Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 02 de decembro de 2002 Páx. 16.698

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 324/2002, do 22 de novembro, polo que se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola execución das obras do proxecto sectorial Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (Campo Lameiro, Pontevedra).

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 26 de xullo de 2001, acordou declara-lo proxecto sectorial Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (Campo Lameiro, Pontevedra), como de incidencia supramunicipal para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de xullo de 2002, acordou aprobar definitivamente o referido proxecto sectorial e declara-la súa utilidade pública para os efectos previstos na Lei 10/1995, de ordenación do territorio.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 17 de outubro de 2002, acordou declara-la prevalencia da utilidade pública do proxecto Parque

Arqueolóxico da Arte Rupestre (Campo Lameiro, Pontevedra) sobre os montes veciñais en man común de Paredes e Praderrei, pertencentes ás comunidades de montes dos mesmos nomes, do concello de Campo Lameiro.

Con data 17 de outubro de 2002 procedeuse ó trámite de información pública da relación de propietarios, dereitos e bens que é preciso ocupar para a execución das obras do citado proxecto, sen que se presentara ningunha reclamación.

A Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión, na súa disposición adicional segunda declara de utilidade pública as infraestructuras, dotacións e instalacións dos plans e proxectos sectoriais que o Consello da Xunta de Galicia aprobe conforme o procedemento sinalado na Lei 10/1995, do 23 de febreiro, de ordenación do territorio de Galicia. Polo tanto, ó abeiro do disposto nesta lei, no suposto presente, concorre unha causa de utilidade pública que lexitima a expropiación de conformidade co previsto no artigo 9 da Lei de expropiación forzosa.

Igualmente, a disposición adicional segunda da Lei 7/1998, establece que a aprobación definitiva dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, en atención á importancia e transcendencia das actuacións recollidas nel, permite que se acuda ó procedemento de urxencia regulado polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Para que tal efecto se produza cómpre que o promotor do proxecto solicitase expresamente a declaración de urxente ocupación e que se formulase relación detallada dos bens e dereitos afectados pola expropiación. Ámbalas dúas circunstancias producíronse, polo que hai que entender que se integraron tódolos orzamentos legalmente esixibles para que a expropiación se poida tramitar polo procedemento de urxencia.

Por iso, unha vez sometido ó trámite preceptivo de información pública e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía para Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co disposto na disposición adicional segunda da Lei 7/1998, do 30 de outubro, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de novembro de dous mil dous,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto sectorial Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (Campo Lameiro, Pontevedra).

Santiago de Compostela, vintedous de novembro de dous mil dous.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura,

Comunicación Social e Turismo