Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 09 de decembro de 2002 Páx. 16.912

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 27 de novembro de 2002 pola que se procede á convocatoria para o ano 2003 de axudas e subvencións ás corporacións locais para fomento ó investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais, e noutros equipamentos comerciais de carácter social, en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, de acordo coas bases reguladoras establecidas no anexo X da Orde do 11 de marzo de 2002 publicada no Diario Oficial de Galicia, número 55, do 18 de marzo.

A promoción, adecuación e mellora dos equipamentos comerciais de uso colectivo e de carácter social constitúen un elemento clave para o man

temento e desenvolvemento do pequeno comercio e a revitalización dos centros urbanos e dos núcleos históricos.

Así o considera o Programa Cuadrienal de Modernización do Sector Comercial Retallista de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, en sesión que tivo lugar o 13 de outubro de 2000, entre as medidas figura o apoio á ordenación territorial do comercio a través das corporacións locais para equipamentos comerciais de carácter social e eixes comerciais, sendo como son os concellos, protagonistas indiscutibles no discorrer da actividade comercial da poboación e, moi especialmente, no relativo a actuacións de carácter urbanístico e de adecuación de contornos.

A orde da Consellería de Industria e Comercio do 11 de marzo de 2002, publicada no Diario Oficial de Galicia nº 55, do 18 de marzo, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, fixa os criterios básicos da súa política de fomento de acordo coa previsión efectuada no artigo 4 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

O amplo alcance desta orde que establece con vixencia limitada no tempo as normas básicas reguladoras na concesión de axudas e subvencións que outorgue a Consellería de Industria e Comercio nos seus distintos programas en materia de comercio fan neceseria a súa concreción a través da correspondente convocatoria para o exercicio 2003.

A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Industria e Comercio, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. O obxecto desta orde é a convocatoria para o ano 2003 do programa de axudas e subvencións previstas no anexo X Programa de axudas para o fomento ó investimento en mercados retallistas, en rúas e zonas peonís-comerciais e noutros equipamentos comerciais de carácter social, en desenvolvemento do programa cuadrienal de modernización do sector comercial retallista de Galicia da orde do 11 de marzo de 2002, da Consellería de Industria e Comercio, pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, e para os investimentos que se executen a partir do 1 de xaneiro de 2003.

2. Poderán beneficiarse das axudas os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Contía e ámbito.

1. Para a concesión das subvencións, propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes á aplicación orzamentaria 08.04.521-A.761.1, Transferencias de capital. Corporacións locais. Equipamentos comerciais de carácter social, recollida no proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do 17 de outubro de 2002.

O gasto que se proxecta tramitarase como expediente anticipado e está condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do exercicio 2003, de acordo co disposto no epígrafe 3º do artigo 3 in fine da Orde do 27 de novembro de 2000, pola que se modifica a do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Aplicación orzamentaria: 08.04.521A.761.1.

Ano 2003: 3.808.190 A.

Ano 2004: 952.047 A.

Ano 2005: 571.228 A.

As cantidades antes citadas poderán ser incrementadas en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. A contía máxima da subvención que se vai outorgar non poderá superar en ningún caso o 70% do investimento subvencionable, non podendo á vez supera-lo tope do 90%, o conxunto de axudas que poidan existir para o mesmo proxecto investidor, sendo de aplicación as seguintes limitacións:

-Para os investimentos considerados nos parágrafos 3º, 4º e 5º do obxecto da Orde do 11 de marzo de 2002, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 70%.

-Para os investimentos considerados no parágrafo 6º, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 50%.

-Para os investimentos considerados nos parágrafos 1º e 2º da referida orde, a subvención poderá alcanzar ata un máximo do 30%, excepto os referentes á materialización dos estudios, que poderán alcanzar ata o 70%.

3. Poderán adquirirse compromisos de gasto de carácter plurianual nos termos e límites do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte, e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da referida anualidade.

Artigo 3º.-Presentación e prazo de solicitudes. Documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ó conselleiro de Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñen subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Á solicitude de subvención, segundo modelo normalizado do anexo, deberá xuntarse a documentación que a seguir se relaciona por triplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada, polo menos unha delas:

a) Certificación do acordo de aprobación, polo correspondente órgano municipal do proxecto de investimento, da solicitude de subvención coa súa contía exacta e do plan de financiamento do proxecto.

b) Certificación acreditativa da titularidade municipal dos inmobles onde estea o mercado retallista ou das vías nas que estea previsto realiza-lo investimento, segundo os casos.

c) Memoria xustificativa de:

-O interese, oportunidade e necesidade do investimento.

-O programa de execución do investimento, con especificación das datas de inicio e remate previstas.

-O estado actual do equipamento de que se trate, e, se é o caso, detalle das súas instalacións, antigüidade, capacidade comercial e adecuación entre necesidades e funcións que cumpren.

d) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ante as administracións públicas, ou ante outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais.

3. Así mesmo, deberá presentarse a seguinte documentación específica segundo as actividades que se relacionan:

-Realización de estudios: memoria explicativa do seu contido e finalidade perseguida.

-Actividades de fomento en mercados retallistas: memoria técnica, anteproxecto ou proxecto de obra realizado por técnico facultativo, visado polo colexio profesional correspondente, cando proceda.

-Actividades de fomento en rúas, zonas peonís-comerciais e eixes comerciais: estudio técnico de viabilidade do proxecto.

-Actividades de fomento noutros equipamentos comerciais de carácter social: orzamento ou factura pro forma, con expresión das características do investimento que se vai realizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 28 de febreiro de 2003

Artigo 4º.-Emenda de defectos.

1. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta non reúnen os requisitos establecidos no artigo 3º, o concello solicitante será requirido para que, nun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixer, se considerará desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamarlles ós concellos solicitantes a documentación adicional que consideren oportuna.

Artigo 5º.-Informes de valoración.

Unha vez completos os expedientes e admitidos a trámite, os servicios competentes de cada unha das delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, avaliarán de acordo cos criterios de selección dos proxectos previstos no anexo X da Orde do 11 de marzo de 2002, ponderados cos obxectivos que en materia de política comercial estea a desenvolver puntualmente a Consellería de Industria e Comercio, para o seu posterior informe-proposta coa relación global de tódolos expedientes presentados na demarcación provincial e a súa correspondente valoración priorizada.

Artigo 6º.-Resolución.

1. O conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, á vista dos informes de avaliación, dictarán as resolucións de subvención que procedan, motivadas de acordo cos criterios de outorgamento, nas que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

2. O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde a publicación desta orde. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender

desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

3. A efectividade da resolución de concesión quedará condicionada a que o interventor municipal certifique, no prazo máximo dun mes desde a notificación da resolución, a existencia de consignación orzamentaria para a realización do proxecto concreto obxecto da subvención, concretando a aplicación e dotación orzamentaria destinada para tal fin.

Artigo 7º.-Publicidade en obras.

O concello adoptará as medidas e disposicións necesarias para garantir unha adecuada publicidade no lugar das obras durante o prazo de execución destas, debendo constar que están subvencionadas pola Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez se presenten por triplicado os documentos que a continuación se relacionan:

a) En caso de obras:

-Proxecto de execución de obras que serviu de base para a adxudicación.

-Certificación acreditativa da adxudicación que indique o nome do contratista, o importe líquido da adxudicación, e, se é o caso, a baixa na licitación.

-Certificación da obra realizada, expedida polo técnico facultativo e aprobada polo órgano competente do concello beneficiario.

b) En caso de estudios:

-Acta de recepción de conformidade do referido estudio.

c) Nos demais casos, certificación acreditativa do investimento ou da adquisición dos equipamentos.

d) En tódolos casos:

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade tanto as aprobadas ou concedidas como as pendientes de resolución, das distintas administracións públicas competentes, doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais.

-Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no número 3º do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención acollida á presente anualidade, deberá ser presentada polo beneficiario con data límite o día 15 de novembro de 2003, salvo que se estableza outra data na resolución de concesión, na respectiva delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención correspondente á presente anualidade farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria á entidade financeira e número de conta designado, para o que se lle unirá á documentación da xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento.

2. Sen prexuízo do citado no parágrafo anterior, poderán efectuarse pagamentos parciais das subvencións concedidas ou autorizar anticipos con suxeición ó establecido no artigo 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ó orzado que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 10º.-Comprobación dos investimentos.

As delegacións provinciais, en calquera momento, poderán inspecciona-los investimentos realizados e, se é o caso, as obras en curso.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2002.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio