Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 228 Martes, 26 de novembro de 2002 Páx. 16.437

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2002 pola que se convocan axudas ás corporacións locais, para actividades de información, educación e defensa do consumidor e usuario para o ano 2003.

A convocatoria destas axudas axústase ó establecido na Orde do 11 de marzo de 2002 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas e subvencións en materia de industria, enerxía, minería, tecnoloxía e desenvolvemento sectorial, comercio e consumo, anexo XVI (DOG nº 55, do 18 de marzo).

En virtude disto, e de conformidade cos artigos 24 e seguintes do Estatuto Galego do Consumidor e Usuario, e o capítulo II do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre información e orientación ó consumidor e usuario

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego de Consumo concederá axudas ós concellos de Galicia, por un importe total de trescentos sesenta mil seiscentos sete euros (360.607 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.460.0, no que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamento do Instituto Galego de Consumo do ano 2003 quedando sometida esta resolución á condición suspensiva de existencia de crédito para financia-las obrigas derivadas desta, unha vez aprobado polo Parlamento de Galicia o citado proxecto de orzamento, de conformidade co artigo 1.3º en relación co 1.1º da Orde do 11 de febreiro de 1998 da Consellería de Economía e Facenda que regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto.

Artigo 2º.-Contía.

A contía das axudas axustarase ás seguintes porcentaxes:

a) Para os gastos de funcionamento, ata o 70% do seu custo.

b) Para programas específicos, ata un máximo do 80% do seu custo.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes para as axudas económicas previstas nesta resolución, segundo modelo do anexo I, dirixiranse ós servicios provinciais ou centrais do

Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada (anexo II).

b) Certificación da poboación de feito, segundo o último censo dispoñible (anexo III).

c) Certificación do secretario/a do concello na que se faga consta-lo horario no que a oficina permanece aberta ó público para atender ós consumidores.

d) Certificación, se é o caso, do secretario/a do concello, da existencia de mancomunidade con outros concellos e/ou de actuacións conxuntas, para actividades de consumo, así como con organizacións de consumidores (anexo IV).

e) Certificado do secretario/a do concello sobre o número de consultas, reclamacións e denuncias atendidas pola OMIC no ano 2002 (anexo V).

f) Enumeración de cada un dos proxectos específicos que se pretenden realizar, coa súa valoración e unha breve descrición que inclúa, polo menos, o ámbito do proxecto, nº e tipo de destinatarios, obxectivos e forma de avaliación.

g) Certificado do secretario do concello do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para actividades obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

Artigo 4º.-Prazo.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Emenda de defectos.

Os servicios centrais e provinciais do Instituto Galego de Consumo comprobarán se a solicitude e documentación presentadas reúne os requisitos esixidos, e no suposto da observancia dalgún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedimento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xanei

ro, requeriráselle ó interesado para que no prazo de 10 días a partir do seguinte ó da recepción do dito requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, consideraráselle desistido da súa petición, e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da devandita lei.

Artigo 6º.-Avaliación das solicitudes.

O Servicio de Información e Educación do Instituto Galego de Consumo será o encargado da realización dos correspondentes informes de avaliación das solicitudes das axudas.

Este servicio, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes a información ou documentación adicional, que non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

Artigo 7º.-Pagamento e xustificación.

As axudas concedidas faranse efectivas despois da xustificación polo concello beneficiario da realización dos proxectos e actuacións, obxecto da subvención.

Para a xustificación da subvención, a corporación local deberá presentar antes do 30 de novembro de 2003:

a) Certificación do secretario/a do concello, logo do informe do interventor ou xefe de contabilidade da corporación, co visto e prace do alcalde, sobre o total dos gastos efectuados desagregados por accións ou proxectos, obxecto de subvención (anexo VI).

b) Memoria dos proxectos realizados polo concello.

c) Certificación da conta bancaria na que conste o ordinal bancario, código do banco, código da sucursal e código da conta corrente, onde deba realizarse o pagamento, expedida pola entidade bancaria.

d) No caso de proxectos que inclúan información publicitaria relativa ás actuacións subvencionadas, deberán facer consta-lo patrocinio do Instituto Galego de Consumo e enviarán copia do material ou materiais realizados.

e) Certificado do secretario do concello, complementaria da enviada coa solicitude do conxunto de tódalas solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas, para actividades obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2002.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA