Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 10 de decembro de 2002 Páx. 17.007

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 363 que afecta o monte Parte do monte Xalo, da parroquia de Celas de Peiro (Culleredo), nas parroquias das Encrobas e Meirama, concello de Cerceda.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 29 de maio de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo:

Expediente: 363.

Monte: parte do monte Xalo.

Comunidade: Pª de Celas de Peiro (Culleredo).

Parroquias: Encrobas e Meirama.

Concello: Cerceda.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Antonio Mosquera Vázquez, presidente da xunta rectora da comunidade de Celas de Peiro, concello de Culleredo, en nome e representación da citada comunidade, solicitóu deste xurado con data do 15-2-2000, a declaración como veciñal da expresada parroquia, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 47,83 ha.

Lindeiros:

Norte: monte veciñal en man común denominado Xalo, propiedade da comunidade veciñal da parroquia de Celas. Leste: estrema do termo do concello de Carral. Sur: montes dos veciños das parroquias das Encrobas e Meirama. Oeste: límite da parroquia de Soandres, no concello da Laracha.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Juan Ramón Beneyto Bellas, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente trami

tación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Ordes, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Cerceda, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG nº 173, do 6-9-2001, taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños da parroquia de Celas fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común en que veñen posuíndo e aproveitando consuetudinariamente o citado monte, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, desde tempo inmemorial.

Presentan copia de certificación do 29-9-1843 expedida polo secretario do Concello da Coruña, na que se transcribe un expediente de constatación do termo da freguesía de Sta. María de Celas do 6-12-1749, así como copia de testemuños de particulares en xuízo de faltas tramitado perante o Xulgado Municipal de Culleredo, sobre corta de esquilmos nos montes Chan de Xalo e Castelo, sitos na parroquia de Celas.

Cuarto.-Ante este expediente formulou alegación Carmen Soledad Pena Barbeito e outros, ata un total de trinta e un veciños de Cerceda e outros concellos limítrofes. Alegan a condición de propietarios de diversos predios situados no monte en cuestión, e presentan copia de escrituras de compra-venda, tanto públicas como privadas, cotas de partición de herdanzas, etc., nalgúns casos inscritas no Rexistro da Propiedade.

Así mesmo, achegan copia do xuízo declarativo de menor contía 92/1995, tramitado perante o Xulgado de Primeira Instancia número catro da Coruña, no que actuaba como demandante a comunidade da parroquia de Celas, e como demandados diversos propietarios das parroquias de Meirama e As Encrobas, sobre os mesmos predios obxecto deste expediente de cualificación. Tal demanda rematou coa sentencia firme do 3-3-1997, desestimatoria das pretensións da comunidade da parroquia de Celas.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Celas de Peiro son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-De acordo co recollido na sentencia firme do 3-3-1997 recaída no xuízo declarativo seguido polo Xulgado de Primeira Instancia número catro da Coruña, existen diversos predios, situados no monte obxecto do actual expediente, que teñen acreditada a propiedade e posesión a favor de veciños das Encrobas e Meirama, e nalgúns casos figuran inscritas no Rexistro da Propiedade.

Quinto.-Non están suficientemente acreditados ante este xurado os aproveitamentos que alegan os veciños da parroquia de Celas. Da documentación referida ós límites históricos da parroquia non se pode deduci-la pertenza ou o aproveitamento do monte pola comunidade, por non ter referencias explícitas a un aproveitamento ou pertenza a favor dela. Ademais, na actualidade non hai indicios de tal aproveitamento veciñal, tal e como se describe no informe presentado polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación.

Sexto.-O xurado, á vista dos escritos de ámbalas partes, considera que os dereitos que se alegan nos aproveitamentos que puideran ter sobre estas parcelas os veciños da parroquia de Celas, así como os de Carmen Soledad Pena Barbeito e outros veciños de Cerceda, mantendo o seu dereito de propiedade e non recoñecendo o acto posesorio da comunidade solicitante, implica que o que neste se expón é cuestión relativa ó dominio de tales montes, da competencia exclusiva dos tribunais da xurisdicción ordinaria, para substanciar polos trámites do xuízo declarativo ordinario que corresponda.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda non cualificar como veciñal en man común a parte do monte Xalo afectada por este expediente.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en

Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xuño de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais e Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais e Man Común da Coruña