Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 09 de decembro de 2002 Páx. 16.935

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

PARLAMENTO DE GALICIA

NORMAS en materia de representación, participación e determinación das condicións de traballo do persoal ó servicio do Parlamento de Galicia (texto refundido).

Preámbulo:

A mesa do Parlamento aprobou o día 14 de maio de 1993 as normas en materia de representación e participación do persoal ó servicio do Parlamento de Galicia. Deste xeito, trasladou e desenvolveu a través da devandita disposición xeral parlamentaria o contido básico da Lei 9/1987, do 12 de xuño, sobre órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio da Administración pública.

Logo de transcorrer máis de nove anos desde a súa entrada en vigor (Boletín Oficial do Parlamento de Galicia nº 413, do 29 de maio de 1993), a mesa considerou procedente a súa modificación, tendo en conta a evolución da normativa doutros parlamentos autonómicos, os criterios xurisprudenciais sobre esta materia mantidos a partir dos anos 1994 e 1995 e maila experiencia acadada na Administración parlamentaria na súa aplicación.

A modificación aprobada afecta os artigos 6 a 10 da referida norma e xustifícase pola conveniencia de establecer unha nova composición respecto dos membros integrantes da mesa de negociación, a determinación do seu ámbito competencial material e a supresión da mediación no caso de desacordo, a cal, ó ser potestativa nas administracións públicas, se estableceu como preceptiva na Administración parlamentaria, co que se separaba non só da norma básica do Estado, senón tamén dos criterios mantidos nesta materia noutros parlamentos autonómicos.

Aprobada a modificación subliñada pola mesa do Parlamento o día 23 de setembro e publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia nº 208, do 11 de outubro, estímase conveniente publica-la totalidade da disposición xeral referida para facilita-lo seu coñecemento e cumprimento.

Capítulo I

Xunta de Persoal do Parlamento de Galicia

Artigo 1º.-Natureza da xunta de persoal.

A xunta de persoal é o órgano colexiado de representación do persoal ó servicio do Parlamento de Galicia perante os seus órganos de dirección, nos termos e na forma que se dispoñen nestas normas reguladoras.

Artigo 2º.-Composición da xunta de persoal.

A xunta de persoal estará composta por cinco membros, elixirá de entre eles un presidente e un secretario e elaborará o seu propio Regulamento de réxime interior e de procedemento, do que lle remitirá copia,

así como das súas modificacións, á mesa. O regulamento e as súas modificacións deberanse aprobar cos votos favorables de, cando menos, tres dos seus membros.

O número de membros da xunta de persoal incrementarase de acordo coa escala que establece o artigo 8 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións do traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas.

No suposto de se incrementa-lo número dos seus compoñentes, a aprobación e modificación do regulamento requirirá o voto favorable da maioría dos seus membros.

Artigo 3º.-Facultades.

Correspóndenlle á xunta de persoal as seguintes facultades:

1. Ser informada, trimestralmente, sobre a política de persoal do Parlamento, tendo dereito, neste sentido, a solicitar e recibir canta documentación sexa necesaria para o exercicio da súa función. Este prazo será como máximo de 15 días naquelas materias que pola súa natureza teñan carácter urxente.

2. Emitir informe, por solicitude da Administración parlamentaria, sobre as seguintes materias:

a) Traslado total ou parcial das instalacións.

b) Plans de formación de persoal.

c) Implantación ou revisión dos sistemas de organización e dos métodos de traballo.

3. Ser informada de tódalas sancións impostas por faltas moi graves.

4. Ter coñecemento e ser oída nas seguintes materias:

a) Establecemento da xornada laboral e do horario de traballo.

b) Réxime de permisos, vacacións e licencias.

c) Cantidades que perciba cada funcionario como complemento de productividade.

5. Ser informada, cando menos trimestralmente, das estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes en acto de servicio e as enfermidades profesionais e as súas consecuencias, dos índices de sinistralidade, dos estudios periódicos ou especiais do ambiente e das condicións de traballo, así como dos mecanismos de prevención que se utilizan.

6. Vixia-lo cumprimento das normas vixentes en materia de condicións de traballo, Seguridade Social e emprego e mais exercer, se é o caso, as accións legais oportunas perante os organismos competentes.

7. Vixiar e controla-las condicións de seguridade e hixiene no traballo.

8. Colaborar coa Administración parlamentaria para consegui-lo establecemento de cantas medidas

procuren o mantemento ou o incremento da productividade.

9. Participar na xestión de obras sociais para o persoal establecidas no Parlamento de Galicia.

10. Informa-los seus representados en tódolos temas e cuestións ós que se refire a súa actuación.

11. Designa-los representantes que lle correspondan para xulga-las probas selectivas de ingreso na Administración parlamentaria, os cales terán igual ou superior titulación á esixida nas bases da convocatoria.

Capítulo II

Lexitimación, dereitos, deberes e garantías

Artigo 4º.-Lexitimación e deber de sixilo.

1. Recoñéceselle á xunta de persoal, colexiadamente, e por decisión maioritaria dos seus membros, lexitimación para iniciar, como parte interesada, os correspondentes procedementos administrativos e exerce-las accións en vía administrativa ou xudicial en todo o relativo ó ámbito das súas funcións.

2. Sen prexuízo do deber xeral establecido no artigo 76.2º do Estatuto de persoal, a xunta de persoal, así como os seus membros, observarán sixilo profesional en todo o referente ós temas que a mesa sinale expresamente como de carácter reservado, aínda despois de expira-lo mandato. En todo caso, ningún documento entregado pola Administración parlamentaria poderá utilizarse fóra do estricto ámbito desta ou para fins distintos ós que motivaron a súa entrega.

Artigo 5º.-Garantías e dereitos.

Os membros da xunta de persoal, como representantes legais dos funcionarios, dispoñerán no exercicio da súa función representativa das seguintes garantías e dereitos:

a) O acceso e a libre circulación polas dependencias estrictamente administrativas do Parlamento de Galicia, logo do coñecemento do xefe de servicio e sen que empezan o normal funcionamento das correspondentes unidades.

b) A distribución libre nesas mesmas dependencias de todo tipo de publicacións, xa se refiran a cuestións profesionais ou sindicais.

c) Ser oída a xunta de persoal nos expedientes disciplinarios ós que puidesen someterse os seus membros durante o tempo do seu mandato e durante o ano inmediatamente posterior, sen prexuízo da audiencia ó interesado regulado no procedemento sancionador.

d) Un crédito de 15 horas mensuais dentro da xornada de traballo e retribuídas como de traballo efectivo, para utilizaren en actividades sindicais relacionadas co persoal do Parlamento. Os membros da xunta de persoal poderán proceder, con carácter extraordinario e logo de comunicación ó órgano competente en materia de persoal, á súa acumulación, sempre que esta se produza dentro do mes natural.

e) Non seren trasladados nin sancionados durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, agás no caso de que esta se produza por revogación ou diminución, sempre que o traslado ou a sanción se basee na acción do funcionario no exercicio da súa representación.

f) Así mesmo, non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional en razón, precisamente, do desempeño da súa representación.

Capítulo III

Participación na determinación

das condicións de traballo

Artigo 6º.-Mesa de Negociación do Parlamento de Galicia.

1. A participación na determinación das condicións de traballo do persoal do Parlamento de Galicia efectuarase mediante a capacidade representativa recoñecida ás organizacións sindicais na lei.

2. A mesa de negociación estará composta da seguinte maneira:

a) En representación da Administración parlamentaria: dous membros da mesa do Parlamento, o oficial maior ou a persoa na que delegue e as demais persoas que aquela designe por razón da materia.

b) En representación dos funcionarios:

-Os sindicatos que obtivesen representación na xunta de persoal na porcentaxe establecida na lei.

-Os sindicatos que, malia non obteren tal representación na xunta de persoal, teñan a condición de máis representativos no Estado ou na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Un membro da xunta de persoal, que poderá intervir con voz pero sen voto.

Artigo 7º.-Convocatoria da mesa de negociación.

A mesa de negociación reunirase, cando menos, unha vez ó ano e, en todo caso, cando o acorde a mesa do Parlamento, ou o soliciten a xunta de persoal, por acordo maioritario dos seus membros, ou as organizacións sindicais que forman parte da mesa.

Artigo 8º.-Materias obxecto de negociación.

Serán obxecto de negociación, no seu ámbito respectivo e en relación coas competencias do Parlamento de Galicia, as seguintes materias:

a) O incremento das retribucións dos funcionarios que proceda incluír no proxecto de orzamentos do Parlamento de Galicia de cada ano.

b) A determinación e aplicación das retribucións dos funcionarios.

c) A preparación e o deseño dos plans de oferta de emprego.

d) A clasificación dos postos de traballo.

e) A determinación dos programas e fondos para a acción de promoción interna, formación e perfeccionamento do persoal.

f) A determinación das prestacións e pensións e, en xeral, todas aquelas materias que afecten, dalgún xeito, a mellora das condicións de vida dos funcionarios xubilados.

g) Os sistemas de ingreso, provisión e promoción profesional dos funcionarios.

h) As propostas sobre dereitos sindicais e de participación.

i) As medidas sobre seguridade e hixiene.

j) Todas aquelas materias que afecten, dalgún xeito, o acceso á condición de funcionario do Parlamento de Galicia, a carreira administrativa, as retribucións e a Seguridade Social.

k) As materias de índole económica, de prestación de servicios, sindical e de participación asistencial e, en xeral, cantas outras afecten as condicións de traballo e o ámbito de relacións dos funcionarios do Parlamento de Galicia e das súas organizacións sindicais ou profesionais coa Administración parlamentaria.

Artigo 9º.-Materias excluídas da negociación.

1. Quedan excluídas de obrigatoriedade de negociación ou consulta, se é o caso, as decisións da Cámara que afecten as súas potestades de organización, o exercicio do dereito dos cidadáns ante os funcionarios públicos, as funcións dos parlamentarios e o procedemento de formación dos actos e das disposicións administrativas.

2. Cando as consecuencias das decisións que afecten as súas potestades de organización poidan ter repercusión sobre as condicións de traballo dos funcionarios, procederá a consulta ás organizacións sindicais lexitimadas e á xunta de persoal.

Artigo 10º.-Acordos.

1. Logo de se concluí-lo proceso de negociación, os acordos acadados en relación coa determinación das condicións de traballo dos funcionarios do Parlamento remitiranse á mesa do Parlamento para a súa aprobación e publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

2. Nos puntos ou asuntos nos que non se produzan acordos na mesa de negociación a mesa do Parlamento establecerá as condicións de traballo do persoal funcionario ó servicio da Administración parlamentaria, sen prexuízo da mediación prevista no artigo 38 da Lei 9/1987.

Capítulo IV

Dereito de reunión do persoal

Artigo 11º.-Capacidade de convocatoria.

Están lexitimados para convocar unha reunión:

a) As organizacións sindicais, directamente ou a través dos delegados sindicais.

b) A xunta de persoal.

c) Un número de funcionarios equivalente, cando menos ó 40 por cento do colectivo convocado.

Artigo 12º.-Reunións fóra da xornada laboral.

As reunións no centro de traballo realizaranse fóra do horario laboral, logo da autorización polo órgano competente en materia de persoal.

Artigo 13º.-Reunións dentro da xornada laboral.

1. As reunións dentro da xornada laboral só poderán autorizarse cando comprendan a totalidade dos funcionarios ata un máximo de 36 horas anuais. Destas, 18 corresponderanlles ás seccións sindicais e o resto á xunta de persoal.

2. A realización de reunións non poderá en ningún caso prexudica-la prestación dos servicios da cámara. Para tal efecto o órgano competente en materia de persoal establecerá os servicios mínimos que necesariamente deban cubrirse durante o tempo que duren aquelas.

Artigo 14º.-Requisitos da convocatoria.

1. Serán requisitos para convocar unha reunión os seguintes:

a) Comunicarlle por escrito a súa realización ó órgano competente en materia de persoal cunha antelación mínima de 2 días hábiles.

b) Neste escrito indicarase:

-O día, lugar e hora do seu desenvolvemento.

-A orde do día.

-Os datos dos asinantes que acrediten estar lexitimados para convoca-la reunión de conformidade co disposto no artigo 11º.

2. Se antes das 24 horas anteriores á realización da devandita reunión o órgano competente en materia de persoal non formulase obxección a ela, mediante resolución motivada, esta poderá ter lugar sen outro requisito posterior.

3. Os convocantes da reunión serán responsables do seu normal desenvolvemento.

Artigo 15º.-Constitución da asemblea e acordos.

1. Para que a asemblea poida adoptar calquera acordo deberán estar presentes ou representados por escrito a metade máis un dos funcionarios. Este requisito será innecesario na segunda convocatoria, que se desenvolverá ós 30 minutos da hora fixada para a primeira e sempre que asista a ela un tercio do cadro de persoal en servicio activo, para o que se levantará acta circunstanciada que acredite a existencia do devandito quórum.

2. Os acordos serán válidos logo de seren aprobados por maioría simple dos presentes.

3. As votacións poderán facerse a man alzada, agás cando algún dos funcionarios presentes solicite a votación secreta.

Disposición derrogatoria

Derrogación de disposicións pola refundición.

En virtude da súa incorporación a este texto refundido, quedan derrogadas as normas en materia de representación e participación do persoal do Parlamento de Galicia, aprobadas por acordo da mesa do Parlamento do 18 de maio de 1993, así como a modificación destas normas, aprobada por acordo da mesa do Parlamento do 23 de setembro de 2002.

Quedan igualmente derrogadas as disposicións do Estatuto do persoal do Parlamento de Galicia e calquera outra de igual rango referente ós órganos de participación, representación e determinación das condicións de traballo do persoal ó servicio do Parlamento de Galicia que sexan contrarias a estas normas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Dereito supletorio.

No non previsto nestas normas aplicaranse supletoriamente a Lei 7/1987, do 12 de maio, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas; a Lei 7/1990, do 19 de xullo, de modificación da Lei 9/1987 e a Lei orgánica de liberdade sindical, sempre que resulten compatibles coas peculiaridades organizativas do Parlamento de Galicia.

Segunda.-Entrada en vigor.

Estas normas entrarán en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2002.

José María García Leira

Presidente do Parlamento de Galicia

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA