Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 05 de decembro de 2002 Páx. 16.863

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

PARLAMENTO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 15 de novembro de 2002 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración en materia de redacción e corrección do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia.

A Mesa do Parlamento, o día 11 de novembro, prestou a súa aprobación á creación e dotación de dúas bolsas de colaboración en materia de redacción e corrección do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia.

Con esta finalidade a cámara contribúe á realización de prácticas complementarias ós estudios universitarios para formar especialistas neste ámbito, formación que lles permitirá acceder no mercado laboral a postos que teñan funcións compatibles ou conexas coas agora programadas.

De se cumpriren as previsións establecidas, a súa actividade de colaboración co Parlamento de Galicia iniciarase en xaneiro do ano 2003.

Na súa virtude, convócanse as referenciadas bolsas segundo as bases que se achegan a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2002.

José María García Leira

Presidente do Parlamento de Galicia

Bases da convocatoria de dúas bolsas de colaboración en materia de redacción e corrección do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia.

Primeira.- Obxecto.

O Parlamento de Galicia convoca dúas bolsas de colaboración para a realización de traballos de redacción e corrección do Diario de Sesións do Parlamento de Galicia.

Segunda.- Duración e dotación económica.

As bolsas terán unha duración dun ano natural, non prorrogable.

A dotación económica será de 2.242,06 euros/mes brutos por bolsa de colaboración coa retención fiscal que lle corresponda.

Terceira.- Natureza xurídica da relación

A condición de bolserio ou bolseira non xerará unha relación laboral nin administrativa co Parlamento de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social. Será incompatible coa percepción doutras bolsas.

O Parlamento contratará un seguro de accidente e enfermidade para cada un dos bolseiros polo tempo

de duración da bolsa, no caso de non teren estes cubertas as ditas continxencias.

Cuarta.- Requisitos dos solicitantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Seren licenciadas universitarias

b) Non estaren percibindo outras bolsas ou axudas ou realizando actividade profesional remunerada.

Quinta.- Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro do Parlamento, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, dirixida ó presidente do Parlamento de Galicia.

b) Un currículo acompañado de certificación académica, na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura, e dos documentos que o acreditan, e, se é o caso, outros méritos da alínea b) da fase 1 da base sétima.

c) Unha declaración xurada ou responsable de renuncia ás prestacións por desemprego, ou a outras bolsas ou axudas, e a exercer actividade profesional remunerada durante o período de duración da bolsa.

Sexta.- Tribunal.

Presidente:

O presidente do Parlamento ou membro da mesa en quen delegue

Vocais:

Juan Pedrosa Vicente, secretario da Mesa do Parlamento.

Anxo Teixeiro Piñeiro, xefe do Servicio de Publicacións.

Dolores Reiriz Villar, redactora do Parlamento de Galicia.

Un funcionario ou funcionaria do Parlamento de Galicia designado pola Xunta de Persoal.

Secretaria:

Purificación López Gómez, letrada do Parlamento de Galicia.

Sétima: criterios para a selección dos bolseiros.

1. A selección dos bolseiros farase en dúas fases:

Fase 1:

A primeira fase consistirá na valoración dos méritos acreditados, conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata 6 puntos.

b) Outros méritos (formación en lingua galega, informática... etc.): ata un máximo de 4 puntos.

Fase 2:

A segunda fase consistirá nun exercicio práctico de redacción e corrección lingüística (gramatical, ortográfica, morfolóxica, sintáctica e léxica ou ter

minolóxica) e de puntuación do texto da trascrición dun debate dunha sesión do Pleno do Parlamento de Galicia.

Neste exercicio valorarase a fidelidade co discurso do orador ou oradora, a corrección formal, a clareza, a intelixibilidade e a coherencia na redacción e presentación do texto e tamén a súa mellora de estilo.

O exercicio terá unha puntuación de ata 10 puntos.

2. Serán adxudicatarios das bolsas os dous aspirantes que obteñan unha maior puntuación.

Oitava.- Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, o día que lles sexa indicado.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración, baixo as indicación do xefe do Servicio de Publicacións, durante unha xornada semanal de trinta e sete horas e media, no horario que se fixe en función das necesidades do servicio.

Ademais dos traballos de investigación que se lles poidan encomendar, asumirán, en relación coa redacción do diario de sesións do Pleno, as seguintes tarefas:

1. Introducción da puntuación adecuada.

2. Modificación da sintaxe orixinal cando fose necesario para mante-lo principio de textualidade e sempre que non se produza ningunha alteración do sentido do discurso.

3. Adaptación á normativa oficial do galego das variantes dialectais fonéticas e morfolóxicas, así como as incorreccións léxicas e morfosintácticas.

Os traballos realizados quedarán en propiedade do Parlamento de Galicia.

Os bolseiros presentarán á finalización das bolsas un informe sobre os traballos realizados.

Novena.- Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a Mesa do Parlamento poderá, por proposta do oficial maior, logo de informe do xefe do servicio e de escoita-las persoas afectadas, anula-las bolsas.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA