompatibilidades.

1. A condición e o desfrute dunha bolsa non establece relación laboral nin contractual de calquera tipo coa Xunta de Galicia nin a inclusión na Seguridade Social.

2. A percepción da bolsa non será compatible co desfrute doutras axudas para o mesmo obxecto e finalidade.

Quinta.-Obrigas dos bolseiros.

1. Residir, durante o período de vixencia da bolsa, no país e zona deste que se lle asigne.

2. Desenvolve-la actividade obxecto da bolsa cuns niveis de dedicación e rendemento satisfactorios, presentando informes trimestais de actividade á Dirección Xeral de Turismo, e calquera outro que determinen a directora xeral de Turismo ou o director da oficina na que estivesen destinados.

3. Presentar unha memoria final realizada polo bolseiro e visada polo responsable da oficina onde estea situada sobre o labor realizado e os resultados obtidos, con inclusión das propostas de mellora que se consideren oportunas.

4. Comenza-lo desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinale en cada caso e desenvolve-lo seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro impida ou dificulte, durante o período da súa vixencia, o cumprimento ininterrompido das obrigas contraídas. O bolseiro comprométese a non renunciar á bolsa salvo causa de forza maior.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da bolsa obxecto desta orde.

Sexta.-Presentación de solicitudes.

1. Os interesados dirixirán a súa solicitude á Dirección Xeral de Turismo, segundo o modelo normalizado no anexo I. Deberá remitirse en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ó da data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Unha fotocopia (por ámbalas dúas caras) do DNI ou documento análogo equivalente, do NIF e unha fotografía.

b) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, na diplomatura ou na materia de técnico de empresas e actividades turísticas. No caso de que o expediente académico non sexa español, será preciso que este estea debidamente validado pola Administración educativa española.

c) Currículum vitae, cos documentos acreditativos correspondentes: realización de másters, cursos de posgrao e calquera outra formación e experiencia profesional en materia turística, así como de coñecementos informáticos e de idiomas. Valorarase con carácter preferente a experiencia en comercialización turística.

d) Declaración sobre bolsas que estea desfrutando ou tivesen solicitado.

e) Relación de toda a documentación que se achegue.

2. Os interesados poderán presentar dúas solicitudes como máximo.

3. As compulsas que procedan para toda a documentación que se especifica nesta orde faranse nos correspondentes servicios centrais ou provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e no rexistro auxiliar da Dirección Xeral de Turismo.

Sétima.-Proceso de selección e resolución.

1. A selección das solicitudes será realizada por unha comisión que se constituirá para o efecto e que se aterá ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Formarán parte dela as seguintes persoas:

Presidente:

Titular: a directora xeral de Turismo.

Suplente: a subdirectora xeral de Ordenación do Turismo.

Vocais:

Titulares:

* Xefa de Servicio de Ordenación do Turismo.

* Xefa de Área de Coordinación do Plan de Promoción.

Suplentes:

* Xefa do Servicio de Inspección de Turismo.

* Xefe de Área Congresos e Viaxes de Incentivo.

Secretaría:

Titular: a xefa do Servicio de Formación, Cooperación Institucional e Documentación.

Suplente: o xefe de Sección de Cooperación e Documentación.

Para as probas de idioma a comisión poderá designar asesores especialistas, que terán voz pero non voto nas sesións que esta realice.

2. Baremo: a selección realizarase segundo os méritos alegados polos candidatos, valorando os extremos que se reflicten no cadro seguinte. No suposto das bolsas para os destinos de Chile e Arxentina, non haberá probas orais de idioma; estes valoraranse dentro do concepto currículum vitae, ó que se lle outorgará unha puntuación total de 4,5 puntos.

ConceptoPuntuación.

Expediente académico1

Currículum vitae1,50

Proba oral de idiomas3

Test2

Entrevista3,50

3. Proceso de selección:

3.1. A comisión, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando neste caso a causa de exclusión, e convocará os primeiros á realización de dous probas: unha tipo test sobre o temario que se inclué como anexo II desta orde, e outra oral de idioma.

A continuación, trala valoración desas dúas probas e do expediente académico e currículum, ós aspirantes que obtivesen unha puntuación superior a 5 realizaráselles unha entrevista persoal. Coa entrevista preténdese profundar sobre os coñecementos dos candidatos acerca do país para o que soliciten a bolsa e sobre comercialización e promoción turística, así como valora-las súas actitudes e aqueloutras circunstancias que se consideren de interese para o seu futuro traballo.

3.2. As listas de aspirantes admitidos e excluídos, as datas e o lugar da realización das probas e a puntuación obtida faranse públicas nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Turismo, á parte de comunicarse telefonicamente.

4. Resolución da convocatoria: a adxudicación definitiva das bolsas, de acordo coa proposta da comisión, efectuarase por resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que se publicará no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Turismo e da secretaría xeral desta consellería.

A devandita resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición perante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Ós adxudicatarios notificaráselles persoalmente a concesión ós domicilios que sinalasen nas solicitudes. Eles están obrigados, no prazo de cinco días naturais, a comunicar á Dirección Xeral de Turismo a acep

tación ou renuncia das bolsas. Se transcorridos os sinalados 5 días non se fixese manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á bolsa e esta concederáselle ó suplente que corresponda.

No suposto de renuncia, a praza vacante adxudicaráselle ó seguinte candidato con mellor puntuación de entre os que solicitaron ese destino. No caso de que non exista suplente porque non houbese máis candidatos o estes tamén renunciasen, poderáselles ofertar ós seguintes aspirantes por orde de puntuación sexa cal fose o destino solicitado, sempre que acreditasen suficiente coñecemento do idioma do país de destino.

5. Aceptación da bolsa: xunto co escrito de aceptación da bolsa, no que debe constar expresamente que o beneficiario coñece e se compromete a cumpri-las bases da convocatoria, o adxudicatario deberá remiti-la seguinte documentación:

a) Unha declaración de renuncia expresa a calquera outra bolsa ou axuda similar que estivesen desfrutando ou que tivesen solicitada.

b) A certificación bancaria da conta onde se aboará a bolsa.

c) Unha declaración da súa situación familiar para efectos do cálculo das retencións fiscais.

Oitava.-Aboamento das axudas.

1. Realizaranse catro aboamentos, unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación. O primeiro pagamento equivalerá ó 30 por 100 do importe total da bolsa, e realizarase durante os dous primeiros meses; os dous pagamentos seguintes equivalerán ó 25 por 100 por cada un; e o cuarto pagamento, que se elevará ó 20 por 100 da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas.

En tódolos pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviada a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria.

b) Fotocopias compulsadas das pólizas de seguro de asistencia sanitaria e accidentes, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

c) Fotocopia do billete ata o lugar de destino.

3. Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o aboamento destes será requisito ter presentado:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, de levar a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Informe trimestral ó que alude a base quinta desta orde.

4. Pagamento derradeiro: para o aboamento do derradeiro pagamento será requisito ter presentada a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas no mesmo sentido do item anterior.

b) Memoria realizada polo bolseiro e visada polo director ou responsable de oficina acerca do labor realizado e cun balance que inclúa os resultados obtidos e as propostas de mellora, se é o caso.

Novena.-Incumprimento de obrigas.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, logo do trámite de audiencia, poderá revoga-la concesión ou suspende-lo desfrute dunha bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polos adxudicatarios. No suposto de renuncia, e se esta comporta incidencias orzamentarias, o conselleiro, unha vez oído o interesado e estudiadas as circunstancias concorrentes no caso resolverá, se procede, a devolución total ou parcial das cantidades percibidas ou soamente a anulación dos aboamentos pendentes.

Décima.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigo o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Facúltase a directora xeral de Turismo para dictar cantas disposicións considere oportunas no desenvolvemento e interpretación desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo