Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Mércores, 04 de decembro de 2002 Páx. 16.815

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2002 pola que se ordena publica-la decisión do xurado do Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

Por Orde do 3 de abril de 2002 (DOG nº 72, do luns 15 de abril) convocouse o Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, co fin de recoñecer e recompensa-los méritos de todas aquelas institucións, asociacións ou entidades culturais que dediquen unha parte significativa da súa actividade á revitalización e promoción do Camiño de Santiago, contribuíndo así ó coñecemento e divulgación do significado histórico, relixioso e cultural da Ruta Xacobea.

O artigo 4º da citada orde establece que o premio será outorgado por un xurado presidido polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou persoa en quen delegue, e estará integrado polos seguintes membros: o presidente do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, dous membros nomeados polo comité, as institucións, asociacións culturais, padroados ou fundacións que resultasen gañadores nas anteriores convocatorias e os presidentes das entidades inscritas no Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago cos números 21, 22, 23 e 24.

De acordo co citado artigo 4º, as decisións do xurado serán inapelables e daranse a coñecer mediante publicación no DOG e por comunicación directa ó galardoado.

Por todo isto,

RESOLVO:

Artigo único.-Ordeno publica-la decisión do xurado do Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago.

O citado xurado, reunido en Santiago de Compostela o día 15 de novembro de 2002, acordou concede-lo Premio Elías Valiña ó esforzo revitalizador e promocional do Camiño de Santiago, ó proxecto presentado pola asociación Los Amigos del Camino de Santiago. Centro de Estudios Jacobeos, de Estella-Lizarra (Navarra).

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2002.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo