Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 10 de decembro de 2002 Páx. 17.005

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 364 que afecta ó monte de Beba, Agar, e Outeiro de Bois, dos lugares de Beba, Agar e Outeiro de Bois, parroquia de Beba, concello de Mazaricos.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 29 de maio de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo:

Expediente: 364.

Monte: de Beba, Agar, e Outeiro de Bois.

Comunidade: lugares de Beba, Agar e Outeiro de Bois.

Parroquia: Beba.

Concello: Mazaricos.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Os veciños dos lugares de Beba, Agar e Outeiro de Bois, parroquia de Beba, concello de

Mazaricos, solicitaron deste xurado, con data 10-3-2000, a declaración como veciñal dos expresados lugares, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 98,65 ha.

Lindeiros:

É o monte Ruña, nº 103-J do C.U.P.

Norte: parroquia de Colúns, predios de veciños de Outeiro de Bois e Agar, e parroquia de Colúns. Leste: predios de veciños de Outeiro de Bois, Agar e Beba. Sur: parroquia de Coiro. Oeste: parroquia de Arcos.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Muros, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Mazaricos, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 173, do 6-9-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños de Beba, Agar e Outeiro de Bois fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común en que viñan aproveitando desde tempo inmemorial en réxime de comunidade sen asignación de cotas, segundo os usos e costumes, o monte correspondente a estes lugares. Presentan copia de documentos con referencias á existencia do monte veciñal, así como o recoñecemento do Pleno do Concello de Mazaricos, que en sesión do 30-4-1999, acordou apoiar tal solicitude.

Cuarto.-Publicados os edictos, e transcorrido o prazo para posibles reclamacións, non se presentou ningunha alegación contra o presente expediente.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias, esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu Regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificiación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños dos lugares de Beba, Agar e Outeiro de Bois son

parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan no expediente, e en especial da comprobación do expresado no punto anterior, que vén avalado polo informe presentado polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, onde hai referencia ós aproveitamentos realizados pola comunidade solicitante, dedúcese que neste caso nos encontramos cun monte pertencente á comunidade veciñal dos lugares de Beba, Agar e Outeiro de Bois, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda cualificar como veciñal en man común o monte de Beba, Agar e Outeiro de Bois, de pertenza dos lugares de Beba, Agar e Outeiro de Bois, parroquia de Beba, concello de Mazaricos. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndoo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificiación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xuño de 2002

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificiación

de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificiación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña