Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2002 Páx. 17.283

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 26 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento de acceso oeste ó Grove, no concello do Grove. (Clave N-PO-95.6).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 20 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6, no Concello do Grove, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2002.

Agustín Hernández Fernández de Rojas

Director xeral de Obras Públicas

ANEXO

Resolución do 20 de setembro de 2002, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6, no concello do Grove.

O anexo I do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia

inclúe todas aquelas actuacións que produzan unha alteración física ou perda dos valores naturais, culturais, científicos ou educativos dos espacios naturais en réxime de protección xeral.

Dado que o proxecto do asunto de referencia está situado no interior dunha das zonas descritas na Orde do 7 de xuño de 2001 pola que se declaran provisionalmente as zonas propostas para a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000, como espacios naturais en réxime de protección xeral, concretamente na denominada Complexo Ons-O Grove, procédese a formula-la declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto de referencia.

O proxecto obxecto de avaliación consiste no acondicionamento da vía que comunica San Vicente do Mar coa estrada CC-550 ó longo dunha lonxitude de 5.200 m. As obras proxectadas consisten en lixeiras modificacións da planta actual e nunha variante entre os puntos 2+500 e 3+100, que ten por obxecto preserva-lo dominio público marítimo terrestre na praia de Paxareira.

No anexo I resúmese o proxecto e as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio ambiental.

En virtude do establecido no artigo 5, punto 2 do citado Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Obras Públicas, trala aprobación técnica do proxecto constructivo o día 29 de outubro de 1997 e mediante publicación no DOG nº 109, do 7 de xuño de 2002, somete a trámite de información pública o proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6, no Concello do Grove (Pontevedra) e anúnciase a apertura do proceso de información pública, por un período de trinta días hábiles, contados a partir da data de publicación no DOG.

Durante o período de información pública, foi presentada unha alegación, que se resume no anexo III.

Con data 11 de setembro de 2002 complétase o expediente ambiental do proxecto, no que se inclúen os resultados de información pública e os informes da Dirección Xeral de Saúde Pública, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Dirección Xeral de Costas. No anexo II resúmese o contido destes informes.

Unha vez feita a tramitación, conforme se establece no Decreto 442/1990, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 14/2002, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6, no concello do Grove (Pontevedra), promovido pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia.

El órgano substantivo para este proxecto é a Dirección Xeral de Obras Públicas e o órgano ambiental é a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, entre os que se atopan os seguintes documentos remitidos polo promotor:

-Proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6.

-Estudio de impacto ambiental do proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolve establecer, pola presente declaración de impacto ambiental, as seguintes condicións ambientais, ademais das incluídas na avaliada, de xeito que se asegure a minimización dos posibles impactos negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

No caso de que existira contradicción entre o estipulado na documentación avaliada e a presente declaración, prevalecerá sempre o disposto nesta última.

A) Ámbito da declaración.

Esta declaración de impacto ambiental refírese ó proceso de execución e explotación do proxecto definido no proxecto constructivo de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove. Clave: N-PO-95.6, constando a súa descrición no anexo I da presente declaración de impacto ambiental.

B) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre as emisións de po e gases.

1.1.1. A maquinaria empregada no proceso constructivo cumprirá coa normativa de emisións que lle resulte de aplicación, debendo dispor de documentación acreditativa ó respecto.

1.1.2. Queda prohibida a queima de restos ou de calquera tipo de material.

1.1.3. En relación coas posibles alteracións da calidade do aire por emisión de po á atmosfera durante a fase de construcción, debido á acción da maquinaria e ós movementos de terras, procederase á rega de vías e zonas de obra de xeito suficiente e cando se dean condicións de seca e/ou fortes ventos, tal e como se establece no programa de medidas correctoras contido no EIA.

1.2. Sobre o ruído.

1.2.1. Serán adoptadas as medidas correctoras precisas para garantir que os niveis de presión sonora orixinados na fase de obra e funcionamento, cumpran co disposto na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ó respecto.

1.2.2. En consecuencia, deberán desenvolverse sobre a solución definitiva os estudios de detalle precisos para valora-la afección sonora prevista, e

propoñe-las medidas correctoras axeitadas, así como os controis que se van realizar dentro do plan de vixilancia ambiental.

2. Protección dos solos.

2.1. Delimitarase a zona afectada polas obras, incluíndo as instalacións e vías auxiliares se aquelas as precisasen; restrinxiranse os movementos da maquinaria ás zonas destinadas para o efecto. Estas vías auxiliares deberán vir reflectidas no plano requirido no punto 9.1.

2.2. Na selección das zonas destinadas á situación das instalacións auxiliares, primará o uso dos espacios ocupados pola traza fronte a calquera outro, evitando, en todo caso, a súa localización sobre, ou no contorno de zonas vulnerables, especialmente o lugar de importancia comunitaria denominado Complexo Ons-O Grove, rede fluvial, bosques climácicos, bens patrimoniais e núcleos de poboación, de xeito que estas se sitúen en espacios carentes de valores ambientais relevantes. Axuntarase plano a escala axeitada segundo consta no punto 9.1.

2.3. Os labores de mantemento da maquinaria non apta para circular por estrada realizaranse nas zonas antes sinaladas, onde se deberá dispor dos medios necesarios para previr calquera afección por derrames accidentais. No caso da maquinaria apta para circular por estrada, estes labores levaranse a cabo en talleres autorizados. Achegarase definición suficiente dos ditos medios segundo consta no punto 9.1.

2.4. Tanto a terra vexetal como o substrato areoso que se recupere almacenarase de acordo co establecido no EIA. O substrato areoso reintegrarase ó dominio público, non podéndose empregar no recheo. A zona de amoreamento localizarase no plano requirido no punto 9.1. Esta terra vexetal mentres permaneza almacenada non poderá ser mesturada con ningún tipo de entullo.

2.5. Os amoreamentos deberán facerse de xeito que se impida a súa deterioración por compactación (polo paso de maquinaria) ou por erosión hídrica, e disporanse formando cordóns que non superen os 2 m de altura (conservándose de acordo co EsIA).

2.6. Calquera material procedente de canteira que se precise para o desenvolvemento das obras, deberá proceder de canteiras autorizadas. No caso de que se precise da apertura de canteiras no curso das obras, deberase contar previamente coas autorizacións precisas en función da lexislación vixente. .

2.7. Tódolos residuos que se xeren como consecuencia da execución das obras e da explotación da nova vía, deberán xestionarse conforme a súa natureza e conforme a lexislación vixente en cada caso. Os sobrantes de terras, se os houbera, serán depositados en lugares autorizados polo órgano competente.

2.8. De realizarse almacenamentos temporais de residuos en tanto non se produce a súa entrega ós correspondentes xestores, estes localizaranse no

marco da zona de obras e en superficies delimitadas e destinadas para tal fin, nas que ademais, se deberán dispor contedores ou outros medios similares para evita-las afeccións ó solo. Deberase xuntar plano conforme sinala o punto 9.1.

2.9. Ó remata-las obras, tódalas instalacións auxiliares deberán ser desmanteladas e, no caso de que non se situaran sobre a propia traza, restaurados os espacios ocupados por elas á súa situación preoperacional.

3. Protección das augas e leitos.

3.1. Previamente a calquera afección ó dominio público hidráulico, zona de servidume ou policía, será preceptiva a autorización administrativa outorgada por Augas de Galicia.

3.2. Procederase ó balizado ou sinalización axeitada, dos tramos da rede fluvial inscritos no ámbito de afección da infraestructura, co obxecto de preservalos de afeccións e danos innecesarios, quedando prohibida a utilización dos ditos espacios (marxes, ribeiras e zonas de servidume) como lugar para o depósito de materiais, parques de maquinaria, operacións de repostaxe, e, en xeral, todas aquelas actividades que puideran supoñe-la contaminación das augas a través da incorporación de substancias contaminantes.

3.3. Así mesmo, e en fase de obra, disporanse sistemas que impidan a chegada de materiais procedentes dos movementos de terras, escavacións e dos procesos de voadura ás augas continentais, tal e como se require no punto 9.2 desta DIA. Así mesmo prohíbese a vertedura de calquera substancia ás augas, en especial cementos e hidrocarburos, así como o lavado de materias nos cursos.

3.4. O destino dos sobrantes decidirase previamente ó inicio das obras, elixindo zonas que, ademais de estaren autorizadas, pola súa situación, morfoloxía e características garantan a non afección a cursos de auga, tanto directa como indirectamente.

3.5. Non estando previsto no estudio de impacto presentado a reserva dunha zona para a fabricación de formigón, áridos ou aglomerado asfáltico, estes, necesariamente, serán provistos desde planta ou plantas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións, salvo que se solicite revisión da declaración coa inclusión da planta ou plantas.

4. Proteccion da vexetación.

4.1. Previamente á afección á vexetación de ribeira, así como para a corta de arborado e a plantación de árbores en terreos de dominio público hidráulico, contarase coa autorización da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

4.2. Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación que non resulte afectada directamente pola execución das obras proxectadas. En fase de replanteo, procederase ó balizado ou á sinalización de todas aquelas masas e formacións vexetais de carácter climácico e interese ambiental situadas no

contorno do trazado, co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre elas. Prestarase especial atención á totalidade do treito obxecto de obra que discorre a través do lugar de importancia comunitaria denominado como Complexo Ons-O Grove, así como a aquelas masas conformadoras de comunidades riparias asociadas a rede fluvial e a as representacións do bosque climácico.

4.3. Levaranse a cabo as medidas compensatorias propostas no estudio de impacto ambiental, consensuando coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza estas actuacións. Prestarase especial atención ás zonas abandonadas e degradadas polo trazado da anterior entrada.

4.4. No tratamento da vexetación de foxos e sistemas de drenaxe evitarase o emprego de herbicidas, realizando os labores exclusivamente con medios mecánicos.

4.5. O peche de madeira do espacio natural deberase aplicar nas dúas marxes da nova estrada. Así mesmo, instalaranse bolardos de protección complementaria nos diferentes camiños que soben desde esta estrada a San Vicente cara ó norte entre os p.k. 4+200 e 5+170, xa que na actualidade úsanse para a extracción indebida de áridos. No camiño localizado entre o p.k. 4+815 e o 4+851 instalarase un peche tipo portalón para o paso dos vehículos contra incendios. Así mesmo, considérase insuficiente o diámetro dos bolardos e do cercado para a protección perseguida, debendo empregarse diámetros non menores de 10 cm.

5. Proteccion da fauna.

5.1. Aqueles labores do proceso de obras que impliquen a realización de voaduras, levaranse á práctica fóra do período de reproducción e cría das especies faunísticas do territorio.

5.2. Deberá estudiarse o deseño definitivo das obras de drenaxe transversal en relación ó efecto barreira sobre a fauna. No deseño destas obras de drenaxe terase en conta o uso como paso para a fauna. No caso de que as obras de drenaxe non sexan suficientes, proxectaranse pasos para a fauna independientes. Neste senso, evitarase o emprego de pasos tipo marco ou tubo, tentando que o leito permaneza o máis parecido posible ó seu estado natural.

6. Proteccion da paisaxe.

6.1. Aplicarase e executarase o proxecto de restauración e acondicionamento paisaxístico dos espacios alterados polas obras contido no estudio de impacto ambiental, incluíndose tamén os medios precisos para dar cumprimento á presente declaración de impacto ambiental.

6.2. Naquelas zonas afectadas polos movementos de terras, escavacións e, en xeral, sobre todas aquelas superficies que a consecuencia da realización das obras queden desprovistas de vexetación, procederase á aplicación dos procedementos de restauración coa maior brevidade posible, co obxecto de evita-la aparición de fenómenos erosivos.

6.3. O paseo e o carril bici proxectados estarán integrados no contorno, evitando cores impactantes.

7. Protección do patrimonio.

7.1. De maneira previa ó comezo das obras, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para a súa aprobación, un proxecto de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e de restitución dos terreos.

7.2. A aparición de calquera resto arqueolóxico durante a fase de obra ou no seguimento arqueolóxico porase de inmediato en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que tomará as medidas cautelares oportunas.

7.3. Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia.

8. Seguimento e vixilancia.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras contempladas no estudio de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración. O programa pode permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar efectos non previsibles e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Con este fin, adaptarase o programa de vixilancia e seguimento ambiental contido no estudio de impacto ambiental ós novos condicionantes xurdidos da presente declaración, incorporándose as correspondentes partidas orzamentarias e remitíndollo ó órgano ambiental para a súa avaliación previa ó comezo das obras.

Tódalas medicións e analíticas deberán ser realizadas por entidade homologada ou acreditada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade. Así mesmo, e tal e como se estipula no punto 10.5 desta declaración, deberá nomearse un responsable do cumprimento do programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Tendo en conta o anterior, o promotor remitiralle, a esta dirección xeral, coas periodicidades que se indican, dous (2)exemplares de:

8.1. Durante a fase de obras:

8.1.1. Mensualmente: cronograma actualizado das obras, xunto cun plano no que se reflicta a zona de actuación prevista para o seguinte mes.

8.1.2. Trimestralmente: memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vVixilancia e seguimento ambiental indicado no punto 9.6, xunto co cronograma actualizado das obras, no que se inclúa o desenvolvemento dos traballos de restauración. Indicaranse, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

8.1.3. Antes da emisión da acta de recepción: memoria-resumo da aplicación do programa de vixilancia e seguimento ambiental que reflicta o cumprimento de tódalas medidas correctoras contempladas no estudio así como as impostas na DIA, e en concreto:

-Informe, xunto con reportaxe fotográfica na que se reflicta o estado da vía e dos traballos de restauración levados a cabo, indicando, se é o caso, as variacións producidas con respecto ó proxectado.

8.2. Despois da recepción das obras e anualmente durante tres (3) anos:

-Memoria-resumo do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia e seguimento ambiental solicitado no punto 9.6, no que se inclúan as incidencias producidas e as medidas adoptadas para a súa resolución.

No caso de xerarse algún informe especial, definido no programa de vixilancia e seguimento ambiental do estudio presentado, remitiráselle coa maior brevidade posible a esta dirección xeral.

9. Documentacion adicional.

Previamente ó comezo do proceso constructivo, o promotor remitiralle ó órgano ambiental para a súa avaliación e, se procede, imposición de novas medidas de corrección ou outras adicionais que do dito proceso puideran derivarse, dúas (2) copias da seguinte documentación:

9.1. Plano de escala axeitada onde se reflicta a situación das vías, instalacións auxiliares e zonas de amoreamento. Irá acompañado dunha memoria onde consten os equipamentos destinados a evita-la xeración de impactos adicionais de cada unha das instalacións previstas, así como unha definición suficiente das súas funcións. Inclúense aquí tanto instalacións auxiliares como lugares destinados á realización de amoreamentos.

9.2. Definición dos sistemas destinados a preve-la contaminación das augas a consecuencia dos procesos de escorrega superficial en fase de movementos de terras.

9.3. Proxecto de seguimento e control arqueolóxico das obras conforme establece a condición 7.1.

9.4. Descrición e xustificación da adaptación das obras de drenaxe como pasos para a fauna, ou xustificación no caso de que non sexan precisos.

9.5. Xustificación das dimensións do paseo peonil proxectado, así como da necesidade da pavimentación con formigón e terrazo.

9.6. Programa de vixilancia ambiental baseado no presentado no estudio ambiental e incluíndo os controis derivados das condicións desta declaración de impacto ambiental.

10. Condicións adicionais.

10.1. A Dirección Xeral de Obras Públicas comunicaralles a esta dirección xeral e ó Servicio de Con

servación da Natureza a data de comezo de execución das obras.

10.2. Se unha vez emitida esta DIA, se manifestase algún outro tipo de efecto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan. Do mesmo xeito se poderá proceder no caso de incumprimento total ou parcial das condicións expostas nesta declaración.

10.3. Así mesmo, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor das condicións impostas nesta DIA, poderán ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

10.4. As condicións sinaladas na presente DIA son de obrigado cumprimento para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles casos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes respecto do cumprimento dos obxectivos do proxecto, sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e metas que se fixan na presente declaración de impacto ambiental.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao, nun prazo máximo dun (1) mes, de lle ser notificada a presente declaración, á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado ó promotor, que non poderá comeza-los traballos antes de contar cunha resolución desta dirección xeral para o efecto.

10.5. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable deste, notificándolle o seu nomeamento ó órgano ambiental.

10.6. Calquera cambio que se pretenda introducir respecto da documentación avaliada deberá elaborarse tendo en conta a variable ambiental e ser notificado previamente a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e decidirá sobre a súa aceptación, comunicando, asemade, se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

10.7. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá dictar en calquera momento e para os únicos efectos ambientais, condicionados adicionais ós que constan na presente DIA en función dos resultados que se acaden tanto no desenvolvemento das obras como durante a explotación, ou ante unha manifestación

de calquera tipo de impacto non considerado ata o momento.

10.8. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

10.9. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2002. José Luís Díez Yáñez, director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I

Descrición do proxecto

O proxecto de alargamento e acondicionamento do acceso oeste ó Grove (Pontevedra); prevé o acondicionamento dun treito de 5.200 metros desta estrada desde o lugar de San Vicente do Mar ata o enlace desta coa C-550.

As obras proxectadas consisten no alargamento e acondicionamento da estrada preexistente, que, aproveitando no posible a orografía existente, garanta unha velocidade específica de 60 km/h, cunha plataforma mínima de 12 m nun primeiro treito da traza e unha plataforma de 17 m nun segundo treito que conta con paseo peonil de 2 m de largo polo bordo costeiro e un carril para bicicletas no lado oposto co mesmo largo de 2 m, esta sección tipo do segundo treito vese reducida nos treitos onde as edificacións existentes o imposibilitan, nestes casos a plataforma redúcese a 12,50 metros ó pega-los carrís peonís e de bicicletas á estrada.

O proxecto prevé a actuación sobre unha lonxitude de 5.200 metros desde o núcleo de San Vicente do Mar ata a estrada C-550 no istmo da Lanzada. O trazado existente modifícase lixeiramente en planta, corrixindo as curvas máis perigosas con excepción da variante proxectada entre os puntos 2+500 e 3+100. En canto ó alzado efectúase unha importante reforma dadas as pésimas características do perfil existente.

O trazado en planta e alzado axústase ás instruccións de estradas e demais normativa de obrigado cumprimento vixente e cumpre os demais condicionantes impostos pola deputación. As características do trazado son as seguintes:

Radio mínimo 120 m.

Velocidade específica 60 km/h.

Rampla máxima sen vía lenta 5%.

Rampla máxima absoluta 6%.

Acordos convexos 1.400.

Acordos cóncavos 1.400.

Largo de calzada 7 m.

Largo de beiravías 1,5 m.

Carril bicicletas 2 m.

Paseo peonil 2 m.

O paseo peonil estará formado polas seguintes capas:

-Sub-base granular de 15 cm de grosor.

-Base de 10 cm de formigón en masa H-175.

-Lousa de terrazo asentada sobre morteiro con cemento.

O carril para bicicletas estará formado polas seguintes capas:

-Sub-base granular de 25 cm de saburra artificial.

-Capa de rodadura de 6 cm de aglomerado asfáltico coloreado tipo D-12.

Ó longo de todo o trazado da senda peonil disponse unha rede de luz pública.

ANEXO II

Resultado das consultas efectuadas

A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza, nun primeiro informe, á vista do proxecto, indica o seguinte:

-Parte das accións que se van executar atópanse dentro do espacio natural Complexo Ons-O Grove.

-A infraestructura de referencia conforma parte do límite da zona de especial protección para as aves (ZEPA) e da zona húmida de importancia internacional (RAMSAR).

-Na zona aparecen hábitats naturais de interese comunitario (anexo I) e especies incluídas no anexo II da Directiva 92/43/CEE.

-Tanto a citada directiva como a figura que regula os espacios naturais en réxime de protección xeral obrigan á realización dunha avaliación das repercusións sobre o medio no caso de que se prevexan efectos negativos sobre o espacio.

-Segundo o Decreto 442/1990, de 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, as actuacións que produzan unha alteración física ou unha perda dos valores naturais, culturais, científicos ou educativos dos espacios naturais en réxime de protección xeral.

-Por todo iso consideran preciso a realización dun estudio de impacto ambiental.

-As medidas correctoras, protectoras e compensatorias terán os seguintes obxectivos:

-Reduci-la intensidade das accións sobre o contorno mediante actuacións brandas.

-Compensa-los efectos negativos mediante a mellora dos positivos.

-Optimiza-la integración das obras a través dun aproveitamento do medio que permita alcanza-las metas fixadas no proxecto.

-Para prever ou reduci-las posibles afeccións ó medio teranse en conta as seguintes cuestións:

-Posibilidade de recuperar determinadas zonas degradadas, cumprindo así coa Directiva 92/43/CEE.

-Establece-la recollida, almacenamento, conservación e/ou xestión da terra/área afectada polas obras. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras procedentes da escavación situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural.

-As superficies afectadas polas obras ou aquelas que se pretendan repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Levarase a cabo o seu correspondente seguimento para consegui-lo fin esperado.

-Estabilización de noiros para evitar que os procesos erosivos provoquen desprendementos.

-Prever zonas de amoreamento e préstamos.

-Humectación de materiais pulverulentos.

-Delimitarase correctamente o terreo que se vai ocupar polos labores do proxecto, co fin de diminuí-la perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

-Evitar modifica-los leitos ou zonas de escorrega para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo das obras.

-Evita-la deterioración ou calquera tipo de influencia negativa nos hábitats fluviais, protexendo en todo momento a vexetación de ribeira. Ademais, nos cursos fluviais evitarase a colocación de pasos marco ou tubos para impedir calquera tipo de afección ó leito e a limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estiaxe. O motivo destas circunstancias é debido á escasa lámina circulante polo marco ou tubo no verán, o que dificulta a natación dos peixes.

-Durante os labores de obra terase especial precaución en non depositar residuos ou productos sólidos en zonas onde a escorrega produza arrastres de materiais, coa conseguinte contaminación de augas continentais. Ademais, tomaranse as medidas de seguridade necesarias para evitar derrames accidentais dos tanques e almacenamento de productos como aceites, graxas e carburantes de motores, que serán cambiados en talleres autorizados e xestionados segundo a normativa vixente.

-Integración estética das obras que se van executar, amortecendo o impacto visual e paisaxístico.

-Procurarase a formación e sensibilización ambiental do persoal que traballe na obra para evitar impactos e danos derivados da execución destas.

-Evitar no posible crear efectos barreira para animais, no caso de ser inevitable estudia-la posibilidade da creación de pasos de fauna.

-Ademais destas consideracións realizarase un plan de vixilancia ambiental que servirá para toma-las medidas de seguimento e control e permitirá actuar sobre aqueles efectos difíciles de predicir ou que xorden durante as obras.

-Tódalas medidas protectoras, correctoras e compensatorias quedarán definidas a nivel executable.

-Estas medidas deben integrarse no plan de obra e estarán incluídas no orzamento.

Nun segundo informe sobre o estudio de impacto ambiental, indica o seguinte:

-Deberanse cumprir tódolos preceptos recollidos nas medidas correctoras, protectoras e compensatorias expostas, ademais do establecido no programa de vixilancia ambiental e no documento de restauración e integración paisaxística.

-Con motivo de prever e/ou reducir outras posibles afeccións terase en conta as seguintes cuestións:

-Restituirase a superficie do hábitat prioritario afectado, tal e como se reflicte no proxecto de restauración e integración paisaxística, prestando especial atención ás zonas abandonadas e degradadas polo trazado da anterior entrada.

-Evita-la deterioración ou calquera tipo de influencia negativa nos hábitats fluviais. Aínda que non se indica que afecte estes hábitats, no caso de novos pasos, evitarase a colocación de pasos marco ou tubo para evitar afeccións ó leito e a limitación de desprazamentos da fauna piscícola en épocas de estiaxe.

-No tratamento de limpeza da vexetación de foxos e sistemas de drenaxe, evitarase por completo o emprego de herbicidas, realizando os labores por medios mecánicos.

-O peche de madeira do espacio natural deberase aplicar nas dúas marxes da nova estrada. Así mesmo, instalaranse bolardos de protección complementaria nos diferentes camiños que soben desde esta estrada a San Vicente cara ó norte entre os p.k. 4+200 e 5+170, xa que na actualidade úsanse para a extracción indebida de áridos. No camiño localizado entre o p.k. 4+815 e o 4+851 instalarase un peche tipo portalón para o paso dos vehículos contra incendios. Considérase insuficiente o diámetro dos bolardos e do cercado para a protección perseguida, debendo empregarse diámetros non menores de 10 cm.

-O paseo e o carril bici proxectados estarán integrados no contorno, evitando cores impactantes.

-Se se producise un imprevisto, tomaranse as medidas precisas para reduci-lo dano ocasionado, comunicándollo ó Servicio Provincial de Conservación da Natureza, quen decidirá sobre as solucións.

-En calquera caso comunicaráselle ó Servicio de Conservación da Natureza de Pontevedra o comezo da obra.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural sinala que na memoria técnica da prospección arqueolóxica adscrita ó proxecto de referencia se inclúe un inventario e rexistro dos elementos pertencentes ó patrimonio arquitectónico e etnográfico da zona, recollendo as incidencias das obras sobre os bens e as medidas correctoras propostas para a protección destes bens.

Sinala que na dita documentación consta que non se prevén afeccións directas sobre o patrimonio arqueolóxico visible.

Sen embargo, e en atención á posible existencia de elementos do patrimonio arqueolóxico imperceptibles a simple vista, considérase preciso establecer unha medida correctora de carácter xenérico consistente na realización dun control e seguimento arqueolóxico dos traballos de remoción de terras, para o que, de maneira previa ó comezo das obras, deberá presentarse ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para a súa aprobación, un proxecto de control e seguimento arqueolóxico das fases de replanteo, execución de obra e de restitución dos terreos.

Tódalas actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como estipula a normativa vixente na materia.

A Demarcación de Costas do Estado en Galicia emite informe favorable con dúas condicións:

-O substrato areoso que se recupere da zona de ocupación das actuacións proxectadas deberá tamén ser reintegrada ó dominio público.

-Deberíanse instalar un maior número de elementos disuasorios, ben en forma de bolardos, ben en forma de banda continua, co obxecto de reforza-lo efecto barreira que se propón en proxecto para impedi-lo acceso de vehículos desde a estrada ó dominio público, coa excepción dos puntos debidamente controlados que deban ser utilizados para un eventual servicio de emerxencia.

ANEXO III

Resumo de alegacións

Joaquín Rodríguez Pomares, do Colectivo Ecoloxista do Salnés, propón unha serie de modificacións para o treito de proxecto inscrito no LIC Ons-O Grove:

-Eliminación de beiravías, co obxecto de que a ocupación do espacio natural sexa a mínima, de xeito que o impacto sobre a paisaxe e a vexetación se minimice.

-Reducción do largo do paseo peonil polas mesmas razóns.

-Solicitan que se expoña con máis detalle en qué vai consisti-la rexeneración da vexetación no itsmo.