Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2002 Páx. 16.683

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE PADRÓN

BASES que regularán o concurso de ideas para un monumento escultórico a Camilo José Cela Trulock.

O Concello de Padrón convoca un concurso de ideas, coa finalidade de lle render un monumento escultórico a Camilo J. Cela, de acordo coas seguintes cláusulas:

1. Obxecto.

O Concello de Padrón, con motivo do falecemento do escritor Camilo José Cela Trulock, alcalde honorífico e fillo predilecto da vila, en cumprimento do acordo tomado no Pleno do día 17 de xaneiro de 2002, saca a concurso público de ideas, co fin de incorporar ó patrimonio público padronés, a elaboración dun monumento escultórico que poña de manifesto a conexión desta vila con Camilo J. Cela, e a profunda relación da estética celiana con Galicia.

2. Aspectos que se valorarán na proposta.

Teranse en conta, para a adxudicación do concurso, os seguintes aspectos:

a) Calidade escultórica das propostas.

b) Integración da peza escultórica no contorno.

c) A súa contribución á identificación de Padrón coa figura de Camilo J. Cela.

d) A calidade e nobreza dos materiais propostos como soporte cinxiranse ó bronce en canto á figura de vulto redondo e proporcionalmente de aproximadamente 2,40 m de altura da persoa do Nobel. En canto á base, poderá ser doutros materiais, como pedra ou granito, de dimensións arredor dos dous metros.

3. Situación e localización.

Proponse para a situación do monumento o Paseo do Espolón.

4. Concursantes.

Poderán participar no concurso de ideas que se convoca tódolos artistas que o desexen, tanto aficionados como profesionais, e que non se encontren incursos en causas de prohibición para contratar coas administracións públicas, das sinaladas no artigo 20 da Lei de contratos das administracións públicas.

Igualmente, non poderán participar:

a) Os membros do xurado.

b) Quen teña cos anteriores parentesco de primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

c) Quen sexa asociado ou manteña relacións de servicio ou colaboración profesional cos membros do xurado.

5. Admisión e presentación de propostas.

* Presentación de propostas.

Poderán participar no concurso de ideas todas aquelas propostas que se presenten no Rexistro de Entrada deste concello, no prazo de sesenta días naturais desde a publicación do último anuncio no BOP e no Diario Oficial de Galicia, por calquera dos medios permitidos na Lei de procedemento administrativo.

* Material e documentación que se debe presentar.

O elemento fundamental da proposta consistirá nunha maqueta do grupo escultórico ou escultura que propoña, que estará identificada cun título ou lema. As súas dimensións non poderán ser inferiores a 50 cm de alto, e estará elaborada en material suficientemente resistente.

Cada concursante presentará, ademais, dous sobres:

No sobre A, rotulado coa inscrición «Concurso de ideas para un monumento escultórico a Camilo J. Cela» e con título ou lema que figure na maqueta e no que se incluirán:

-Unha breve memoria descritiva, na que se xustifique a idoneidade da proposta.

-O orzamento para a execución da escultura proposta, cun pedestal ou soporte -se necesita- e que en ningún caso poderá supera-los noventa mil cento cincuenta e un euros con oitenta e dous céntimos (90.151,82 euros) así como a documentación gráfica oportuna.

No sobre B, coa mesma inscrición có anterior, incluirase o nome e as circunstancias persoais do concursante, lema ou título con que concursa, enderezo, teléfono, fax e correo electrónico, fotocopia do DNI, un breve currículum das súas actividades artísticas e declaración xurada de non encontrarse incurso en ningunha das prohibicións para contratar das

establecidas na Lei de contratos das administracións públicas.

6. Composición do xurado.

O xurado do concurso estará integrado polos seguintes membros:

Presidente: o alcalde do Concello de Padrón ou concelleiro en quen delegue.

Vocais:

-Darío Villanueva Prieto, rector da Universidade de Santiago de Compostela.

-Luis Caruncho Amat.

-Marina Concepción Castaño López.

-Guillermo Brea Vila, representante de Caixa Galicia.

-José Castro López, representante de Caixa Nova.

No caso de que algún dos vocais designados non poida asumi-la súa función, será substituido por outro candidato de traxectoria recoñecida no ámbito da cultura e das belas artes.

Secretario: actuará de secretario do tribunal o funcionario que desempeñe este cargo na corporación.

O xurado, logo das reunións que considere oportunas, efectuará unha proposta de adxudicación do concurso, que será elevada á Comisión de Goberno para os efectos de adopción de acordo, de adxudicación do concurso, a favor da proposta que resulte se-la máis axustada á finalidade que se pretende.

7. Premios.

Este concurso está dotado cun único premio, que consistirá na adxudicación da elaboración da escultura, segundo o previsto no artigo 216.4º do TRLCAP, reservándose o tribunal o dereito de poder declaralo deserto así como face-las matizacións que considere oportunas, que se farían en fase posterior que o concello determinará no seu momento.

8. Propiedade dos traballos e obrigas dos concursantes.

A proposta premiada pasará a ser propiedade do Concello de Padrón. Así mesmo, serao a súa propiedade intelectual.

Cos traballos presentados, o concello resérvase o dereito de facer unha exposición durante o presente ano, sen que para iso sexa necesaria a autorización dos participantes, conservando o anonimato, salvo cando se exprese por parte do concursante que o seu nome ou alcume apareza na súa obra para esta exposición, o cal deberá ser solicitado por escrito á Alcaldía.

Os concursantes obríganse polo mero feito de participar no concurso, a aceptar na súa integridade estas bases e a decisión do xurado.

9. Réxime xurídico.

O concurso que regula este prego ten natureza administrativa e réxese polas presentes cláusulas.

Para o non previsto neste aplicaranse as disposicións vixentes en materia de contratación administrativa.

O funcionamento e acordos do xurado axustaranse ó disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, no que proceda, polo TRLCAP.

Jesús Villamor Calvo

Alcalde