Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Mércores, 18 de decembro de 2002 Páx. 17.326

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 29 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se aproba definitivamente o plan denominado Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas como Plan sectorial de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Antecedentes:

1. Por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 19 de xullo de 2001 declarouse:

-A incidencia supramunicipal do Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

-Que fose a Dirección Xeral de Obras Públicas o órgano competente para a tramitación do expediente.

-Que as determinacións contidas no plan sectorial vincularán ó planeamento urbanístico dos concellos afectados.

2. Con data 3 de agosto de 2001 sométese o plan sectorial ó trámite de audiencia dos concellos afectados.

3. No Diario Oficial de Galicia do 14 de agosto de 2001 publícase a resolución da Dirección Xeral de Obras Públicas pola que se somete a información pública durante dous meses o Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas.

4. Con data 9 de xullo de 2002, a Dirección Xeral de Urbanismo, da CPTOPV, emite informe favorable desde o punto de vista da ordenación do territorio, por proposta de aprobación técnica do plan sectorial, remitida en data 6 de xuño de 2002 pola Dirección Xeral de Obras Públicas.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 19 de setembro de 2002, acordou:

1. Aprobar definitivamente o plan denominado Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares e Mugardos, coas seguintes modificacións e propostas consecuencia da análise dos informes, observacións e alegacións presentadas durante a fase de exposición pública:

-O trazado definitivo da vía de acceso ó porto exterior queda pendente do estudio de alternativas e conclusións ás que chegue o estudio informativo denominado EI-4-LC-09 acceso terrestre á ampliación do porto de Ferrol en Cabo Prioriño que desen

volve, na actualidade, a Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

-O trazado definitivo da Ronda Oeste de Fene queda pendente do estudio que na actualidade está redactando a CPTPOPV, o cal recollerá unha solución consensuada cos principais entes implicados.

-Apróbase o trazado da vía de conexión A-9 coa C-642, se ben a súa denominación pasa a ser de estrada convencional con accesos controlados. A particularidade de accesos controlados considérase fundamental para a seguridade vial nas estradas colectoras das zonas urbanas. Queda pendente de definición en posteriores estudios de detalle realizados para desenvolve-la presente vía (sexa estudio informativo ou proxecto de trazado), ou ben, dentro do propio PXOU de Neda (en fase de redacción), a materialización do control de accesos.

-Calquera actuación que afecte as vías aprobadas no presente plan deberá incluír entre a súa documentación a correspondente xustificación da súa compatibilidade co plan sectorial, mediante anexo, onde non só se estableza a afección sobre a rede proposta no plan sectorial, senón tamén que a capacidade da rede viaria é suficiente para absorbe-la planificación urbanística proposta, debendo de establecerse reserva de solo para novas vías, se a capacidade fose insuficiente.

2. As determinacións contidas no Plan Sectorial da Rede Viaria de Ferrol, Fene, Neda, Narón, Ares, Mugardos e Cabanas vincularán o planeamento urbanístico dos concellos afectados, os cales deberán adaptalas dentro dos prazos que para tal efecto nel se determinen.

3. Declara-la utilidade pública dos bens afectados polo plan sectorial para os efectos expropiatorios.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2002.

Agustín Hernández-Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas