Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 232 Luns, 02 de decembro de 2002 Páx. 16.697

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 11 de novembro de 2002 pola que se recoñece e declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Verde.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Verde.

Antecedentes de feito

1. A devandita fundación, en escrito de 8 de agosto de 2002 formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no rexistro de fundacións de interese galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Ponteareas, o día 30 de xaneiro de 2002, ante o notario José Manuel Gómez Varela, con número douscentos trinta e oito do seu protocolo por Enrique Banet López de Rego, Juan José Abia Alonso, Juan Carlos Martín Marcos e José Antonio Huerga Yánez; escritura que foi rectificada por outra posterior con data con data do 30 de xullo de 2002 ante o mesmo notario e co número de protocolo dous mil cento sesenta e un.

3. A Fundación Galicia Verde ten por obxecto a investigación, a formación, a promoción e a conservación da agricultura e gandería ecolóxicas, o medio natural, a bioconstrucción e a sustentabilidade con relación á saúde integral do ambiente e do ser humano, prestando especial atención á solidariedade, á biodiversidade e ós dereitos humanos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese benéfico-social da Fundación Galicia Verde, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1911, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

5. Á vista da citada proposta da comisión de secretarios xerais, por orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, de data do 23 de outubro de 2002 (Diario Oficial de Galicia do 29 de outubro de 2002), clasificouse como de interese benéfico-social da Fundación Galicia Verde e adscribiuse á Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cum

primento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na anteriormente sinalada escritura pública de constitución da fundación, constan os extremos relativos á personalidade dos fundadores; á súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial constituída polas achegas dos fundadores que ascenden a un total de mil oitocentos tres euros con catro céntimos e a designación das persoas naturais que constitúen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación, no devandito acto fundacional, dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación Galicia Verde; o seu enderezo na rúa da Grela nº 1 Lampai, Teo, da cidade da Coruña e o seu obxecto social e fin concrétase na investigación, a formación, a promoción e a conservación da agricultura e gandería ecolóxicas, o medio natural, a bioconstrucción e a sustentabilidade con relación á saúde integral do medio e do ser humano (título I); as regras para a determinación dos beneficiarios (título III) e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (capítulo I do título IV).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data do 8 de novembro de 2002, a asesoría xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Galicia Verde.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundacións para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, en relación co Decreto 25/1998, do 22 de xaneiro, correspóndelle a esta Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a declaración de interese galego e a inscrición no rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galicia Verde, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1.2º e 5º e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e o 4 do Regu

lamento de organización e funcionamento do protectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, da Fundación Galicia Verde, polo que se procede a dicta-al presente orde.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Galicia Verde.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmete as obrigas de dar publicidade suficiente dos seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na presentación dos seus servicios e de solicita-las preceptivas autorizacións, quede suxeita ó protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2002.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO