Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 04 de decembro de 2002 Páx. 16.821

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS

ORDE do 8 de novembro de 2002 pola que se declara de interese galego e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró de Taboexa (Pontevedra).

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró.

Supostos de feito:

Primeiro.-Con data 22-10-2002 solicitouse o recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró por medio de escrito presentado por J. Antonio Pereira López actuando como presidente da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 2 de xullo de 2002 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, con residencia en Vigo, José Luis Lorenzo Arean, co número 1.263 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos membros da Comisión de Secretarios Xerais elevou ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró, dado o seu obxecto, polo que, cumpridos os requisitos recollidos na Lei estatal 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de fundacións de interese galego modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (Decreto 248/1992, do 18 de xuño), correspóndelle á execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Asuntos Sociais.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública do 2 de outubro de 2002 (DOG nº 198, do 14 de outubro), clasificouse como de interese benéfico-social a Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos é obxecto e finalidade da fundación:

a) Axudar a sufraga-los gastos da carreira eclesiástica dos naturais e veciños das parroquias de Taboexa, Rubiós, Meder, Leirado e da Diócese de Tui-Vigo. Custearáselle-la carreira sacerdotal a tantos aspirantes a ela como cantos poida sufraga-la

fundación coa renda anual asignada para iso, e coa acumulación do diñeiro para tal fin asignado en anos anteriores que non se tivese investido por falta de candidatos ó sacerdocio. Os gastos que se sufragan son só os da pensión no Centro de Formación Sacerdotal.

b) Socorre-los pobres da parroquia de Taboexa e parroquias próximas, segundo criterio do padroado da fundación. E preferirase socorre-las circunstancias anormais que nun ano acaecesen sobre algunha familia necesitada determinada.

c) Cooperar ó sostemento do culto da parroquia de Taboexa e da conservación da súa igrexa e casa rectoral. O párroco ou ecónomo quedará obrigado a ofrecer tódolos meses unha misa rezada polos fundadores do padroado, cando estes falecesen, e polos seus familiares defuntos; e anualmente un funeral solemne cos mesmos fins, que procurará que sexa en data relacionada coa defunción dos fundadores.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta o obxecto e a denominación (Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros: o cura párroco ou ecónomo rexente da parroquia de Taboexa, cargo que na actualidade desempeña o reverendo Antonio Pereira López como presidente; exercendo Celso Rodríguez Alonso como secretario-tesoureiro e Santiago López Vaqueiro, José Davila Fortes e Rosa Domínguez Gómez como vocais.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais solicitou informe da asesoría xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu con data do 6 de novembro de 2002.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Asuntos Sociais, asumindo as funcións que, en canto a protectorado, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos,

o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico é, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Que á vista do exposto se poden entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Asuntos Sociais.

Vista a Constitución Española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 402/2001, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento dela e a de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Don Miguel Fortes Alonso y Doña Concepción Fortes Eiró.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Asuntos Sociais, para o que o padroado abonou a taxa correspondente en virtude do disposto na Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula,

debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso, non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2002.

Corina Porro Martínez

Conselleira de Asuntos Sociais