Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2002 Páx. 16.635

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 26 de novembro de 2002 pola que se modifica a do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen las bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña, para o efecto de facelas extensivas á concesión de axudas no ámbito da acuicultura en augas continentais, unificando as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura en Galicia.

A orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña (DOG nº 150, do 3 de agosto), modificada parcialmente pola Orde do 1 de decembro de 2000 (DOG

nº 49, do 9 de marzo de 2001), establece as bases e condicións e regula o procedemento de concesión de axudas con base en fondos do IFOP a investimentos neste ámbito na C.A. de Galicia no marco do Regulamento (CE) nº 2792/1999, do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro de 1999). A Comisión Europea considerou compatible este réxime de axudas co Tratado CE por Decisión do 23 de febrero de 2001 (Axuda de Estado nº N 614/2000).

Por outra banda, a orde da Consellería de Medio Ambiente do 3 de abril de 2001 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos en el ámbito da acuicultura en augas continentais (DOG nº 76, do 19 de abril de 2001), estableceu e regulou para estoutro subsector acuícola o seu correspondente réxime de axudas con base en fondos IFOP ( considerado de igual modo compatible por Decisión da Comisión Europea do 24 de xullo de 2001 (Axuda de Estado nº N 332/2001) para o pasado exercicio 2001.

A nova estructura orgánica da Xunta de Galicia establecida nos decretos 306/2001, do 15 de decembro (DOG nº 242, do 17 de decembro), e 310/2001, do 17 de decembro (DOG nº 243, de 18 de decembro), e disposicións posteriores dictadas no seu desenvolvemento no ámbito interno de cada departamento determinaron que a competencia para o establecemento das bases e condicións e a regulación do procedemento de concesión de axudas no ámbito da acuicultura, tanto marítima como en augas continentais, sexa en diante exercida de modo unitario pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Xa que logo, cómpre modifica-la normativa vixente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o efecto efecto de unificar nunha única disposición as bases e condicions e o procedemento de concesión das axudas con base en fondos do IFOP a tódolos investimentos no ámbito da acuicultura na Comunidade Autónoma de Galicia, así como a de dar cobertura ós investimentos no ámbito da acuicultura en augas continentais, procedendo en consecuencia a modifica-la orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña (DOG nº 150, do 3 de agosto), para o efecto de facelas extensivas ó ámbito da acuicultura en augas continentais.

En virtude do anterior e no uso das atribucións que me confire o artígo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos do 26 de xullo de 2000 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no

ámbito da acuicultura mariña (DOG nº 150, do 3 de agosto), modificada parcialmente pola Orde do 1 de decembro de 2000 (DOG nº 49, do 9 de marzo de 2001), cuyo texto nos artigos que a continuación se indican queda redactado como segue:

«Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la concesión de axudas a titulares de investimentos materiales destinados ó desenvolvemento da acuicultura en Galicia.

Para os efectos da presente orde, entenderase por acuicultura a cría ou cultivo de organismos acuáticos con técnicas encamiñadas a aumentar, por riba das capacidades naturais do medio, a producción dos organismos en cuestión; sendo estes, ó longo de toda a fase de cría ou de cultivo e ata o momento da súa recolección, propiedade dunha persoa física ou xurídica.»

«Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán acceder a estas axudas:

a) As persoas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de cultivos mariños con finalidade productiva, instalados na Comunidade Autónoma de Galicia, que estean en posesión da preceptiva habilitación administrativa.

Para os efectos da presente orde entenderase que son establecementos de cultivos mariños os definidos no artigo 8 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, así como os bancos naturais nos que se apliquen técnicas de cultivo ou semicultivo, nas condicións definidas no parágrafo 2 do artigo 1º da presente orde.

b) As personas físicas ou xurídicas titulares de establecementos de acuicultura en augas continentais inscritos no Rexistro de Centros de Acuicultura, de conformidade co disposto na orde da Consellería de Medio Ambiente de 25 de outubro de 1999, pola que se regula o funcionamento dos centros de acuicultura en augas continentais e o seu rexistro, así como as asociacións, organizacións ou agrupacións do sector da acuicultura en augas continentais, sempre que estean legalmente constituídas de acordo coa normativa vixente.»

«Artigo 9º.-Criterios de selección.

Terán preferencia para a concesión destas axudas os proxectos de investimentos destinadas á creación de emprego e a utilización de novas tecnoloxías e ademais:

a) No ámbito da acuicultura marítima:

-A producción de xuvenís,

-E a implantación e desenvolvemento de cultivos ou semicultivos na zona marítimo terrestre.

b) No ámbito da acuicultura en augas continentais atribuiráselles preferencia na concesión das axudas ós investimentos que teñan como obxectivos a utilización de técnicas que reduzan substancialmente

os efectos da acuicultura sobre o ambiente e o respecto das normativas autonómicas, nacionais e comunitarias sobre ambiente. Incluirase nesta liña as axudas de capital a empresas para:

-Mellora-la calidade dos afluentes.

-Implantar sistemas de control de verteduras.

-Implantar sistemas de decantación e/ou filtración de afluentes.

-Diminuí-lo volumen das verteduras e os impactos destas sobre o ambiente.

-Mellora-los índices de conversión dos alimentos.

-Implantar sistemas que permitan un aforro de auga, tales como sistemas de recirculación e reutilización de auga.

-Reduci-los impactos das infraestructuras de captación e derivación de auga.

-Diminuí-los riscos patolóxicos.

Logo das anteriores, atribuiráselles preferencia ós investimentos encamiñados á modernización de instalacións existentes. Estes investimentos terán como obxectivos xenéricos incrementa-lo autoabastecemento de organismos vivos para engorde e mellora-las condicións hixiénicas ou sanitarias das instalacións. Incluiranse nesta liña as axudas de capital a empresas para:

-Mellorar ou acondiciona-la circulación hidráulica.

-Implantar sistemas para mellora-la calidade da auga de abastecemento.

-Implantar sistemas de control de parámetros ambientais.

-Implantar sistemas de control patolóxico e eliminación de riscos.

En terceiro lugar na orde de preferencias figurarán os investimentos destinadas ó incremento da calidade e revalorización dos productos, cos obxectivos xenéricos de incrementa-lo valor engadido dos productos e mellora-la calidade e a presentación do producto final. Incluiranse nesta liña as axudas de capital a empresas para:

-Implantar novos sistemas de utilización dos productos.

-Implantar sistemas de análise de puntos críticos.

-Investimentos destinados á transformación primaria dos productos.

En último lugar na orde de preferencias figurarán aqueles investimentos que teñan como primero obxectivo aumenta-la capacidade de producción dos centros existentes ou a construcción de novos centros de producción.

No caso de centros de acuicultura en augas continentais existentes á entrada en vigor desta orden, as axudas destinadas á protección do ambiente deberán ser previas a calquera outra axuda enmarcada

noutras liñas de actuación, sempre e cando as instalacións existentes requiran unha adaptación á normativa de pesca fluvial e de protección do ambiente actualmente vixente.

Para as finalidades antes establecidas, os titulares dos centros de acuicultura presentarán un proxecto de investimentos de carácter ambiental previamente a calquera outro tipo de actuación, ou ben presentarán un proxecto único no que os investimentos de tipo ambiental sexan executadas de modo anterior ou simultáneo a outros tipos de investimentos».

Disposición transitoria

Única.-As solicitudes de axuda relativas a proxectos no ámbito da acuicultura en augas continentais realizados entre o 1 de xaneiro de 2002 e a data da entrada en vigor da presente orde presentaranse no prazo sinalado no artigo 15.2º da Orde do 26 de xullo de 2000 e xustificarán, de modo que faga fe, que os investimentos non se realizaron antes do 1 de xaneiro de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira. Facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para que dicte as resolucións necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos