Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 04 de decembro de 2002 Páx. 16.816

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de outubro de 2002, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Plastifer, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Plastifer, S.A. (código 2700592), da provincia de

Lugo, asinado o día 9 de outubro de 2002, pola representación da citada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do citado convenio colectivo á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 22 de outubro de 2002.

Manuel Teijeiro Álvarez

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo da empresa Plastifer, S.A.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regula as condicións de traballo da empresa Plastifer, S.A., dedicada á fabricación e venda de toda clase de tuberías e accesorios de PVC, así como de toda clase de artigos e materiais de construcción e saneamento.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación para tódolos traballadores da empresa Plastifer, S.A. que presten os seus servicios no actual centro de traballo, estendéndose así mesmo a calquera outro centro de traballo que, relacionado coa actividade principal da empresa, puidese esta ter na provincia de Lugo.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

As presentes condicións de traballo afectarán á totalidade dos traballadores así como ó persoal que ingrese na empresa, incluíndo neste epígrafe os contratados en empresas de traballo temporal.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio entra en vigor o día seguinte ó da súa publicación no BOP de Lugo ou, en todo caso, ós quince días despois da súa sinatura, e substituirá integramente o anterior, asinado o 28 de xuño de 1999.

A súa duración será de dous anos, entendéndose prorrogado automaticamente por un período dun ano, no suposto de non ser denunciado por ningunha das partes nos 30 días anteriores á data do seu vencemento.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade e garantías persoais.

As condicións aquí pactadas forman un todo orgánico e indivisible, e para efectos da súa aplicación práctica, serán aplicadas globalmente.

Respectaranse a título individual as condicións de traballo que fosen superiores ás establecidas neste convenio, consideradas no seu conxunto e a título individual e en cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión mixta paritaria.

Para a interpretación deste convenio créase unha comisión paritaria composta por dous representantes dos traballadores e dous representantes da empresa.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 7º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, conforme o prescrito neste convenio e segundo a lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

A organización do traballo ten por obxectivo acadar na empresa un nivel de productividade adecuado, baseado na utilización óptima dos recursos humanos e materiais. Isto é posible cunha actitude activa e responsable das partes integrantes, dirección, traballadores e representación dos traballadores.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo 1º deste artigo, os representantes dos traballadores terán funcións de orientación, proposta, emisión de informes, etc., no relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente e de acordo co establecido neste convenio e no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Roupa de traballo.

Entregaránselle ó persoal dúas pezas de roupa traballo, fundas, batas ou chaquetas curtas, dependendo do posto de traballo, por ano. O traballador deberá mantelas en bo estado de conservación e limpeza.

O uso da roupa de traballo ou sistemas de prevención será obrigatorio dentro da xornada laboral.

Todo traballador responsable dun equipo de traballo, sexa cal sexa as súas características, terá a obriga de coidar da súa boa conservación e do seu mantemento, e poderanse esixir responsabilidades por incumprimento das súas obrigas.

Equipos de protección individual, segundo a actividade que se vaia desempeñar e de acordo coa normativa actual en materia de saúde laboral, responsabilizándose o traballador do seu coidado e mantemento.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada de traballo será de 1.800 horas ó ano, tendo en conta as festividades de carácter nacional ou local, e de acordo co disposto na lexislación vixente.

Artigo 10º.-Vacacións.

As vacacións terán unha duración de trinta días naturais ó ano, e para o seu desfrute aplicarase o disposto no artigo 38 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Comunicación de cesamento.

O persoal queda obrigado a lle comunicar á empresa o seu cesamento nos seguintes prazos.

Técnicos: 3 meses.

Especialistas: 15 días.

Non cualificados: 10 días.

O incumprimento deste aviso previo dará lugar á perda das retribucións dos días que correspondan.

Artigo 12º

No referente ás modificacións substanciais nas condicións de traballo, período de proba, contratación, ascensos, uso de empresas de traballo temporal, mobilidade funcional, traslados e desprazamentos, permisos e licencias, seguridade e saúde no traballo e dereitos sindicais, aplicarase o legalmente previsto no Estatuto dos traballadores ou norma legal que o substitúa ou complemente.

Por circunstancias do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos que así o esixisen, poderase, nun período de 18 meses, realizar contratos que non superen as 3/4 partes do período establecido.

Capítulo III

Clasificación persoal, salario e réxime asistencial

Artigo 13º.-Clasificación do persoal.

Categorías:

-Cargos de dirección.

-Persoal titulado superior.

-Persoal titulado medio.

-Xefe de grupo, técnico de organización, xefe de laboratorio, oficial administrativo.

-Oficial administrativo de segunda, oficial de primeira de oficio, conserxe, vendedor, auxiliar da organización.

-Auxiliar de laboratorio, vixilante, almaceneiro, conductor, axudante de oficio, especialista de primeira, auxiliar administrativo.

-Especialista de segunda, peón especializado.

-Peón ordinario, muller de limpeza.

-Persoal contrato aprendizaxe ou formación.

Artigo 14º.-Salario.

O réxime retributivo salarial para todo o persoal de Plastifer, S.A. afectado por este convenio será establecido para cada categoría profesional nas táboas salariais, constituído polo salario base e os diferentes complementos que se recollen nas táboas salariais que se xuntan ó presente convenio.

Para o ano 2002 o incremento retributivo será do 3%.

No suposto de que o IPC a data 31-12-2002 supere o 3%, a empresa aboaralle a cada traballador a diferencia que exceda desta porcentaxe, que será aboado coa nómina do mes de xaneiro de 2003.

Para o cálculo do salario de 2003 terase en conta a cantidade resultante correspondente ó 2002, aplicándolle a esta o IPC de 2002 + 0,5%.

Artigo 15º.-Pagas extraordinarias.

As correspondentes a paga de Nadal e de xullo, serán do importe dunha mensualidade de salario base máis antigüidade consolidada.

Os períodos de enfermidade, ó percibirse durante eles a parte proporcional das pagas extraordinarias, non se computarán para o devengo destas pagas.

Artigo 16º.-Paga de beneficios.

A paga de beneficios será rateada mensualmente, a razón de salario base máis antigüidade consolidada e percibirase en proporción ó tempo realmente traballado durante o mes.

Artigo 17º.-Premio por xubilación.

Establécense uns premios por xubilación nas seguintes contías, sempre que esta sexa efectiva dentro do primeiro mes de cumprimento de idade:

Por xubilación voluntaria ós 64 anos: 2.800 A.

Por xubilación voluntaria ós 63 anos: 3.900 A.

Por xubilación voluntaria ós 62 anos: 5.000 A.

Por xubilación voluntaria ós 61 anos: 6.500 A.

Por xubilación voluntaria ós 60 anos: 7.500 A.

Artigo 18º.-Incapacidade laboral transitoria.

A empresa, en caso de accidente ou ILT, que esixa hospitalización, completará o salario ata o 100% dos conceptos salariais que integran a base de cotización durante todo o período de duración desta hospitalización.

Artigo 19º.-Póliza de seguros.

A empresa obrígase a concertar unha póliza de seguros que cubra os riscos de morte ou incapacidade permanente absoluta ou gran invalidez, motivada por accidente sexa ou non laboral, na contía de 18.500 A.

Capítulo IV

Réxime disciplinario

Artigo 20º.-Faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa, en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación das faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

A valoración das faltas e as correspondentes sancións impostas pola dirección da empresa serán sempre revisables ante a xurisdicción competente.

Artigo 21º.-Graduación.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, trascendencia e intención, en leve, grave ou moi grave.

Artigo 22º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

A falta de puntualidade, ata tres nun mes, na asistencia ó traballo, con atraso superior a cinco minutos en horario de entrada.

Falta de traballo un día ó mes sen xustificala.

Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente, cando se falte por motivo xustificado, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

O abandono de servicio sen causa fundada, mesmo cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia disto se orixinase prexuízo dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente para os seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave segundo os casos.

Fumar en lugares prohibidos.

Pequenos descoidos na conservación do material. Se destes descoidos ou mal uso se producisen avarías que ocasionen prexuízos dalgunha consideración á empresa ou fose causa de accidente para os seus compañeiros de traballo, esta falta poderá ser considerada como grave ou moi grave segundo os casos.

Falta de aseo e limpeza persoal, cando sexa de tal índole que poida afectar á relación cos outros traballadores, ó proceso productivo da empresa, ou á imaxe que desta poidan te-los clientes.

Non atende-lo público coa corrección e dilixencia debidas a non ser que a esta sexa de tal índole que deba ser considerada como falta grave ou moi grave.

Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias da empresa. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como faltas graves ou moi graves.

Artigo 23º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves as seguintes:

Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade, superior a cinco minutos na asistencia ó traballo nun período de 30 días.

Ausencias sen causa xustificada, por dous días durante un período de trinta días.

Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social ou a retención á conta do imposto da renda das persoas físicas. A falta maliciosa nestes datos considerarase como falta moi grave.

Entregarse a xogos ou distraccións nas horas de traballo.

A desobediencia ós superiores en calquera materia de traballo. Se implicase prexuízo notorio para a empresa, poderá ser considerada como falta moi grave.

Simula-la presencia doutro traballador contestando ou asinando por el.

Neglixencia ou desidia no traballo, que afecte á boa marcha do servicio.

A imprudencia en acto de traballo se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como moi grave.

Realizar sen o oportuno permiso da dirección traballos particulares durante a xornada, así como empregar ferramentas da empresa para outros usos.

Manifestar síntomas de embriaguez ou de intoxicación de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas no centro de traballo.

A reincidencia en falta leve (excluída a de puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e tendo mediado comunicación escrita.

O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, cando tal incumprimento orixine risco de danos graves para a seguridade e saúde dos traballadores.

Artigo 24º.-Faltas moi graves.

Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade, superior a cinco minutos, cometidas nun período de seis meses ou vinte durante un ano.

Ausencias sen causa xustificada, a partir de dous días durante un período de trinta días.

A simulación de enfermidade ou accidente.

A fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa coma ós compañeiros de traballo ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

Facer desaparecer, inutilizar, estragar ou causar desperfectos en materias primas, útiles, ferramentas, maquinaria, aparellos, instalacións, edificios, enxoval e documentos da empresa.

A condena por delicto, roubo, furto ou malversación cometidos fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar esta desconfianza respecto ó seu autor.

A continuada e habitual falta de aseo e limpeza de tal índole que produzan queixas xustificadas dos seus compañeiros de traballo.

Manifestar síntomas de embriaguez ou de intoxicación de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas no centro de traballo, que supoña un risco para si mesmo ou para os seus compañeiros.

A embriaguez habitual, a reiterada intoxicación de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

Introducir no centro de traballo bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

Consumir no traballo bebidas alcohólicas ou drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas.

Viola-lo segredo de correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a elementos estraños a ela datos de reserva obrigada.

Os malos tratos de palabra e obra, abuso de autoridade ou a falta grave de respecto ou consideración ós xefes ou ós seus familiares, así como a compañeiros e subordinados.

Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia.

Abandona-lo traballo en posto de responsabilidade.

A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo, sempre que non estea motivada polo exercicio de ningún dereito polas leis.

Orixinar frecuentes rifas e liortas cos compañeiros de traballo.

A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos seis meses seguintes de se produci-la primeira.

O abuso de autoridade por parte dos xefes será sempre considerado como falta moi grave. O que o sufra porao inmediatamente en coñecemento da dirección da empresa e da representación dos traballadores.

O acoso sexual, entendendo por tal unha conducta de natureza sexual, de palabra ou acción, desenvolvida no ámbito laboral e que sexa ofensiva para o traballador obxecto dela. Nun suposto acoso sexual protexerase a continuidade no seu posto de traballo da persoa obxecto del.

O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que de tal incumprimento se derive un risco grave e inminente para a seguridade e saúde dos traballadores.

Artigo 25º.-Réxime de sancións.

1. Correspóndelle á empresa, a facultade de impor sancións nos termos do estipulado neste convenio.

2. A sanción das faltas requirirá comunicación escrita dirixida ó traballador e/ou representante dos traballadores.

3. En calquera caso, a empresa dará conta ós representantes dos traballadores, ó mesmo tempo que ó propio afectado, de toda sanción que se impoña por faltas graves e moi graves e o motivo polo que esta se impón.

Artigo 26º.-Sancións máximas.

As sancións que se poderán impor en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

Por faltas leves: amoestación verbal, amoestación por escrito, suspensión de emprego e soldo ata dous días.

Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

3. Por faltas moi graves: desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis a sesenta días ata a rescisión do contrato de traballo, nos supostos en que a falta fose cualificada dun grao máximo.

Artigo 27º.-Prescrición.

A facultade da empresa para sancionar prescribirá, para as faltas leves ós dez días, para as faltas graves ós vinte días e para as moi graves ós sesenta días,

a partir da data en que aquela tivo coñecemento da súa comisión e, en calquera caso, ós seis meses de se cometeren.

En Lugo, 26 de setembro de 2002.

Representante da empresaRepresentante dos traballadores

Domingo Canto Vila José Manuel Sánchez López

Táboa salarial ano 2002

CategoríaSalarioC. convenioC. extrasalarial

1642,6477,59195,31

2606,3177,59132,15

3592,2677,5970,23

4592,2677,5970,23

5574,5377,5951,08

6567,5177,5929,50

7543,6377,5929,50

8539,4177,5929,50

9402,0134,1114,05