Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2002 Páx. 17.266

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 345/2002, do 28 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 242, Plan Operativo Local 2002 Barreiros, Ponte do Barral en Celeiro de Mariñaos (concello de Barreiros).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión que tivo lugar o día doce de abril de dous mil dous, aprobou o proxecto da obra número 242, Plan Operativo Local 2002 Barreiros, Ponte do Barral en Celeiro de Mariñaos, e na sesión do vintecinco de marzo de dous mil dous, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día catorce de outubro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintecatro de maio de dous mil dous.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos emitiu informe favorable. O dito informe tivo data de entrada no rexistro da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día quince de novembro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado xa que, segundo sinala a deputación, a ponte que se

proxecta é para substituír unha antiga ponte cunha estructura que presenta un avanzado estado de deterioración, supón un grave perigo para o tráfico rodado que discorre por unha vía cunha grande intensidade de vehículos, xa que comunica as parroquias de Vilaronte e Celeiro de Mariñaos coa nacional 634, non soporta o peso de vehículos pesados e, así mesmo, ó existiren deficiencias na sección de desaugadoiro, orixínanse inundacións que producen cortes de tráfico na estrada, xerando situacións de illamento.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteoito de novembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto, e necesarios para a execución da obra número 242, Plan Operativo Local 2002 Barreiros, Ponte do Barral en Celeiro de Mariñaos.

Santiago de Compostela, vinteoito de novembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais