Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 05 de decembro de 2002 Páx. 16.852

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de novembro de 2002, de delegación de competencias da presidencia do Consello Escolar de Galicia no vicepresidente.

A Lei 3/1986, do 18 de decembro, de consellos escolares de Galicia, no seu título I do Consello Escolar de Galicia, dedica o seu artigo 4 á súa composición, recollendo no seu punto 2 que o Consello estará presidido polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e, así mesmo, que elixirá un vicepresidente, que substituirá o presidente nos casos de vacantes ou ausencia coas súas mesmas funcións e prerrogativas, segundo establece o artigo 3.3º do Decreto 44/1988, do 11 de febreiro, de desenvolvemento da Lei 3/1986, de consellos escolares de Galicia.

O Decreto 87/1992, do 26 de marzo, polo que se aproba o regulamento de réxime interno do Consello Escolar de Galicia, no seu anexo inclúe o texto normativo do regulamento de réxime interno, que á súa vez recolle no artigo 6º que o vicepresidente exercerá a presidencia ou, segundo o caso, algunha das súas funcións ou competencias, de darse a ausencia, enfermidade ou delegación expresa do presidente.

A propia actividade administrativa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria leva consigo unha concentración de funcións arredor do seu titular que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias no vicepresidente do Consello Escolar de Galicia.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio da propia actividade do Consello Escolar de Galicia, da Administración educativa e dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

En virtude das facultades que me confiren os artigos 3º e 6º do regulamento de réxime interno do Consello Escolar de Galicia, aprobado polo Decreto 87/1992,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase no vicepresidente do Consello Escolar de Galicia as seguintes funcións:

a) Representar ó consello e dirixi-la súa actividade.

b) Convoca-las sesións e fixa-la orde do día.

c) Presidi-las sesións, dirixi-las deliberacións e dirimi-las votacións en caso de empate.

d) Executa-los acordos do consello.

e) Resolver, oída a comisión permanente, calquera cuestión que se formule por razóns de representatividade dos conselleiros ou en relación cos procesos electorais para a inclusión daqueles nas distintas comisións.

f) Resolver, oída a comisión permanente, as dúbidas que se poidan suscitar na aplicación do regulamento do consello.

g) Visa-las actas e certificacións dos acordos do consello.

h) Executa-lo orzamento do consello, conforme os criterios que nel se establezan informando o pleno e a comisión permanente.

i) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á condición de presidente do consello.

Artigo 2º

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse dictadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

En calquera momento, o presidente poderá reclamar para si o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

Disposición derradeira

Este orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2002.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO