Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Luns, 09 de decembro de 2002 Páx. 16.908

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2002, da Inspección Xeral de Servicios, pola que se convocan 14 bolsas de colaboración para a realización de tarefas de estudio e análise relacionadas coa reforma administrativa no ano 2003.

A Inspección Xeral de Servicios da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, en virtude do Decreto 121/1992, do 14 de maio, modificado polos decretos 262/1994, do 29 de xullo, e 213/1995, do 20 de xullo, nos que se regula a súa estructura orgánica e competencias, ten atribuídas funcións de racionalización e mellora de procedementos, métodos de traballo e organización administrativa, configurándose como un órgano central de impulso da reforma administrativa con carácter único e competencia global sobre toda a comunidade autónoma.

De conformidade coa referida disposición, apróbanse as seguintes bases polas que se rexerá a presente convocatoria:

Primeira.-Obxecto.

A Inspección Xeral de Servicios convoca catorce bolsas de colaboración en tarefas de estudio e análise relacionadas coa reforma administrativa.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As tarefas relativas a estas bolsas iniciaranse a partir da incorporación dos bolseiros e rematarán o 31 de decembro de 2003. Poderán ser prorrogadas por anos naturais, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente, ata un máximo de dous anos incluíndo o ano da convocatoria.

A dotación económica de cada bolsa será de 901,52 euros mensuais brutos coa retención fiscal que lle corresponda. O importe citado será pagado mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo de certificación emitida polo director xeral da Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia acreditativa das tarefas executadas.

Os gastos ocasionados con motivo dos desprazamentos serán pagados, logo de certificación expedida polo inspector xeral de Servicios da Xunta de Galicia acreditativa dos gastos producidos, sen que estes poidan supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón de servicio ó persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Os pagos serán efectuados pola Inspección Xeral de Servicios con cargo á aplicación orzamentaria 04.10.121A.480.0 do orzamento de gastos, ata un máximo de 166.950 euros, incluíndo os gastos por desprazamento.

Antes de proceder ó último pagamento, os beneficiarios deberán efectuar unha declaración xurada ou responsable conforme non exerceron ou desfrutaron doutra bolsa que a adxudicada en virtude da presente convocatoria.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Será incompatible co desempeño doutra actividade remunerada e/ou desfrute doutras bolsas.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Licenciado en dereito, en administración e dirección de empresas, en economía, en ciencias políticas e da administración, en enxeñería informática ou enxeñería en organización industrial.

b) Posuír coñecementos en lingua galega.

c) Posuír coñecementos en informática.

d) Dispor de carné de conducir.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de solicitude segundo o modelo anexo.

b) Currículo vitae.

c) Certificación académica na que conste a nota media do expediente.

d) Acreditación dos coñecementos en lingua galega.

e) Acreditación dos coñecementos de informática.

f) Acreditación de dispor de carné de conducir.

g) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre as tendencias ou procesos actuais de reforma ou modernización das administracións públicas.

h) Declaración xurada ou responsable comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, ó exercicio doutra actividade remunerada ou bolsa.

Sexta.-Tribunal de selección.

Presidente: o inspector xeral da Inspección Xeral de Servicios.

Vocais: a subdirectora xeral de Racionalización Administrativa, un inspector de servicios, un profesor dos cursos para a obtención do diploma da Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia.

Secretario: un funcionario da Inspección Xeral de Servicios.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículo vitae: ata dous puntos.

c) Memoria descritiva: ata cinco puntos.

d) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

e) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

O tribunal poderá levar a cabo unha entrevista cos aspirantes preseleccionados que teñan acreditado máis de oito puntos no anterior baremo. A entrevista, que versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria, durará arredor dos quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicialmente asignada ata un máximo do 25 por cento da que lle correspondese por aplicación do baremo.

O tribunal non valorará aqueles méritos alegados polos interesados que non estean acreditados documentalmente.

Finalmente o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación, que será publicada no taboleiro de anuncios do Centro de Información Administrativa e Atención ó Cidadán, sen prexuízo de comunicárllelo directamente ós interesados.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario por calquera motivo non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo as indicacións do inspector ou subinspector de servicios do equipo no que se integren, co mesmo horario de traballo que o equipo de inspección correspondente e cos desprazamentos ás unidades administrativas e centros asignados a el.

Os bolseiros presentarán, cando finalicen as bolsas, un traballo sobre as técnicas de reforma administrativa que quedará en propiedade da Xunta de Galicia.

En caso de renuncia á bolsa, non se entenderá que existe incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, sempre e cando se certifique polo órgano xestor o correcto desempeño por parte do bolseiro das tarefas inherentes á bolsa, garantindo a continuidade delas coa substitución por outro bolseiro. Cando a data da renuncia non coincida co derradeiro día de cada mes, aboarase a parte proporcional correspondente ó desfrute da bolsa.

Novena.-Anulación da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, o inspector xeral de Servicios poderá, logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Décima.-Resolución e recursos.

A resolución administrativa relativa á concesión ou denegación da bolsa será notificada ós interesados no prazo de tres meses, contados a partir da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Esgotado o dito prazo, sen resolución expre

sa, deberá entenderse desestimada a petición por silencio administrativo.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Polo tanto, o recurso de reposición potestativo interporase conforme os artigos 116 e 117 da devandita lei. O recurso contencioso-administrativo rexerase pola Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e, particularmente no concernente ós prazos para interpoñelo, polo artigo 46 da dita lei.

Undécima.-Tramitación anticipada.

Ó abeiro do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes, as obrigas derivadas desta convocatoria estarán condicionadas á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2002.

Jaime Bouzada Romero

Inspector xeral de Servicios