Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Martes, 10 de decembro de 2002 Páx. 17.008

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 12 de xuño de 2002, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, pola que se resolve o expediente número 361 que afecta o monte Guende, da parroquia de Santo Ourente de Entíns, concello de Outes.

Para os efectos previstos no artigo 28 do regulamento para a aplicación da Lei 13/1989, de montes veciñais en man común, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, en sesión que tivo lugar o 29 de maio de 2002, adoptou o seguinte acordo:

Reunido o 29 de maio de 2002 o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña, baixo a presidencia do delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente, Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes, coa asistencia dos vocais, Josefa Fernández Fernández, xefa do Servicio de Montes e I.F., Alfonso Vázquez-Castro Garma, letrado do Gabinete Xurídico Territorial da Xunta de Galicia, Juan Ramón Beneyto Bellas, representante do Colexio de Avogados da Coruña, José Manuel Caramés Franco, representante das comunidades veciñais de montes en man común, e da secretaria Ana María Díaz López, xefa do Servicio Xurídico da Delegación de Medio Ambiente da Coruña, para estudiar e resolve-lo:

Expediente: 361.

Monte: Guende.

Comunidade: parroquia de Santo Ourente de Entíns.

Parroquia: Santo Ourente de Entíns.

Concello: Outes.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Xoán Domingo Caamaño Fernández, no seu propio nome e en representación dos veciños da parroquia de Santo Ourente de Entíns, concello de Outes, solicitou con data do 26-12-1996 deste xurado, a declaración como veciñal do expresado lugar, do monte arriba citado e que ten as seguintes características:

Superficie: 52,80 ha.

Lindeiros:

Norte: monte. Predios particulares de herdeiros de Josefa Rodríguez. Leste: predios particulares de Severino Buján, Manuel Lourido, e outros veciños de Entíns. Sur: lugar de Guende, camiño público, e predios particulares de Severino Buján, Benito Enríquez, e outros veciños de Entíns. Oeste: camiño público dos Pedrouzos, que o separa de predios particulares de veciños de Entíns.

Segundo.-Á vista de tal solicitude, o xurado, na súa reunión do 10-5-2001, acordou inicia-lo oportuno expediente, nomeándose como instructor a Alfonso Vázquez-Castro Garma, quen aceptou expresamente o dito cargo. Procedeuse á correspondente tramitación, librándose mandamento para a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade de Noia, oídas tódalas persoas, organismos e corporacións interesadas, expedíndose mandamentos para tal fin dirixidos ó alcalde-presidente do Concello de Outes, ó xefe do Servicio de Montes e I.F. e publicándose edictos no DOG (nº 172, do 5-9-2001), taboleiro de anuncios do concello e lugares de costume.

Terceiro.-Os veciños de Santo Ourente de Entíns fundamentan a súa petición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común en que viñan aproveitando desde tempo inmemorial, en réxime de comunidade e sen asignación de cotas, o citado monte Guende.

Presentan acta de manifestacións ante notario onde afirman tal condición. Así mesmo, achegan copia dunha sentencia da Sala Primeira do Civil da Audiencia Territorial da Coruña do 29-5-1999, que revoga sentencia do Xulgado de Primeira Instancia de Muros do 14-3-1958, en relación coa demanda de contradicción interposta polo Concello de Outes sobre un predio que forma parte do monte Guende. Nesa sentencia recóllense diversas consideracións en relación cos aproveitamentos realizados no monte polos veciños de Santo Ourente de Entíns.

Cuarto.-Ante este expediente formulou alegación Mª Emilia Martínez Lourido, manifestando que parte deste monte é propiedade da comunidade de herdeiros do seu bisavó Agustín del Río Sacido. Presenta copia de escritura pública de compra-venda do ano 1908, dun vintecincoavo da participación na copropiedade dun monte foral denominado monte de Guende.

Quinto.-Na tramitación destas actuacións cumpríronse as formalidades legais e regulamentarias,

esixidas principalmente pola Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e o seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, ambos da Comunidade Autónoma de Galicia, Lei de procedemento administrativo e demais disposicións aplicables ó caso.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña ten xurisdicción e competencia para coñecer deste expediente, en virtude do disposto nos artigos 9 e 10 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co contido do artigo 11 da citada lei e 19 do regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, os veciños da parroquia de Santo Ourente de Entíns son parte lexítima para solicita-la iniciación do presente expediente de cualificación.

Terceiro.-Para a súa cualificación como veciñal en man común, o monte debe reuni-las seguintes características: 1) Pertenza a agrupacións de veciños na súa calidade de grupos sociais, non como entidades administrativas; 2) Que se aproveite consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros de cada agrupación na súa condición de veciños comuneiros; 3) Que os veciños comuneiros residan habitualmente con casa aberta dentro da área xeográfica sobre a que se asenta o grupo social que tradicionalmente aproveitou o monte (artigos 1, 2 e 3 da Lei 13/1989 e 1, 2 e 3 do Regulamento do 4 de setembro de 1992).

Cuarto.-Das actuacións que constan no expediente e, en especial, da comprobación do expresado no punto anterior, que vén avalado polo informe presentado polo Servicio de Montes e I.F. desta delegación, onde se acredita que o monte viña aproveitándoo de forma consuetudinaria a comunidade solicitante, dedúcese que no presente caso nos encontramos cun monte pertencente á Comunidade Veciñal da parroquia de Santo Ourente de Entíns, no que se cumpren os aludidos requisitos.

Quinto.-En relación coa alegación presentada por María Emilia Martínez Lourido, o Xurado decide desestimala, posto que se refire á unha participación na copropiedade dun monte foral denominado monte de Guende, que pola súa descrición non parece se-lo mesmo monte obxecto do presente expediente. Tampouco sería posible identificar tal reclamación cun predio concreto sito no monte veciñal.

No trámite de audiencia previo á deliberación do Xurado, e requirida a representación da reclamante para que situara o predio en cuestión sobre os planos

e bosquexos que constan no expediente non foi capaz de identificalo,

Por iso, este xurado, á vista dos antecedentes e fundamentos de dereito expostos, por proposta do instructor,

Acorda cualificar como veciñal en man común o monte Guende, de pertenza da parroquia de Santo Ourente de Entíns, concello de Outes. Así mesmo, acórdase excluí-lo declarado do inventario de bens do concello e do catálogo dos de utilidade pública, se neles estivera inscrito, incluíndolo no Rexistro de Montes Veciñais en Man Común que figura na Delegación de Medio Ambiente da Coruña.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña no prazo dun mes ou recurso contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Coruña, 12 de xuño de 2002.

Ana María Díaz López

Secretaria do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña

Visto e prace

Higinio J. Sánchez-Rodilla Fuentes

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común da Coruña