Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 04 de decembro de 2002 Páx. 16.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE ESTATÍSTICA

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2002 pola que se convocan tres bolsas de formación na área da estatística pública, no Instituto Galego de Estatística.

A Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, regula os principios e as normas nas que se basea a actividade estatística da Comunidade Autónoma, encomendándolle ó Instituto Galego de Estatística (IGE) entre outras funcións, o impulso e fomento da investigación estatística que contribúa a mellora-lo coñecemento da realidade social e económica de Galicia.

Coa finalidade de fomenta-la formación e investigación, no eido da estatística

RESOLVO:

Facer públicas as bases que rexen esta convocatoria:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia tres bolsas de formación para incentiva-la formación e preparación de persoal cualificado na área da estatística pública dirixidas ás persoas que estean en posesión dalgunha das titulacións previstas no artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia. As bolsas concederanse, unha para a licenciatura en matemáticas e as outras para as restantes

licenciaturas relacionadas na base segunda. Este suposto só se alterará de non existir solicitudes relativas á licenciatura en matemáticas ou ningunha solicitude das outras licenciaturas ou non acada-los aspirantes a puntuación mínima requirida na base novena desta convocatoria.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas aquelas persoas que reúnan os seguintes requisitos no momento de remata-lo prazo de presentación de solicitudes:

1. Posuí-la nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser veciño dalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Ter iniciado os estudios relativos á correspondente licenciatura durante o curso 1995/1996 ou posteriores, e estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

-Licenciatura en ciencias matemáticas, especialidade estatística e investigación operativa.

-Licenciatura en ciencias económicas, socioloxía, informática, empresariais e enxeñería, con obriga de ter 30 créditos en materias de contido matemático, estatístico ou econométrico.

4. Non ter sido beneficiario doutra bolsa de formación e/ou investigación estatística convocada polo IGE.

Terceira.-Contía da bolsa e tramitación.

O importe da bolsa será de oitocentos sesenta euros e setenta e catro céntimos (860,74 euros) brutos mensuais que se farán efectivas, polo importe líquido, na conta bancaria que sinale o bolseiro.

Durante o período de desfrute da bolsa o bolseiro terá dereito a un seguro combinado de cobertura de asistencia cirúrxica e médica, en réxime de consultorio e domiciliario.

Este expediente tramitarase como expediente anticipado de gasto conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, quedando condicionada a concesión das bolsas á existencia de crédito necesario e suficiente na aplicación 05.50.441A. 480.00. dos orzamentos do ano 2003.

Cuarta.-Período de desfrute e prórroga.

O período de desfrute da bolsa será desde a data de incorporación do bolseiro ata o 31 de decembro de 2003. Poderá, de conformidade coa normativa legal aplicable, procederse á prórroga das bolsas durante o ano 2004, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe de conformidade do servicio ó que estea adscrito o bolseiro.

Quinta.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada:

1. Documento nacional de identidade. No suposto de ser nacional dun Estado membro da Unión Euro

pea deberase presenta-la documentación equivalente.

2. Certificación do padrón municipal.

3. Certificación do expediente académico, na que consten o número de créditos.

4. Título correspondente ou, en defecto deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

5. Currículum vitae do solicitante, no que se sinalará a formación e a experiencia no campo da estatística. Non se valorarán aqueles méritos que non estean acreditados documentalmente.

6. Declaración expresa responsable de non ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación ou investigación convocada polo IGE.

7. Declaración xurada das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, indicando o período do seu aproveitamento.

Sexta.-Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes e a documentación que se sinala na base quinta presentaranse no rexistro xeral deste organismo, sito no Complexo Administrativo San Lázaro, San Lázaro, s/n, 15703-Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación, no Diario Oficial de Galicia, desta convocatoria.

Sétima.-Selección e avaliación das solicitudes.

Rematado o prazo para a presentación de instancias e no prazo máximo de 15 días constituirase a comisión de avaliación quen procederá ó exame da documentación. Efectuado o exame procederase a facer pública a relación provisoria de admitidos e excluídos na que se sinalará a causa de exclusión, requirindo ó interesado para que no prazo de 10 días complete ou emende as deficiencias. Transcorrido o dito prazo sen que se proceda a completar ou emenda-las deficiencias consideraráselle desistido da súa solicitude, procedéndose segundo o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Efectuada a avaliación dos méritos, consonte o baremo establecido na base novena, farase pública a relación definitiva de candidatos admitidos e excluídos na que constará a puntuación alcanzada. A comisión elevará ó director do IGE unha proposta de concesión para a designación dos titulares.

Cos restantes admitidos elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta lista será operativa no caso de que os bolseiros seleccionados non se incorporasen na data establecida, cando o bolseiro renunciase á bolsa ou cando se procedese á súa revogación.

Oitava.-Composición da comisión de avaliación.

A selección e avaliación das solicitudes levaraa a cabo unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a secretaria técnica do IGE.

Vocais: o director do departamento de Estatística e Investigación Operativa da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.

O catedrático de Economía Aplicada, (Estatística Económica e Empresarial) da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

O subdirector de Coordinación Técnica e de Planificación Estatística do IGE. Actuará como secretario un funcionario/a do IGE.

Novena.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

-Expediente académico, ata un máximo de 4 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 1 punto para poder ser avaliados os restantes epígrafes. Utilizarase para a valoración deste apartado un criterio ponderado polo número de créditos de cada disciplina. Se o solicitante está ademais en posesión do grao de licenciado engadiranse a aquel 0,5, 0,25 ou 0,1 puntos se a súa cualificación é sobresaliente, notable ou aprobado.

-Cursos, seminarios e outras actividades de formación directamente relacionadas coa estatística, ata un máximo de 0,5 puntos, contabilizándose 0,05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Cursos, seminarios ou otras actividades de formación directamente relacionadas con ferramentas informáticas de uso habitual no tratamento e análise de datos, ata un máximo de 0,25 puntos, contabilizándose 0,05 puntos por cada 20 horas recibidas.

-Participación en estudios, traballos ou proxectos directamente relacionados coa estatística, ata un máximo de 0.5 puntos.

-Outros méritos curriculares, ata un máximo de 0,1 puntos.

Os solicitantes seleccionados poderán ser convocados para unha entrevista persoal.

Décima.-Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación proposta de concesión, esta convocatoria será resolta polo director do IGE. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director do IGE no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da publicación da resolución de conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

A notificación da resolución ós titulares farase segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992 dando así mesmo a oportuna publicidade no DOG.

Décimo primeira.-Aceptación da bolsa.

Os titulares incorporaranse no prazo máximo de cinco días seguintes ó da notificación da concesión debendo proceder á aceptación da bolsa mediante a sinatura dun documento no que se comprometa a cumpri-las obrigas derivadas da súa condición de bolseiro.

O bolseiro que non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director do IGE procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ó primeiro candidato que figure na lista que para tal efecto elabore a comisión de avaliación.

Décimo segunda.-Obrigas dos bolseiros.

Os bolseiros seleccionados comprometeranse a:

-Cumprir co réxime de formación e investigación establecido polo director do IGE, contando co asesoramento, orientación e dirección dos funcionarios que se designen para tales efectos.

-Presentar antes de remata-lo período de desfrute da bolsa unha memoria referida á actividade de formación e investigación desenvolvida.

-Permanecer no centro un tempo non inferior a trinta horas semanais.

-Garda-lo segredo estatístico respecto dos datos ós que teñan acceso, segundo o disposto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia, modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio.

-Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

-Reintegra-las cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

Décimo terceira.-Natureza xurídica do vínculo.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral entre o bolseiro e o Instituto Galego de Estatística.

Décimo cuarta.-Renuncia á bolsa.

A renuncia á bolsa por parte do titular, unha vez iniciado o seu desfrute, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais en escrito dirixido ó director do IGE, quen poderá, polo período que reste, concederlla ó candidato que corresponda segundo a lista que para tal efecto elabore a comisión de avaliación.

A renuncia inhabilitará os titulares para efectos de presentación en vindeiras convocatorias.

Décimo quinta.-Impugnabilidade.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados, nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo sexta.-Duración do procedemento.

Para os efectos do establecido no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de tres meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.

Décimo sétima.-Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento ós interesados farase a través dos taboleiros de anuncios do IGE. Este xeito de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución ós titulares que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992.

Décimo oitava.-Incompatibilidade.

As bolsas reguladas nesta convocatoria serán incompatibles con ter sido beneficiario con anterioridade doutra bolsa de formación e/ou investigación convocada polo IGE.

Décimo novena.-Cláusula xeral.

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das bolsas e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O director poderá revoga-lo desfrute da bolsa se o bolseiro non realiza ou incumpre as tarefas que se lle asignen, ou se aquelas non reúnen os requisitos de calidade esixibles; en tal suposto, así como no de renuncia da bolsa por parte do beneficiario, director do IGE procederá na forma prevista na base sétima desta convocatoria.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2002.

José Antonio Campo Andión

Director do Instituto Galego de Estatística