Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Luns, 16 de decembro de 2002 Páx. 17.266

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 344/2002, do 22 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Pontevedra, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de mellora da estrada provincial 2107 de Parada-A Ramallosa a Vilariño (concello de Nigrán).

A Deputación Provincial de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o día vinteoito de xuño de dous mil dous, aprobou o proxecto de mellora da estrada provincial 2107 de Parada-A Ramallosa a Vilariño, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A deputación remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día doce de novembro de dous mil dous.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día vintetrés de outubro de dous mil dous.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a relación das obras do proxecto técnico sinalado xa que, segundo sinala a deputación, a actuación vén dada pola imperiosa necesidade de dotar dunha maior seguridade o tráfico rodado, así como os viandantes, nunha zona altamente poboada e cunha densidade demográfica que se eleva considerablemente na época estival, tendo presente, ademais, que existe un colexio público nas súas inmediacións, co grave risco que iso supón nas horas de entrada e saída do alumnado que asiste ó dito centro docente.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de novembro de dous mil dous.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Pontevedra, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto, e necesarios para a execución das obras do proxecto de mellora da estrada provincial 2107 de Parada-A Ramallosa a Vilariño.

Santiago de Compostela, vintedous de novembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais