Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 20 de novembro de 2002 Páx. 16.172

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de outubro de 2002, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Gimnasios Pazos, S.A. (traballadores das piscinas e ximnasios municipais de Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Gimnasios Pazos, S.A., (traballadores das piscinas e ximnasios municipais de Vigo), con nº de código 3603061, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 19-9-2002, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social por polo comité de empresa, en data 6-9-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta

delegación provincial e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 24 de outubro de 2002.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio 2002-2007 para os traballadores das piscinas e ximnasios municipais de vigo coa adxudicataria actual do servicio Gimnasios Pazos, S.A.

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as condicións de traballo entre a empresa adxudicataria e os traballadores das piscinas municipais de Vigo (Carmen, Lavadores e Teis), así como os ximnasios municipais (Carmen e Berbés).

Así mesmo, o ámbito do presente convenio inclúe tódolos traballadores e tódolos centros de traballo que, sen estaren incluídos explicitamente na anterior relación, poida ser estendido, se fose solicitado, no futuro a outras piscinas ou ximnasios que se puidesen abrir ó público e que dependan do Instituto Municipal dos Deportes ou do Concello de Vigo.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

A duración será ata o 31 de decembro do ano 2006, sendo prorrogado, anualmente de ano en ano se non media denuncia expresa dalgunha das partes.

As partes asinantes comprométense a iniciar negociación dun novo convenio tres meses antes de finaliza-la súa vixencia e pactan a prórroga do presente convenio polo tempo necesario ata que se logre acordo expreso da sinatura dun novo convenio.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas no presente convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente. Non serán admisibles as interpretacións ou aplicacións que, para efectos de xulgar sobre situacións individuais ou colectivas, valoren illadamente as estipulacións convidas.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 4º.-Organización do traballo.

A organización do traballo, conforme o prescrito neste convenio e na lexislación vixente, é facultade e responsabilidade da dirección da empresa.

A organización do traballo establecerá as instruccións pertinentes para o desenvolvemento da actividade no ámbito de aplicación, co obxecto de alcan

zar no servicio un adecuado nivel de calidade baseado na utilización óptima dos recursos.

Sen mingua da facultade aludida no parágrafo primeiro, o comité de persoal terá as funcións de orientación, proposta, emisión de informes, etc., en todo o relacionado coa organización e racionalización do traballo, de conformidade coa lexislación vixente e de acordo co establecido no presente convenio.

Artigo 5º.-Grupos profesionais.

Os traballadores afectados polo presente convenio, en atención ás funcións e tarefas que desenvolven e de acordo coas necesidades nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo, clasifícanse nas seguintes divisións orgánicas funcionais:

A) Departamento de servicios.

Servicio de limpeza.

Servicio de mantemento.

Servicio de recepción.

Servicio de vixilancia e socorrismo.

B) Departamento de ensino deportivo.

Artigo 6º.-Clasificación profesional.

6.1. Categorías profesionais.

Os traballadores afectados polo presente convenio, en atención ás funcións e tarefas que desenvolven e de acordo coas necesidades nas piscinas e ximnasios municipais de Vigo, clasifícanse en categorías profesionais:

Os factores que inflúen na determinación da pertenza a unha categoría profesional realízase en función dos coñecementos e formación, grao de iniciativa/autonomía, complexidade, grao de responsabilidade sobre xestión e resultados, capacidade de interrelación e capacidade de mando.

En calquera caso queda excluído da seguinte clasificación quen non sexa persoal subrogado nas piscinas e ximnasios municipais e, en particular, a xerencia da empresa ou a dirección que non forma parte da relación de persoal na data de entrada en vigor do presente convenio.

Categoría 1.

Pertencen a esta categoría os traballadores que executan operacións segundo instruccións concretas, claramente establecidas, cun alto grao de dependencia, que requiren preferentemente esforzo e non necesitan de formación específica.

Encádranse nesta categoría os auxiliares de limpeza.

Categoría 2.

Corresponden a esta categoría os traballadores con funcións que consisten en operacións realizadas seguindo un método de traballo preciso cun alto grao de supervisión, que esixe coñecementos profesionais de carácter elemental.

A formación básica esixible é formación específica de carácter profesional ou no seu defecto por unha experiencia profesional mínima de dous anos en posto de similares características.

Encádranse nesta categoría os auxiliares de mantemento.

Categoría 3.

Corresponden a esta categoría os traballadores que realizan traballos de execución autónoma que esixan, habitualmente, iniciativa e razoamento por parte dos traballadores encargados da súa execución, comportando baixo supervisión a responsabilidade das mesmas.

A formación básica esixible é a de formación específica de carácter profesional ou ben unha experiencia profesional mínima de vintecatro meses en posto de similares características, salvo no caso dos socorristas, en que serán necesarias ámbalas condicións.

Inclúense nesta categoría os recepcionistas/auxiliares administrativos, socorristas e monitores de natación e deportivos.

Categoría 4.

Corresponden a esta categoría os traballadores, actualmente os coordinadores de monitores con funcións que consisten en integrar, coordinar e supervisa-la execución de tarefas heteroxéneas coa responsabilidade de ordena-lo traballo dun conxunto de colaboradores.

Inclúese, ademais, a realización de tarefas de complexas, pero homoxéneas que requiren un contido medio de actividade intelectual e de relacións humanas que require un grao elemental de capacidade de mando e decisión.

A formación esixible é coñecementos equivalentes a formación profesional específica completada cun período de prácticas mínimo de seis meses, ou experiencia profesional adquirida superior a tres anos en traballo análogo.

Nesta categoría inclúense os coordinadores de monitores de natación e os oficiais encargados de mantemento das instalacións.

Categoría 5.

Inclúense nesta categoría aqueles traballadores, actualmente xefe de mantemento, que requiren un alto grao de autonomía, coñecemento profesional e responsabilidades que se exercen sobre un ou varios sectores da empresa, partindo de directrices xerais, debendo dar conta da súa xestión á dirección.

A formación esixible é a de titulación académica oficial de grao medio en enxeñería complementada cunha experiencia profesional superior a dous anos.

Inclúense nesta categoría os xefes de servicio.

Categoría 6.

Inclúense nesta categoría aqueles traballadores, actualmente directores técnicos, que requiren un alto

grao de autonomía, coñecementos profesionais e responsabilidades de alto grao, partindo das directrices da xerencia da empresa á que debe dar conta da súa xestión, así como á dirección do Instituto Municipal dos Deportes.

A formación esixible é a de titulación académica oficial de grao superior en educación física, completada cunha dilatada experiencia profesional.

Inclúense nesta categoría os directores técnicos e deportivos.

6.2. Regulamento de funcións.

Conxuntamente con este convenio, por acordo das partes, procédese á elaboración dun Regulamento de funcións de persoal, no cal quedan reflectidas as funcións e tarefas de todo o persoal conforme o seu posto de traballo e o estipulado no artigo anterior e as disposicións transitorias do presente convenio.

A modificación do Regulamento de funcións do persoal deberase realizar por mutuo acordo da dirección e o comité de persoal.

Artigo 7º.-Procedemento de adecuación.

A adecuación da vixente clasificación profesional ós traballadores afectados polo presente convenio prodúcese de forma automática como consecuencia do acordo das partes.

Artigo 8º.-Ingresos en cadro de persoal e contratación.

O ingreso dos traballadores axustarase ás normas xerais sobre colocación laboral.

Terán dereito preferente para o ingreso os que teñan desempeñado ou desempeñen funcións nas piscinas ou ximnasios municipais con carácter eventual, interino ou con contrato de duración determinada, ou os que por motivos de saúde poidan acollerse á mobilidade funcional estipulada no artigo 10º do presente convenio.

Por razón das características propias no Servicio das Piscinas e Ximnasios Municipais de Vigo, os contratos dos traballadores clasifícanse en fixos indefinidos, fixos descontinuos, eventuais por circunstancias da producción e interinos.

As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido, sen prexuízo de que se poida celebrar calquera tipo de contrato de traballo dunha modalidade recollida na lexislación laboral vixente en cada momento.

No suposto de que o comité de persoal denunciase o uso fraudulento de contratos por uso indiscriminado ou inadecuado, sen prexuízo de nova negociación polas partes deste artigo, declárase a conversión en indefinidos dos contratos celebrados ó abeiro desta regulación.

Artigo 9º.-Xubilación.

Os traballadores xubilaranse ós 65 anos de idade, salvo que demostren non alcanza-lo período mínimo de cotización á Seguridade Social para os efectos de xubilación. Neste caso poderá ampliarse a idade de xubilación no tempo necesario para completa-lo período mínimo de cotización cun máximo de 70 anos de idade.

O traballador, cunha antelación mínima de tres meses, deberá comunica-la necesidade de seguir traballando, achegando os documentos necesarios para a comprobación do requisito esixido, debendo o comité de persoal emitir informe favorable.

Artigo 10º.-Mobilidade funcional.

Para tódolos efectos, o presente convenio establece que o ascenso soamente se produce se se produce un cambio de categoría profesional conforme o estipulado no artigo 5º do presente convenio, e serán para tódolos efectos consideradas equivalentes as funcións realizadas nos grupos profesionais da mesma categoría profesional.

Os traballadores que, por motivos de saúde, teñan dificultades para desenvolve-las tarefas do seu posto traballo, poderán optar con preferencia a prazas vacantes doutros que lle sexan máis favorables para o seu estado de saúde.

Os traballadores destinados a grupo profesional distinto ó seu reintegraranse ó seu antigo posto cando cese a causa que motivou o cambio.

En todo caso, o traballador conservará a retribución correspondente ó seu grupo de orixe, sen prexuízo de que lle sexa aboada a diferencia salarial en concepto de incentivo por funcións desenvolvidas durante a súa permanencia en distinto grupo profesional, sendo preceptiva solicitude e autorización por escrito do traballador.

As mulleres embarazadas terán dereito preferente a seren cambiadas a outro posto de traballo máis acorde co seu estado. Nesta materia observarase en todo caso o establecido no R.D.L. 1/1995, do 24 de marzo, e o artigo 26 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais. Para o cambio de posto de traballo será preceptiva a notificación de solicitude, acompañada de informe médico oficial dos motivos e idoneidade para o posto vacante, ó comité de persoal, que deberá emitir informe favorable previo.

Artigo 11º.-Mobilidade xeográfica.

A dirección, co fin de mellora-la súa organización e a súa productividade, poderá, logo de aceptación dos afectados ou co informe favorable do comité de persoal, traslada-lo persoal de centro de traballo entre os centros de traballo incluídos no ámbito do presente convenio.

No caso que o traslado sexa fóra do ámbito do presente convenio, é requisito de obrigado cumprimento a aceptación por escrito do traballador afec

tado e igualmente o informe favorable do comité de persoal.

Capítulo III

Política salarial

Artigo 12º.-Táboa salarial.

As retribucións do persoal afectado por este convenio estarán constituídas polo salario base e os seus complementos.

O salario base para os distintos grupos profesionais queda fixado nas cantidades reflectidas na táboa salarial do anexo I, que se adxunta e é parte deste convenio.

Os complementos do salario base de carácter variable, en xornada ordinaria, quedan concretados nos seguintes:

1. Complemento de festividade.

2. Complemento de perigosidade e toxicidade.

3. Complemento de antigüidade.

4.Complemento de posto de traballo.

Artigo 13º.-Pagamento de salarios.

O pagamento de salarios realizarase por transferencia bancaria á conta que designe o traballador, e deberá asegurase que o aboamento na conta bancaria do traballador se produza na data habitual de pagamento.

A data habitual de pagamento será o último día laborable correspondente ó mes que devenga o pagamento. O pagamento dos complementos realizarase por quincenas, sendo aboados os da segunda quincena no pagamento do mes seguinte.

A distribución do salario base farase en doce mensualidades máis dúas pagas extraordinarias.

As pagas extraordinarias denominaranse de verán e Nadal, debendo efectuarse o seu aboamento con data límite o quince de xullo a de verán e o quince de decembro a de Nadal.

Artigo 14º.-Pagamento adiantado de salario.

Os traballadores poderán solicitar un adianto de ata un 50 por 100 do seu salario base. A devolución realizarase por desconto automático na nómina seguinte.

A empresa destinará un fondo para estes efectos de 6.000 A. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de entrada e considerando os criterios fixados polo comité de persoal.

Artigo 15º.-Salario mínimo garantido (SMG).

O salario mínimo garantido estará composto polo salario base a percibir polos traballadores, en actividade normal ou habitual en traballos non medidos.

Non se inclúen no SMG os seguintes conceptos: complemento de nocturnidade, complemento de festivo, complemento de perigosidade e toxicidade e complemento de desprazamento.

Nos casos de incapacidade temporal, accidente de traballo ou maternidade, a empresa complementará as prestacións por incapacidade temporal da Seguridade Social ata o 100 por 100 da suma do salario base, mesmo no pagamento das pagas extraordinarias e complemento de posto de traballo, en xornada ordinaria.

Artigo 16º.-Antigüidade.

O complemento de antigüidade para tódolos traballadores afectados polo presente convenio establécese partir da entrada en vigor do modelo de referencia de trienio.

O dereito a complemento de antigüidade será computado por ano de servicio prestado nalgunha das piscinas ou ximnasios, e recoñecido ó persoal subrogado.

As cantidades a aplicar serán de 10 euros por cada trienio, incrementadas no salario base mensual.

Artigo 17º.-Complemento de festividade.

Ós traballadores que presten os seus servicios en xornada de festivo, seralles aboado en concepto deste complemento de festivo un importe de 2 euros por hora traballada neste horario.

As cantidades a aplicar faranse efectivas a partir do ano 2004.

Artigo 18º.-Complemento de perigosidade e toxicidade.

Ós traballadores que prestan os seus servicios con risco de perigo ou toxicidade, seralles aboado en concepto deste complemento un importe equivalente ó 5 por 100 do seu salario base.

En todo caso, observarase o disposto no previsto na lexislación laboral vixente e, en particular, a Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais, do 8 de novembro, ou outra que a substitúa.

Artigo 19º.-Complemento de posto de traballo.

Ó persoal que por razóns das tarefas que lle son propias ó posto de traballo, ou aquelas que asignadas temporalmente por un tempo superior a 15 días, desenvolva a súa xornada en diferentes centros de traballo, seralle asignado un incremento no seu salario base do 8 por 100.

A tódolos traballadores que circunstancialmente permanezan nun grupo profesional superior, seralles retribuída en concepto deste complemento a diferencia de salario base entre grupos que corresponda, conforme as táboas salariais reflectidas no anexo I.

As horas que imparten os monitores de natación a grupos especiais de discapacitados e bebés terán unha consideración especial canto á súa retribución. As de discapacitados serán retribuídas cun 50 por 100 adicional, e o cómputo das sesións de bebés asimilarase a unha sesión normal.

Artigo 20º.-Revisión salarial.

O salario base para as distintas categorías profesionais no ano 2003 será de aplicación en tempo e forma, as cantidades contempladas no anexo I, que forma parte indivisible do presente convenio.

A actualización dos salarios no ano 2003 poderá ser atrasada polo tempo necesario para a adecuación contractual entre a empresa adxudicataria e o Instituto Municipal dous Deportes de Vigo. En calquera caso, as cantidades serán con carácter retroactivo a data do 1 de xaneiro de 2003, e será esixible por parte dos traballadores a partir de trinta días despois da adxudicación de novo contrato por parte do Instituto Municipal dos Deportes de Vigo.

A revisión anual das masas salariais nos anos comprendidos entre o ano 2004 e 2007, ambos inclusive, realizarase á alza por un valor igual á suma dun 2 por 100 máis o valor do índice de prezos de consumo (IPC) establecido polo Instituto Nacional de Estatística para o ano natural anterior. Efectuarase a revisión salarial tan axiña como se constate oficialmente esa circunstancia, servindo, por conseguinte, como base de cálculo para o incremento salarial de cada ano, as masas salariais correspondentes ó ano anterior. Tal incremento aboarase con efectos do 1 de xaneiro de cada un dos anos de revisión.

No caso de que a vixencia do presente convenio se prorrogase, xa sexa por mutuo acordo ou por non mediar denuncia expresa, a partir do 31 de decembro do ano 2007, efectuarase unha revisión salarial anual e, en todo caso, serán de igual modo revisados anualmente os complementos contemplados no presente convenio.

Capítulo IV

Xornada de traballo, descansos, horas extraordinarias e vacacións

Artigo 21º.-Xornada de traballo.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán unha xornada laboral máxima en cómputo anual de 1.700 horas de traballo efectivo, salvo que por lei de rango superior sexa fixada algunha reducción que será aplicada de forma inmediata e sen causar reducción nas retribucións do traballador.

No ámbito da empresa, logo de negociación e acordo cos representantes de traballadores, poderá establecerse un calendario de distribución irregular da xornada que implique a posibilidade de supera-lo tope máximo de 36,75 horas por semana sen supera-lo máximo anual fixado, respectando os descansos mínimos fixados na lei e no presente convenio.

Artigo 22º.-Quendas de traballo.

O traballo organizarase por quendas segundo as cales os traballadores ocupen sucesivamente os mesmos postos de traballo, cun ritmo continuo por semanas ou quincenas, coa prestación do traballo nas horas fixadas para cada quenda fixado no calendario laboral para cada ano.

Nos postos de similares características a rotación será obrigatoria, excepto nos casos previsto no presente convenio ou na lei.

Os horarios das quendas serán elaborados conxuntamente conforme o estipulado no artigo referente ó calendario laboral.

Artigo 23º.-Descansos.

Os días 1, 5 e 6 de xaneiro, 1 de maio, 25 de xullo, 24, 25 e 31 de decembro, son días de descanso de obrigado desfrute polos traballadores afectados polo presente convenio.

Os traballadores teñen dereito a que polo menos dous domingos de cada mes coincidan con días do seu descanso e en ningún caso deixará o traballador de descansar polo menos un sábado e domingo seguido ó mes.

Os días festivos fixados no calendario laboral da Xunta de Galicia deberán ser respectados como días de descanso de carácter retribuído e non recuperables.

Se por necesidades do servicio, previamente xustificadas e notificadas ó comité de persoal, fose necesario traballar un domingo de descanso ou festivo, o traballador afectado será compensado cun complemento de 24 euros ou un día mais de descanso, que desfrutará entre luns e venres non festivo.

Artigo 24º.-Horas extraordinarias.

Non se realizarán horas extraordinarias, salvo no caso de necesidades urxentes do servicio, serán motivadas e previamente comunicadas ó comité de persoal.

A compensación horas extraordinarias efectuarase con descanso, a razón de dúas horas de descanso por cada hora extraordinaria.

Terán a consideración de horas extraordinarias estructurais para efectos legais, as realizadas en función dos criterios indicados a seguir.

As horas extraordinarias de forza maior que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros análogos a non realización das cales produza evidentes e graves prexuízos á propia empresa, ó Instituto Municipal dos Deportes, ou a terceiros.

As horas necesarias por pedidos ou actividades, cando estas non estivesen previstas ou non sexan contempladas na actividade normal por parte do Instituto Municipal dos Deportes.

As horas extraordinarias necesarias por ausencias imprevistas, as necesarias para a posta en marcha e/ou paradas, cambios de quenda, as de mantemento cando non caiba a utilización das distintas modalidades de contratación temporal ou parcial previstas na lei e a súa non realización leve consigo a perda ou a deterioración do servicio e no suposto de que a súa non realización supoña a imposibilidade de reparar avarías ou garanti-la debida posta en marcha do servicio.

A compensación horas extraordinarias, logo de informe favorable do comité de persoal, poderase efectuarse por pagamento de 8 euros por hora traballada.

A dirección da empresa informará mensualmente o comité de persoal sobre a necesidade e realización do número de horas extraordinarias, especificando as causas e a distribución. As discrepancias serán sometidas a arbitraxe.

Artigo 25º.-Calendario laboral.

O calendario laboral será fixado para cada ano conxuntamente pola dirección e o comité de persoal.

A súa aprobación deberase efectuar antes do 31 de decembro anterior ó ano de vixencia.

Este calendario deberá incluí-las festas locais, os descansos de convenio, as datas para o desfrute de vacacións, así como a fixación dos descansos compensatorios para cada traballador.

O calendario deberá ser exposto en cada centro de traballo durante todo o ano de vixencia.

Artigo 26º.-Vacacións.

O réxime de vacacións anuais retribuídas do persoal afecto ó presente convenio será de trinta e un días naturais para tódolos traballadores, sendo o seu desfrute preferentemente no mes de agosto. Destas vacacións, como mínimo, quince días deberán desfrutarse ininterrompidamente nos meses de xuño, xullo ou agosto.

Se as necesidades do servicio obrigasen a parti-las vacacións soamente poderá selo en dous períodos e dá dereito a máis dous días de vacación.

En caso de feche do centro de traballo consignarase o persoal que, durante tal período, teña de executar obras necesarias, labores de empresa, etc., concertando particularmente cos afectados a forma máis conveniente da súa vacación anual.

Para o aboamento do período de vacacións seguirase o mesmo réxime establecido para o pagamento de haberes no período non de vacacións. As vacacións serán retribuídas conforme o termo medio obtido polo traballador por tódolos conceptos desde o período de vacacións anterior ou, no seu defecto, para traballadores con contrato de duración inferior a un ano desde o inicio do contrato, á data de iniciación daquelas.

O persoal a quendas poderá empezar a desfruta-las súas vacacións ó termo do seu período ordinario de xornada.

Capítulo V

Licencias e permisos

Artigo 27º.-Licencias.

O traballador, avisando coa posible antelación, poderá faltar ó traballo, con dereito a remuneración, por algún dos motivos e durante o tempo, contado

desde o momento que motiva este dereito, que a seguir se expón:

1. Seis días naturais por falecemento de familiares de primeiro grao de consanguinidade ou afinidade.

2. Dous días naturais por falecemento de familiares de segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

3. Un día natural por falecemento de familiares de terceiro grao de consanguinidade ou afinidade.

4. Vinteún días naturais por casamento do traballador.

5. Un día natural por casamento de familiares de ata segundo grao de afinidade ou consanguinidade.

6. Tres días por separación ou divorcio do traballador.

7. Tres días por nacemento ou por adopción de fillo/a.

8. Dous días por enfermidade grave con internamento hospitalario de parentes de ata 2º grao de consanguinidade ou afinidade. No caso de conviviren na mesma casa, será de cinco días.

9. Polo tempo necesario e nos supostos que marca a lei para concorrer a exames para a obtención de títulos oficiais, e polo tempo necesario polo traballador para a obtención de títulos de carácter oficial inescusable para o desenvolvemento das funcións do traballador.

10. Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

11. Un día por traslado de domicilio.

No caso de que o traballador teña que se desprazar a localidades distantes máis de 200 quilómetros do seu centro de traballo, contará con máis dous días en tódolos supostos anteriores. Para tódolos efectos, a referencia que se fai ó cónxuxe entenderase tamén feita ás parellas de feito, logo de certificación de convivencia que acredite esta situación.

Artigo 28º.-Suspensión do contrato por maternidade.

A traballadora no suposto de parto terá dereito a unha suspensión de contrato de 16 semanas ininterrompidas, ampliables a 18 por parto múltiple. O período de suspensión distribuirase á opción da interesada, sempre que seis semanas como mínimo sexan inmediatamente posteriores ó parto. No caso de falecemento da nai, poderá facer uso deste dereito o pai para o coidado de fillo/a.

Artigo 29º.-Permisos por asuntos propios.

Tódolos traballadores teñen dereito a dous días por asuntos persoais ó ano, ou á súa parte proporcional ó tempo en activo durante o ano natural. Estes días non poderán ser asimilados ás vacacións, serán concedidos logo de solicitude nun prazo non inferior a quince días e sempre que as necesidades do servicio o permitan e, salvo necesidade xustificada polo traballador, non serán concedidos xuntos.

Artigo 30º.-Permisos sen salario.

Poderán solicitar licencia sen salario, cunha duración máxima de tres meses, os traballadores fixos que leven ó servicio da empresa máis dun ano. A dirección resolverá favorablemente as solicitudes que neste sentido se formulen, salvo que se encontrasen desfrutando deste dereito un número de traballadores equivalente ó 6 por 100 do cadro de persoal, ou dos traballadores en centros de traballo de menos de 50 traballadores.

Para ter dereito a unha nova licencia, deberán transcorrer como mínimo un ano completo desde a data de terminación da anterior.

Artigo 31º.-Permiso de excedencia.

Os traballadores cun ano de antigüidade poderán solicitar, con reserva do posto de traballo, a excedencia voluntaria por un prazo mínimo de doce meses e non superior a cinco anos, non computándose o tempo que dure esta situación para ningún efecto, e se que en ningún caso se poida producir nos contratos de duración determinada.

As peticións de excedencia serán resoltas favorablemente pola empresa no prazo máximo dun mes naquelas peticións que se funden en realización de estudios, esixencias familiares e outras análogas.

O traballador excedente terá dereito á reserva do seu posto e o reingreso será automático, quedando a empresa obrigada a contestar por escrito á petición de reingreso.

Artigo 32º.-Excedencia por coidado de fillos.

Poderán solicitar excedencia por paternidade, sen prexuízo do dereito que recoñece a lei por maternidade, sempre que traballen ámbolos cónxuxes ata segundo grao, por un prazo mínimo de doce meses e non superior a tres anos, nas mesmas condicións que a excedencia voluntaria do artículo 33º do presente convenio.

En calquera caso, o desfrute por parte dun dos cónxuxes imposibilitará a excedencia do outro.

Artigo 33º.-Asistencia a consultorio médico.

Cando por razón de enfermidade o traballador precise a asistencia a consultorio médico en horas coincidentes coas da súa xornada laboral, a dirección concederá, sen perda de retribución, o permiso necesario polo tempo preciso para o efecto, debendo xustificarse este co correspondente volante visado polo facultativo, ou persoal debidamente acreditado da Seguridade Social.

Capítulo VI

Réxime asistencial

Artigo 34º.-Roupa de traballo.

A empresa proverá con carácter obrigatorio gratuíto o persoal que polo seu traballo o necesite, da roupa de traballo que se relaciona no anexo II, que se xunta e é parte deste convenio.

O persoal contratado por tempo inferior a seis meses, terá dereito á metade das pezas de roupa estipuladas.

Ás traballadoras que no momento de recibiren a roupa de traballo se encontren en situación de embarazo, deberá serlle entregada unha roupa acorde co seu estado.

Artigo 35º.-Revisión médica.

Tódolos traballadores deberán, ben a cargo da mutua correspondente, ou en todo caso á conta da empresa, unha revisión médica obrigatoria que inclúa probas mínimas previstas na lei.

Artigo 36º.-Seguro de vida.

O empresario subscribirá cunha compañía de seguros de vida unha póliza para todo o persoal fixo, que como mínimo cubrirá 6.000 A por morte natural, 12.000 A por incapacidade permanente por calquera causa ou morte por accidente de traballo e 30.000 A, por invalidez total por accidente de traballo.

Artigo 37º.-Compensación por xubilación.

Os traballadores cunha antigüidade superior a oito anos, con extinción do contrato por xubilación, recibirán conxuntamente co pagamento da súa liquidación unha compensación extraordinaria, con cargo á empresa, polo importe de dúas mensualidades brutas.

Será de igual aplicación se a extinción do contrato se produce por invalidez permanente ou absoluta do traballador.

Artigo 38º.-Promoción e especialización profesional.

O persoal terá dereito a ver facilitada a realización de estudios para a obtención de títulos académicos ou profesionais, así como a realización de cursos de perfeccionamento profesional.

Cando se trate de estudios académicos oficiais, cursos de perfeccionamento profesional, asistencia a charlas, seminarios e congresos relacionados coa actividade e no caso de dedicación á representación dos traballadores, tentarase, sen prexudicar a ningún traballador, dar preferencia na escolla de quenda de traballo, sempre que lle sexa necesario e as necesidades do servicio o permitan. Será necesario o informe favorable do comité de persoal.

Se existisen postos vacantes na empresa, os traballadores fixos terán dereito a acceder a eles, logo de solicitude, mediante un concurso de méritos onde, de forma conxunta entre a empresa e o comité, se formará un tribunal coa mesma representación, quen deberá selecciona-los mellores candidatos para ocuparen o posto ou postos vacantes, ou deixalos desertos mediante razoamento escrito, avalado pola maioría do tribunal.

Artigo 39º.-Fondo social.

A empresa destinará a cantidade de 1.200 A anuais, que será destinada a un fondo social, como

axuda para tódolos traballadores que o soliciten para gastos gastos de estudios, incluídos os cursos de natación, do traballador, do seu cónxuxe, pais ou fillos.

O comité de persoal poderá cambiar, se así o acordase, o uso deste diñeiro, para crear un fondo destinado como axuda para a creación dun plan de pensións ou outro concepto, para tódolos traballadores que o desexen.

Ben sexa empregado nunha ou outra cousa, anteriormente expostas, deberá se regulamentado polo comité e publica-lo acordado entre tódolos traballadores.

O diñeiro será distribuído polo comité de persoal, cunhas bases previamente expostas e publicidade suficiente para que se teren coñecemento tódolos empregados. O empresario poderá nomear un representante seu que asista ás reunións onde se proceda á repartición, con voz pero sen voto.

Artigo 40º.-Asistencia xurídica.

A empresa prestará asesoramento e defensa xurídica gratuíta ós traballadores en calquera clase de litixio derivado de feitos ocorridos como consecuencia do desenvolvemento das funcións do propio cargo que ocupen.

Artigo 41º.-Local sindical.

A empresa facilitará un local ó comité de persoal, coa súa correspondente chave, unha mesa, un ordenador e unha impresora. Nos centros de traballo existirán taboleiros sindicais.

Capítulo VII

Réxime disciplinario

Artigo 42º.-Réxime de faltas e sancións.

Os traballadores poderán ser sancionados pola dirección da empresa en virtude de incumprimento laboral, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 43º.-Graduación das faltas.

Toda falta cometida por un traballador clasificarase, atendendo á súa importancia, transcendencia e intención, en leve, grave ou moi grave.

Artigo 44º.-Faltas leves.

Considéranse faltas leves as seguintes:

1. A falta de puntualidade, ata tres nun mes, na asistencia ó traballo, con atraso inferior a cinco minutos no horario de entrada.

2. Non cursar en tempo oportuno a baixa correspondente cando se falte ó traballo por motivo xustificado, a non ser que se probe imposibilidade de telo efectuado.

3. O abandono do servicio sen causa fundada, aínda cando sexa por breve tempo. Se como consecuencia disto, se puidese orixinar prexuízo á empresa, usuarios ou ós seus compañeiros de traballo, esta falta será considerada moi grave.

4. Pequenos descoidos na conservación do material.

5. Falta de aseo, limpeza persoal e uniformidade, cando sexa debida a descoido persoal.

6. Non atende-lo público coa corrección e dilixencias debidas.

7. Non comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

8. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo dentro das dependencias do centro de traballo.

9. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que careza de transcendencia grave para a integridade física ou saúde dos traballadores.

Artigo 45º.-Faltas graves.

Considéranse faltas graves as seguintes:

1. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade superiores a quince minutos na asistencia ó traballo, nun período de trinta días.

2. Faltar ó traballo un día, no prazo dun mes natural, sen causa xustificada.

3. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social. A falta maliciosa nestes datos considérase como falta moi grave.

4. Entregarse a xogos ou distraccións nas horas de traballo.

5. A simulación de enfermidade ou accidente.

6. A desobediencia ós seus superiores en calquera materia de traballo. Se implicase quebranto manifesto da disciplina ou dela derivase prexuízo para a empresa ou os usuarios do servicio, será considerada falta moi grave.

7. Simula-la presencia doutro traballador, fichando ou asinando polo ausente.

8. Neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha do servicio, así como o incumprimento do desenvolvemento dos procedementos establecidos para o desenvolvemento de funcións establecido en Regulamento de funcións.

9. A imprudencia en acto de traballo; se implicase risco de accidente para o traballador, para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, será considerada moi grave.

10. Realizar, sen o oportuno permiso traballos particulares durante a xornada, así como empregar ferramentas da empresa para usos propios.

11. A embriaguez fóra do traballo vestindo o uniforme da empresa.

12. A reincidencia de falta leve (excluída a de puntualidade), aínda que sexa de distinta natureza, dentro dun trimestre e tendo mediado comunicación escrita.

Artigo 46º.-Faltas moi graves.

Considéranse faltas moi graves as seguintes:

1. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade, superior a cinco minutos, cometidas nun período de seis meses ou doce nun período dun ano.

2. A fraude, a deslealdade ou o abuso de confianza nos traballos encomendadas e o furto ou roubo, tanto á empresa como a compañeiros do traballo ou a calquera outra persoa dentro do centro de traballo.

3. Facer desaparecer, inutilizar, destrozar ou causar desperfectos en primeiras materias, utensilios, ferramentas, maquinaria, mobiliario, aparellos, instalacións, edificios, obxectos e documentos da empresa ou centro de traballo.

4. A condena por delicto de roubo, furto ou malversación cometidos fóra da empresa, ou por calquera outra clase de feitos que poidan implicar para esta desconfianza respecto do seu autor e, en todo caso, a de duración superior a un ano dictada polos tribunais de xustiza.

5. Falta de aseo, limpeza persoal e uniformidade cando sexa continuada e habitual, de tal índole que produza queixas xustificadas dos seus compañeiros ou dos usuarios.

6. O consumo de bebidas alcohólicas e estupefacientes en acto de servicio.

7. Viola-lo segredo da correspondencia ou documentos reservados da empresa ou revelar a persoas alleas á dirección datos de reserva obrigada.

8. Os malos tratos de palabra ou obra, abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e consideración ós superiores, ós compañeiros ou ós usuarios.

9. Causar accidentes graves por neglixencia ou imprudencia.

10. Abandona-lo traballo antes de realiza-lo revezamento ou da hora de saída e, en todo caso, en posto de responsabilidade.

11. A diminución voluntaria e continuada no rendemento normal de traballo, sempre que non estea motivada polo exercicio de dereito ningún recoñecido polas leis.

12. O orixinar frecuentes rifas e pendencias cos compañeiros de traballo.

13. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa distinta natureza, sempre que se cometa dentro dos tres meses seguintes de terse producido a primeira.

14. O abuso de autoridade por parte dun superior será sempre considerado falta moi grave.

15. O acoso sexual, entendendo por tal unha conducta ou acción de natureza sexual desenvolvida no ámbito laboral e que sexa ofensiva para o traballador/a obxecto da mesma. Nun suposto de acoso sexual, suspenderase cautelarmente a continuidade no posto de traballo, con suspensión da retribución en canto non se resolva. No caso de que os tribunais dicten sentencia determinando a inexistencia de tal

conducta, ó traballador/a que formulou a denuncia seralle rescindido o seu contrato.

16. O incumprimento das obrigas previstas no artigo 29 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, sempre que de tal incumprimento derive un risco grave e inminente para a seguranza e saúde dos traballadores e os usuarios do servicio.

Artigo 47º.-Procedemento sancionador.

Corresponde á dirección a facultade de impor sancións nos termos do estipulado no presente convenio.

A sanción das faltas leves requirirá comunicación escrita motivada ó traballador, e a das faltas graves ou moi graves tramitación de expediente sancionador.

No caso de faltas graves ou moi graves requirirá comunicación escrita ó traballador e ó comité de persoal, entregando copia da normativa aplicada.

En calquera caso, a dirección comunicará ó comité de persoal tódalas actuacións previas á sanción, que poderá emitir informe e deberá ser incorporado ó expediente sancionador, sendo este requisito de obrigado cumprimento.

O expediente sancionador disporá dun prazo de oito días para audiencia e alegacións do traballador afectado, que poderá ser acompañado en todo momento por un membro do comité de persoal e un representante da sección sindical e con asistencia de letrado asignado polo traballador.

Artigo 48º.-Contía das sancións.

As sancións máximas que poderán imporse en cada caso, atendendo á gravidade da falta cometida, serán as seguintes:

a) Por faltas leves: amoestación por escrito, suspensión de emprego e soldo ata dous días.

b) Por faltas graves: suspensión de emprego e soldo de tres a quince días.

c) Por faltas moi graves: desde a suspensión de emprego e soldo de dezaseis días a sesenta días ata a rescisión de contrato por despedimento disciplinario no suposto de que a falta fose cualificada no seu grao máximo.

Artigo 49º.-Prescrición e caducidade.

A facultade da dirección para sancionar prescribirá para as faltas leves ós dez días, para as faltas graves ós vinte días e para as moi graves ós sesenta días, a partir da data de terse cometido.

Para os efectos de graduación de faltas, non se terán en conta aquelas que se cometesen con anterioridade a un prazo dun mes para as faltas leves, seis meses para as graves e para as moi graves doce meses, usando para o cómputo deses prazos a firmeza das sancións.

Capítulo VIII

Dereitos sindicais

Artigo 50º.-Representación dos traballadores.

Entenderase por representantes dos traballadores o comité de persoal e os delegados sindicais da sección sindical, que terán os dereitos e obrigas sinalados para os mesmos pola Lei orgánica de liberdade sindical, Estatuto dos traballadores e regulación específica que neste convenio se aproben sobre a materia.

En calquera caso, observarase en todo momento o disposto no artigo 28 da Constitución e a Lei 11/1985, do 2 de agosto, e Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, coas especificacións y

Artigo 51º.-Comité de persoal.

Polas características propias da representación dos traballadores e a relación contractual e temporal do empresario co Instituto Municipal dos Deportes de Vigo, e co obxectivo de lograr unha representación permanente dos traballadores con dereito a subrogación do seu posto de traballo nas piscinas e ximnasios municipais, defínese o comité de persoal de piscinas e ximnasios municipais de Vigo como o órgano representativo e colexiado do conxunto dos traballadores afectados polo ámbito do presente convenio, coas competencias e garantías para o comité de empresa fixadas no Estatuto dos traballadores.

Por acordo das partes acórdase fixa-la constitución do comité de persoal cun número mínimo de nove membros, pasando a ser de trece membros se se superasen os 250 traballadores.

A elección dos membros axustarase ás regras fixadas no Estatuto dos traballadores para a elección do comité de empresa. En calquera caso, a elección será por sufraxio directo, secreto e universal de tódolos traballadores afectados polo presente convenio.

Artigo 52º .-Xestión das horas sindicais.

O crédito de horas retribuídas correspondentes ós membros do comité de persoal e delegados sindicais pode acumularse por períodos mensuais, logo de cesión asinada polos titulares individuais de tal dereito e notificada á empresa a xestión de tal bolsa de horas.

Con independencia do artigo 26 do Estatuto dos traballadores, as partes acordan que os delegados de persoal terán dereito a un total de 20 horas ó mes para o desenvolvemento das súas funcións.

O desfrute das horas sindicais deberá ser notificado á empresa cunha antelación mínima de 48 horas.

Artigo 53º.-Asemblea de traballadores.

A empresa comprométese a garantir que polo menos dúas veces ó ano, o comité de persoal poderá convocar asembleas para tódolos traballadores, en horario de traballo, podendo asistir tódolos traballadores que teñan xornada laboral, facilitando a empresa os medios necesarios. Estas asembleas

deberán ser convocadas con polo menos dous días de antelación e podendo celebrarse en calquera dos centros de traballo, salvo en situacións de conflicto laboral, en que se comunicará cunha antelación de 24 horas e se observará o disposto na Lei e Estatuto dos traballadores.

Artigo 54º.-Comisión mixta paritaria.

Ámbalas partes negociadoras acordan establecer unha comisión mixta como órgano de interpretación, conciliación e vixilancia do cumprimento do presente convenio.

O número de membros titulares desta comisión será de tres por cada unha das partes asinantes do presente convenio, e un membro designado por cada organización sindical con representación no ámbito do presente convenio. Ademais, a comisión poderá designar libremente a presencia dun asesor por cada unha das partes.

Esta comisión reunirase unha vez cada seis meses, salvo convocatoria de calquera das partes por causa seria e grave que afecte ós intereses xerais no ámbito do convenio. A reunión convocarase por escrito, polo menos con dez días hábiles de antelación, e deberá incluír necesariamente a orde do día.

Son funcións específicas da comisión mixta as seguintes:

1. Interpretación do convenio en cuestións xerais.

2. A requirimento das partes, deberá mediar, ou conciliar no tratamento e solución de cantas cuestións e conflictos de carácter colectivo puidesen suscitarse no ámbito de aplicación do presente convenio colectivo.

3. Vixilancia do cumprimento colectivo do pactado.

4. Entender, de forma previa e obrigatoria á vía administrativa e xurisdiccional sobre a interposición dos conflictos colectivos que xurdan no ámbito do presente convenio pola aplicación ou interpretación derivadas del.

5. Informar acerca do grao de aplicación do convenio colectivo, dificultades encontradas e proposta de superación destas.

6. Realiza-las xestións necesarias ante a Administración, para a obtención de axudas que permitan unha maior desxudicialización dos conflictos colectivos.

De conseguirse tales obxectivos, a comisión mixta incluirá no texto do convenio o procedemento pertinente.

7. Emisión de informes acerca dos problemas e cuestións que suscite o correcto e adecuado tratamento da seguranza e hixiene no traballo.

O procedemento para solventa-las discrepancias no seo da comisión serán sometidas á actuación dos mecanismos de mediación, conciliación e arbitraxe

do marco autonómico ou que se poidan pór en funcionamento no futuro.

Neste sentido a comisión poderá, mediante o procedemento de arbitraxe, acordar voluntariamente encomendar a un terceiro e aceptar de antemán a solución que este dicte sobre as súas diverxencias. Este acordo será formalizado por escrito, denominarase compromiso arbitral e constará polo menos do nome do árbitro ou árbitros designados, cuestión que se somete e prazo para dictame, domicilio das partes para efectos de notificación, e a data e sinatura das partes.

Disposicións adicionais

Primeira.-O presente convenio derroga tódolos efectos nteriores, e para tódolos efectos, constitúea normativa convencional aplicable ás relacións laborais dos traballadores incluídos no seu ámbito de aplicación.

En tódalas cuestións non consideradas neste convenio, observarase o disposto no Estatuto dos traballadores e demais leis aplicables

Segunda.-En caso de despedimento improcedente, respectarase sempre a indemnización de 45 días por ano traballado. En todo caso se o despedimento se produce por rescisión de contrato por modificación de condicións de traballo de calquera índole, aínda sendo por causas obxectivas, a indemnización duplicarase. Se o empresario optase pola indemnización en vez da readmisión despois dunha sentencia que declarase improcedente o despedimento, deixando a praza vacante, non poderá substituí-lo traballador indemnizado durante polo menos 36 meses, sen prexuízo de que isto puidese supo-la perda da concesión do contrato por parte do empresario.

Terceira.-Respectaranse a título individual as condicións máis beneficiosas adquiridas que fosen superiores ás establecidas no presente acordo, consideradas no seu conxunto e en cómputo anual, quedando tódolos traballadores afectados polo presente convenio acollidos ó dereito de subrogación contemplado en acordo plenario do Concello de Vigo.

Disposición transitoria

Única.-Procederase, nun prazo máximo de tres meses, á aprobación do Regulamento de funcións do persoal contemplado no artigo 6º.2 do presente, elaborado de mutuo acordo entre a dirección e o comité de empresa, e queda outorgada a facultade para a sinatura deste ó director técnico e ó presidente da comisión designada para o efecto polo comité de empresa, así como posteriores modificacións.

Disposición derradeira

Única.-O presente convenio e os dous anexos a el entrarán en vigor desde o momento da súa sinatura, con independencia do día que se realicen os pertinentes rexistros ou a súa publicación no Diario

Oficial de Galicia, sendo a aplicación conforme o estipulado no presente convenio.

Dado por duplicado en Vigo o 6 de setembro de 2002.

Pola empresa adxudicatariaPolo Comité de Empresa

F. Xavier Pazos Sanchez-RubioAlfonso Pillado Fernández

XerentePresidente

ANEXO I

Táboa salarial

Convenio 2002-2007 das piscinas e ximnasios

municipais de Vigo

Empresa adxudicataria actual: Gimnasios Pazos, S.A.

CategoríasSalario base

Ano 2002

Salario base

Ano 2003

Auxiliar de limpeza11.416,0011.650,00

Auxiliar de mantemento12.307,0012.700,00

Oficial mantemento15.950,1516.100,00

Recepcionista/Aux. administrativo11.878,0012.900,00

Socorrista11.482,0012.900,00

Monitores12.802,0012.900,00

Coordinador de natación13.523,2216.100,00

Xefe de servicio21.730,8325.200,00

Director deportivo37.285,0037.285,00

Director técnico37.285,0038.000,00

Tódalas cantidades expresadas en euros

Complementos: os estipulados no capítulo III: Política salarial

Revisión salarial: consonte o artigo 20º.

ANEXO II

Roupa de traballo

Convenio 2002-2007 das piscinas e ximnasios municipais de Vigo.

Consonte o disposto o artigo 36º do presente convenio, facilitarase ós traballadores a seguinte roupa de traballo.

-Persoal de mantemento e limpeza:

2 Chaquetas traballo.

2 Pantalóns traballo.

1 Par de zapatos ou botas.

2 Camisas traballo.

-Persoal de recepción:

2 Camisas ou polos.

-Monitores e socorristas (natación):

2 Bañadores.

1 Pantalón tipo bermudas.

2 Polos ou camisetas.

1 Par de chancletas ou botíns especiais.

-Monitores ximnasio e aerobic:

2 Polos ou camisetas.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA