Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 04 de decembro de 2002 Páx. 16.816

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2002, da Dirección Xeral de Recursos Mariños, pola que se fai público o modelo do permiso para exerce-la actividade de marisqueo a pé.

A Resolución do 29 de xaneiro de 1996, da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura, facía público o modelo de permiso de explotación para marisqueo a pé. Á vista da experiencia adquirida é necesario actualiza-lo modelo de permiso de forma que se adapte ás novas necesidades.

Para mellora-lo control de acceso á actividade é precisa a incorporación de elementos de identificación, código de barras, que permitan mellora-las prestacións das tarxetas.

En virtude da disposición derradeira primeira da Orde do 31 de maio de 1995, pola que se regula a expedición e revalidación do permiso de explotación para exerce-la actividade pesqueira e marisqueira, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro.-Modificar e facer público o modelo de permiso de explotación para exerce-la actividade de marisqueo a pé.

Segundo.-O permiso de explotación para marisqueo a pé consistirá nunha tarxeta plástica personalizada segundo o modelo do anexo I da presente resolución.

Terceiro.

1. Deixar sen efecto a Resolución do 29 de xaneiro de 1996 da Dirección Xeral de Marisqueo e Acuicultura.

2. As tarxetas expedidas conforme a normativa que agora se modifican seguirán vixentes ata a entrega e substitución polo novo modelo.

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2002.

Javier Pereiro Muñoz

Director xeral de Recursos Mariños

ANEXO I

As tarxetas do permiso de explotación para marisqueo a pé axustaranse ó modelo coas seguintes características:

-Material: PVC ou PVCA laminado.

-Tamaño: 85,60 mm de longo, 53,98 mm de largo, e 0,76 mm de grosor.

Cantos arrendondados cun raio de 3,18 mm.

Suxeito ás normas ISO 7810 (1985).

-No seu anverso, no ángulo superior dereito a fotografía do titular, integrada por dixitalización a cor. (medidas 1,5 x 2 cm).

Personalización na banda vermella, o número de permiso de explotación en negro, este constará dunha serie de caracteres alfa-numéricos dos cales os dous primeiros indicarán a provincia, os tres seguintes a confraría ou entidade á que pertence o titular, os cinco seguintes corresponderán ó número de orde e os dous últimos sinalarán a zona. Na banda azul, segundo o modelo que se xunta, figurarán os datos identificativos: nome, apelidos, DNI, recurso que se explota, data de caducidade, zona de traballo e, por último, a entidade asociativa.

-Reverso: personalizarase en negro o código de barras. En azul levará un extracto das normas que regulan o uso da tarxeta.