Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 05 de decembro de 2002 Páx. 16.857

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 3 de decembro de 2002 pola que se modifica a Orde do 18 de novembro pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

A Orde do 18 de novembro de 2002 establece as medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, co obxecto de palia-las repercusións máis inmediatas sobre a actividade pesqueira e marisqueira, da contaminación producida polo accidente do buque petroleiro Prestige en augas próximas á Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto lei 7/2002, do 22 de novembro, sobre medidas reparadoras en relación co accidente do buque Prestige, establece que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través do Instituto Social da Mariña aboará unha axuda complementaria de 10 euros ós armadores embarcados, tripulantes e mariscadores ós que lle concedera unha axuda a Comunidade Autónoma en concepto de afectados pola paralización da actividade pesqueira e marisqueira ordeada.

O pasado 2 de decembro, asinouse un convenio de colaboración entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e o Instituto Social da Mariña para a xestión das axudas reguladas polo Real decreto lei 7/2002, para proceder a un pagamentoo único destas por parte da Comunidade Autónoma, e nos prazos previstos por ámbalas administracións, é dicir, dos pagamentos quincenais antes do 14 e do 28 de cada mes.

O período de vixencia da devandita orde era durante un mes, sen prexuízo dunha posible modificación, no caso de que as circunstancias así o recomendasen. Dada a situación actual faise preciso arbitrar un período máximo de aplicación da orde, de acordo coa situación, e coas outras disposicións dictadas pola Administración do Estado, para facer máis áxil a aplicación das medidas.

Visto o anterior;

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os preceptos da Orde do 18 de novembro de 2002 pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige, quedan modificados nos seguintes termos:

Primeiro: modifícase a redacción do segundo parágrafo do artigo 1º que quedará como segue:

«Os armadores e tripulantes das embarcacións censadas nas modalidades afectadas polas resolucións dictadas polo conselleiro de Pesca e Asuntos

Marítimos, establecendo a zona de prohibición para as actividades pesqueiras, incluídas no Rexistro ....».

Segundo: modifícase a redacción dos parágrafos primeiro e segundo do artigo 2º que quedarán como segue:

«O período cuberto por esta orde será desde o día 17 de novembro de 2002 e durante un máximo de seis meses, tódolos días naturais, que poderán ser prorrogables no caso de que as circunstancias o recomenden.

A contía que percibirá cada armador, tripulante (incluíndo o armador embarcado) ou mariscador durante o período arriba descrito será a seguinte: ...».

Terceiro: modifícase o penúltimo parágrafo do artigo 4º que quedará redactado como segue:

«Toda a documentación, agás o certificado do rexistro mercantil, que poderá ser suplido nunha primeira fase coa achega da xustificación da súa solicitude, poderá presentarse nos rexistros das delegacións territoriais e comarcais de Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Dada a posibilidade que establece o artigo 1º de da Orde do 18 de novembro de que as embarcacións poderán dedicarse á pesca fóra da zona prohibida, establécese un prazo aberto de presentación de solicitudes, sempre que se manteñan as condicións de prohibición da actividade pesqueira e marisqueira, coa seguinte programación:

1. As solicitudes presentadas entre o día 15 e o final de cada mes de paralización obrigatoria, serán tidas en conta para os pagamentos que se realizarán o día 14 de cada mes

2. As solicitudes presentadas entre o día 1 e o 15 de cada mes de paralización obrigatoria, serán tidas en conta para os pagamentos que se realizarán o día 28 de cada mes"

Cuarto: modifícase a redacción do artigo 5º que queda como segue:

«Estas axudas serán incompatibles con:

1. A realización polo perceptor de calquera actividade laboral, durante o período establecido, agás no caso da participación nos traballos de limpeza ou análogos que se leven a cabo nas zonas afectadas polo vertido producido polo accidente do buque Prestige.

2. O recoñecemento do dereito á protección por desemprego e co resto das prestacións do sistema da Seguridade Social, non compatibles co traballo do beneficiario.».

Artigo 2º

Engádense dúas disposicións adicionais coa seguinte redacción:

Disposición adicional primeira

«Exímese a flota con porto base en Galicia, censada na modalidade de cerco e de arrastre de fondo, caladoiro nacional cantábrico-noroeste, da condi

ción recollida no artigo 1º da Orde do 18 de novembro de 2002 de te-lo porto base na zona prohibida, e poderán ser beneficiarios destas axudas desde o 2 de decembro de 2002».

Disposición adicional segunda

As medidas que se establecen nesta norma en ningún caso supoñen recoñecemento de responsabilidade da Comunidade Autónoma polos referidos danos e adóptanse sen prexuízo do dereito que asiste á Comunidade Autónoma para reclamar dos responsables o importe das indemnizacións que corresponda.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos