Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Mércores, 11 de decembro de 2002 Páx. 17.051

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 360 e 362 acumulados que afecta ó monte Castelo Grande e Pedregal e Bolantón, da parroquia de Esteiro, concello de Muros.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 26 de xuño de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 26 de xuño de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación Provincial de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo

Expediente: 360 e 362 acumulados.

Monte: Castelo Grande e Pedregal e Bolantón.

Comunidade: parroquia de Sta. Mariña de Esteiro.

Parroquia: Esteiro.

Concello: Muros.

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Os veciños do lugar de Riomaior, parroquia de Esteiro, concello de Muros, solicitaron deste Xurado, con data do 3-12-1999, a cualificación como veciñal do expresado lugar, do monte Castelo Grande. Igualmente, os veciños da parroquia de Esteiro, concello de Muros, solicitaron con data do 13-12-1999, a cualificación dos montes Castelo Grande e Pedregal e Bolantón. A totalidade do monte do que se pretende a cualificación ten as seguintes características:

Superficie: 582,62 ha.

Lindeiros:

a) Monte Castelo Grande. É o monte Castelo Grande, nº 113 do C.U.P. Integrado por dúas parcelas, cunha superficie de 121,20 ha.

Parcela 1ª. Norte: con propiedades particulares da Laxe, ata o sitio denominado Costa de Rameira, límite do termo do concello de Outes. Leste: a partir do último punto, coa liña divisoria dos concellos

de Muros e Outes e propiedades particulares do lugar de Riomaior. Sur: propiedades particulares de Riomaior. Oeste: co predio Riva Tras La Agra, estrada de Esteiro á Silvosa e predios particulares dos lugares da Laxe e A Silvosa.

Parcela 2ª. Norte, leste e sur: con propiedades particulares do lugar de Riomaior. Oeste: muro da casa de Manuel Nieto e propiedades particulares do lugar de Riomaior.

b) Monte Pedregal e Bolantón. Coincide co monte Pedregal e Bolantón, nº 132 do C.U.P., cunha superficie de 461,42 ha.

Norte: monte Cadaval, Ruña e outros e Bedelo, dos concellos de Mazaricos e Outes, respectivamente. Leste: rego de Muíño e propiedades particulares dos veciños da Silvosa e Esteiro. Sur: máis propiedades particulares dos veciños de Esteiro. Oeste: monte Tal, Bornallo e Calvo e outros, das parroquias de Tal, Abelleira e Torea, respectivamente, e propiedades particulares de veciños de Marselle.

Segundo.-A vista de tales solicitudes, o Xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-los oportunos expedientes, nomeándose como instructores a Juan Ramón Beneyto Bellas e Ana María Díaz López, que aceptaron expresamente estes cargos. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do concello de Muros, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 172, do 5-9-2001 e nº 173 de 6-9-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños de Riomaior, e os veciños da parroquia de Esteiro fundamentan as súas peticións ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común no aproveitamento consuetudinario, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, dos montes correspondentes a estes lugares.

Os veciños do lugar de Riomaior presentan copia de documentos privados de cotas particionais do monte do dito lugar efectuados no ano 1930, do establecemento dunha concesión administrativa para pastoreo de 1963, e doutra concesión para repoboación establecida en 1929 -esta última non verificada-. Pola súa parte, os veciños da parroquia de Esteiro presentan copia de acta de manifestacións de persoas de avanzada idade da parroquia, na que afirman a condición de veciñal do monte.

Cuarto.-Ante os citados expedientes presentáronse sendas alegacións referidas ó monte Castelo Grande. Por parte do lugar de Riomaior, reclamando a pertenza e aproveitamento exclusivo de tal monte, e estendendo a súa petición ó lugar da Laxe, mentres que os veciños da parroquia de Esteiro negan tal aproveitamento exclusivo, e afirman que o monte tamén vén sendo aproveitado por veciños doutros lugares, entre outros, A Laxe e A Silvosa.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer destes expedientes, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños do lugar de Riomaior e os da parroquia de Esteiro, son parte lexítima para solicita-la iniciación dos presentes expedientes.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan nos expedientes e, en especial, da comprobación do expresado no punto anterior, considérase acreditada a natureza veciñal dos montes Castelo Grande e Pedregal e Bolantón.

Quinto.-Non se puido demostra-la pertenza ou o aproveitamento exclusivo do monte Castelo Grande polos veciños de Riomaior. As escrituras de cotas de 1930, meramente descritivas, non conteñen referencias que acrediten unha orixe diferenciada do resto do monte, que ten atribuída a súa pertenza á parroquia de Esteiro xa desde a súa inclusión no C.U.P. no 1901. Tampouco a existencia de concesións administrativas a favor dos veciños de Riomaior permite demostrar un aproveitamento exclusivo, pois regulan aproveitamentos de natureza diferente ó veciñal, que poden coexistir con outros tipos de aproveitamentos tanto dos propios veciños de Riomaior como doutros lugares da parroquia. Finalmente, uns e outros documentos refírense a só unha parte do monte Castelo Grande. En relación co conxunto do monte, non hai constancia e parece improbable que houbera aproveitamentos en réxime de comunidade por parte de Riomaior e A Laxe exclusivamente.

Sen embargo, existen suficientes referencias, tanto no informe do Servicio de Montes como no expediente do deslindamento, como pola situación xeográfica doutros lugares próximos ó monte Castelo Grande, de que os aproveitamentos viñan realizándoos indistintamente tódolos lugares da parroquia de Esteiro.

En consecuencia, este Xurado decide a acumulación de ámbolos dous expedientes, agrupando os montes solicitados e atribuíndo a súa pertenza á parroquia de Esteiro, titularidade que xa tiña atribuída desde a súa inclusión no catálogo de utilidade pública da provincia no ano 1901, e reafirmada no deslindamento de tales montes.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta dos instructores,

Acorda cualificar como veciñal en man común o monte Castelo Grande e Pedregal e Bolantón, de pertenza da parroquia de Esteiro, concello de Muros, coas características que figuran no primeiro antecedente desta resolución. Así mesmo, acorda excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación Provincial de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xullo de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña