Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Venres, 29 de novembro de 2002 Páx. 16.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 4 de novembro de 2002 de extinción e subseguinte cancelación no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social non Integradas na Seguridade Social da Mutualidad de Previsión Social a Prima Fija del Personal de Indugasa (en liquidación).

A entidade denominada Mutualidad de Previsión Social a Prima Fija del Personal de Indugasa (en liquidación) acordou en asemblea xeral celebrada o 2 de xuño de 2000 a súa disolución e liquidación.

Ultimado o proceso liquidatorio da mencionada mutualidade, esta solicita que sexa declarada a súa extinción e se proceda á cancelación da súa inscrición no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social non Integradas na Seguridade Social, creado pola Orde do 5 de maio de 1999 (DOG do 20 de maio).

Da documentación recibida despréndese que a entidade cumpre os requisitos establecidos na Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, en relación co proceso liquidatorio.

Polo Decreto 340/1996, do 13 de setembro, asígnanselle á Consellería de Economía e Facenda as funcións e servicios transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de mutualidades de previsión social. Pola súa parte, o Decreto 312/2000, do 28 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Economía e Facenda, adscribe as competencias á Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro.

En consecuencia, por proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declara-la extinción da Mutualidad de Previsión Social a Prima Fija del Personal de Indugasa (en liquidación), conforme o disposto no artigo 27.5º da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados.

Segundo.-Inscribir, en consecuencia, a extinción da Mutualidad de Previsión Social a Prima Fija del Personal de Indugasa (en liquidación) e proceder á cancelación dos seus asentos no Rexistro Autonómico de Mutualidades de Previsión Social non Integradas na Seguridade Social, creado pola Orde do 5 de maio de 1999 (DOG do 20 de maio).

Disposicións derradeiras

Primeira.-Conforme o estipulado no artigo 4 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro que modifica a Lei 30/1992, e que recolle os actos que poñen fin á vía administrativa, contra a presente orde cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Facenda no prazo dun mes ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, e os artigos 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2002.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda