Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Martes, 24 de decembro de 2002 Páx. 17.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 11 de decembro de 2002 pola que se anuncian subvencións para a mellora de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes.

A oferta turística de Galicia está conformada por unha serie de elementos que a configuran como única e diferente, pero ó lado destes elementos distintivos aparecen outros comúns a tódalas ofertas que, a súa vez, son importantes. Estámonos a referir ós establecementos cualificados como cafeterías, cafés, bares e restaurantes.

Para os efectos de mellora-los referidos establecementos e así, deste xeito, axudar á mellora global da oferta turística de Galicia, con cargo ós créditos orzamentarios da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo asignados para esta finalidade no proxecto de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2002 e seguindo os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas a España para o período 2000-2006 e con base no establecido sobre medidas de fomento no artigo 73 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia en concordancia co sinalado no artigo 74 da dita lei, de acordo co determinado no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e tendo en conta as determinacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de

febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, convócanse axudas destinadas á mellora de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes en funcionamento. Por iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinatarios.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderalles conceder subvencións ás persoas físicas e xurídicas titulares (en calquera das formas de posesión que determina o Código Civil) de establecementos de cafeterías,cafés, bares e restaurantes en funcionamento.

Estas concesións, que se rexen polos principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade, imputaranse á aplicación orzamentaria 10.05.751A.770.3 e a elas destínase un crédito máximo de 272.100 euros, sendo nestas axudas posible a concorrencia con calquera outra axuda para o mesmo obxecto e finalidade pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, en concorrencia con subvencións e axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, superen a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente estea establecido.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á mellora dos servicios sanitarios e cociñas de establecementos de cafeterías, cafés, bares e restaurantes que impliquen dar cumprimento, na súa totalidade, ás condicións establecidas no artigo 3º.2 desta orde.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Será requisito imprescindible para acceder á subvención que os establecementos para os que se solicita estean inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia antes do remate do prazo que, para a presentación de solicitudes, se establece nesta orde. Deberá estar inscrito co nome comercial actual do establecemento e a nome do titular que opte á subvención.

2. Os servicios sanitarios, logo da execución do investimento subvencionado, terán que cumpri-las seguintes condicións:

a) Serán independentes para mulleres e homes.

b) Contarán, como mínimo, coas seguintes dotacións:

1. Un lavabo e un inodoro con descarga automática de auga. No caso de servicios de cabaleiros, tamén contarán con urinario.

2. Ventilación directa ou asistida con renovación de aire.

3. As paredes, chans e teitos serán impermeables e estarán revestidos de materiais de doada limpeza.

4. Xabón líquido, toallas dunha soa utilización ou secador de mans.

5. Recipiente hixiénico para o depósito do lixo.

3. Respecto das cociñas, poderán ser obxecto de subvención:

-A renovación e mellora de pavimentos e alicatados, que deberán ser impermeables e revestidos de materiais de doada limpeza.

-As obras encamiñadas á mellora e garantía da ventilación directa ou forzada en tódalas dependencias.

-A instalación de lavamáns de accionamento non manual en zonas de elaboración, manipulación e envasado de comidas preparadas.

-Bens de equipo tales como renovación de cociñas, cámaras frigoríficas, pranchas, aparellos de conservación de alimentos, etc.

Non se considerará obxecto de subvención a adquisición de menaxe, vaixelas ou análogos nin a renovación do mobiliario.

4. Os proxectos que se subvencionen poderán comezarse a partir do 1 de xaneiro do ano 2003 e estarán rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde. Non se computará como subvencionable ningún tipo de imposto, taxa ou prezo público.

5. Os beneficiarios das subvencións adquiren os seguintes compromisos:

a) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en relación coas subvencións e axudas concedidas e ás previstas na lexislación do Tribunal de Cuentas e o Consello de Contas.

b) Comunicar á Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes doutras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

c) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido da subvención concedida así como os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

* Por incumprimento dos compromisos e das obrigas relacionados neste artigo.

* Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

* Incumprimento da obriga de xustificación nos prazos e termos establecidos nesta orde.

* Ter obtida a subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

* Por revogación da subvención concedida por non terse xustificado o investimento subvencionable.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se consideran nesta orde como accións subvencionables, poderán acadar unha axuda económica de ata un 40% do investimento subvencionable, cun importe máximo de 3.005,061 euros. No caso de servicios sanitarios é de 6.010,12 euros no caso das cociñas.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de subvención, xunto coa documentación que a continuación se especifica presentaranse, por duplicado exemplar, na delegación provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo correspondente á provincia onde se atope o establecemento ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no prazo dun mes contado desde o día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Fotocopia cotexada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF cando corresponda.

c) Memoria explicativa, asinada por técnico facultativo competente ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamentos debidamente asinados (en calquera dos

casos o orzamento deberá de especificar se é sen ou con IVE e, neste caso, indicarase o tipo aplicable).

d) Fotografías do estado actual dos servicios sanitarios.

e) Para os proxectos promovidos por persoas xurídicas, achegarase escritura da súa constitución ou modificación, de se-lo caso, debidamente inscrita no Rexistro Mercantil nos que se indicará, con dilixencia do seu secretario, que estes son os vixentes.

f) Fotocopia cotexada da resolución de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia.

g) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para a actividade obxecto desta orde polas distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

2. Os interesados emendarán, por petición da Dirección Xeral de Turismo da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os defectos das solicitudes de subvención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 6º.-Facultade de inspección.

Desde o momento da presentación das solicitudes, realizaranse tódalas inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verifica-la exactitude dos datos achegados ou a execución das obras aprobadas.

Artigo 7º.-Selección das solicitudes e resolucións.

A cada expediente xuntaráselles informe emitido polo respectivo xefe do Servicio Provincial de Turismo, no que se deberá indicar se o establecemento para o que se solicita subvención está inscrito no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) da Xunta de Galicia, así como informe do inspector de turismo competente sobre o estado actual dos servicios sanitarios. As solicitudes serán estudiadas por unha comisión técnica constituída polo titular da Subdirección Xeral de Fomento e Cooperación, que a presidirá, actuando como vocais un representante de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, os xefes de servicio provinciais de Turismo e os xefes de servicio de Fomento e Promoción, de Investimento e Supervisión Técnico-Turística e de Ordenación do Turismo da Dirección Xeral de Turismo. Exercerá as funcións de secretario da comisión o antedito xefe de Servicio de Fomento e Promoción.

1. Para a valoración das solicitudes terase en conta como criterio de concesión os investimentos que determinen unhas dotacións superiores ás establecidas como mínimas nesta orde.

2. Esta comisión, á vista dos expedientes e dos informes emitidos polos servicios provinciais, analizarán e cualificarán os proxectos e, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias, elevará ó director xeral de Turismo, os acordos adoptados. Dos acordos adoptados pola comisión redactarase a correspondente acta.

3. O conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo dictará as resolucións de concesión ou, se é o caso, de denegación de subvencións. Contra estas resolucións, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o titular desta consellería no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados ambos prazos desde a recepción da notificación desta resolución.

A resolución de concesión, determinará o importe da subvención concedida, con cargo ás disposicións orzamentarias determinadas nesta orde.

4. Entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data de publicación da orde.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións concedidas en virtude desta orde terán como data límite, para a presentación de xustificación do investimento executado o 1 de novembro de 2003.

En todo caso, os beneficiarios de subvencións, unha vez executado o investimento, deberán xustifica-lo antes posible e nunca con posterioridade á data indicada, data que é límite de presentación da xustificación.

2. O investimento xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas. Se o investimento xustificado fose menor, e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Turismo, por triplicado ejemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobro segundo o modelo do anexo II.

3.2. Facturas relativas á obra executada e fotografías do investimento realizado. En calquera caso, as facturas deberán de especifica-los distintos conceptos e prezos unitarios.

3.3. Certificados de estar ó día nas súas obrigas tributarias coas facendas do Estado e da Comunidade Autónoma e nas obrigas coa Seguridade Social e que non se ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

3.4. Declaración de conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para a actividade obxecto desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

Disposición transitoria

Tódolos actos dictados nos expedientes de gasto regulados ó abeiro desta orde entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles. A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Disposicións adicionais

Primeira.-A resolución de concesión con base no procedemento e condicións sinaladas no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderase modificar por alteración das condicións que se tiveron en conta para a súas concesións ou, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Segunda.-No caso de concesión de subvención trala resolución dun recurso administrativo, os prazos establecidos no artigo 8º.1 teranse que determinar no acto que resolva o dito recurso. Os ditos prazos non poderán ser, en ningún caso, posteriores ó 1 de novembro de 2003.

Terceira.-As unidades administrativas que actúen en calquera das fases do procedemento determinado nesta orde, poderanlle solicitar ó administrado a documentación que consideren precisa para un mellor estudio do expediente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A directora xeral de Turismo dictará, de ser preciso, as resolucións e instruccións oportunas para o desenvolvemento e interpretación desta orde.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto, para esta materia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia así como na Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais, orzamentarias, de función pública e actuación administrativa, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003 e no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo