Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2002 Páx. 17.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 10 de decembro de 2002 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Balms para la Infancia de Vigo (Pontevedra).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Balms para la Infancia, en Vigo (Pontevedra).

Supostos de feito.

Primeiro.-Con data do 24 de setembro de 2002, solicitouse a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por Antonio Heredero González-Posada, en calidade de representante da fundación.

Segundo.-A fundación constituiuse en escritura pública outorgada o 26 de xullo de 2002 en Vigo, ante o notario José Luis Prieto Fenech, co número 1136 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos secretarios xerais na reunión celebrada o día 22 de outubro de 2002 elevou ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese galego da Fundación Balms para la Infancia.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 24 de outubro de 2002 (Diario Oficial de Galicia nº 214, do 6 de novembro), clasificouse como de interese social a Fundación Balms para la Infancia, tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego e dado o seu obxecto adscribiuse á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Quinto.-Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é a promoción e proteccións nos intereses do menor, de acordo co previsto na lexislación española e os principios recollidos no convenio relativo á protección do neno e a cooperación en materia da adopción internacional elaborada na Haia o 29 de maio de 1993 e demais normas internacionais aplicables.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial, estatutos nos que consta a denominación (Fundación Balms para la Infancia), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

Antonio Calixto Heredero González-Posada como presidente.

Juan Luis Balmaseda de Ahumada Díez como vicepresidente.

Javier Pascual Garófano como secretario.

Manuel Logo Muñoz como vocal.

Mónica Heredero González-Posada como vocal.

Juan Camacho Vázquez como vocal.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.2º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu favorablemente con data do 27 de novembro de 2002.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como co artigo 1 do Decreto 250/2002, do 18 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións, da Fundación Balms para la Infancia, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as fundacións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinta.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime de fundación de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 250/2002, do 18 de xullo,

polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Balms para la Infancia de Vigo (Pontevedra).

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a dar contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2002.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude