Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 19 de novembro de 2002 Páx. 16.111

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 18 de novembro de 2002 pola que se establecen medidas transitorias e urxentes para facer fronte ás consecuencias do accidente do buque Prestige.

Esta orde ten por obxecto arbitrar medidas transitorias e urxentes para palia-las repercusións máis inmediatas sobre a actividade pesqueira e marisqueira, da contaminación producida polo accidente do buque petroleiro Prestige en augas próximas á Comunidade Autónoma de Galicia.

Ante a prohibición da actividade pesqueira e marisqueira regulada por Resolución do 16 de novembro de 2002 do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos é preciso adoptar de xeito inmediato medidas que compensen ós armadores, ós tripulantes e ós mariscadores, pola perda dos ingresos previstos.

Todo isto debe facerse compatible con actuacións coordinadas entre consellerías e con procedementos que garantan o mellor uso dos recursos, cunha tramitación áxil que facilite a máxima celeridade na resposta dado o seu carácter de solución anticipada que, en ningún caso, vai impedi-la repercusión dos gastos cara ás entidades e administracións implicadas.

Estas axudas non afectan ás posibles indemnizacións que por danos e perdas puidesen corresponderlles ós afectados

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán acollerse ás axudas establecidas nesta orde os armadores, os tripulantes e os mariscadores que, provistos do correspondente permiso de explotación, veñan exercendo a actividade pesqueira e marisqueira, e teñan porto base na zona prohibida, segundo resolucións que, para o caso, dicte o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Os armadores e tripulantes das embarcacións censadas na modalidade de artes menores e cerco, incluídas no Rexistro de Buques de Pesca, Marisqueo e Acuicultura de Galicia que paralicen a súa actividade deberán deposita-lo rol de despachos na Capitanía Marítima correspondente.

Os tripulantes que non opten polas axudas ás que se refire esta orde e as embarcacións que non desexen para-la súa actividade poderán dedicarse á pesca fóra da zona afectada.

Artigo 2º

O período cuberto por esta orde será desde o día 17 de novembro de 2002 e durante un mes, sen

prexuízo dunha posible modificación, no caso de que as circunstancias o recomenden.

A contía que percibirá cada armador, tripulante ou mariscador durante o período arriba descrito será a seguinte:

* Armadores: (21 euros+4,75 euros por TRB) por día de inactividade.

* Tripulante ou mariscador: 30 euros por día de inactividade.

Estas axudas imputaranse ó concepto orzamentario que corresponda e aboaranse de conformidade co procedemento aprobado por resolución do conselleiro de Economía e Facenda do día 15 de novembro de 2002.

Artigo 3º

Para acollerse ás referidas axudas, os afectados deberán presentar unha solicitude dirixida ó conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, acompañada da seguinte documentación:

1. En tódolos casos:

-Solicitude normalizada do anexo I.

-Declaración xurada (segundo o anexo II).

-Certificación da entidade bancaria que acredite o número de conta do beneficiario para o aboamento da axuda.

2. Ademais, en cada caso particular:

* No caso dos mariscadores:

-Fotocopia do DNI.

-Fotocopia do permiso de explotación en vigor para o ano 2002.

-Xustificantes de ter realizado vendas en lonxa neste ano.

* No caso dos tripulantes:

-Fotocopia do DNI.

-Copia cotexada da folla da cartilla de navegación onde figure o embarque.

-Copia cotexada da folla do rol onde figuren os embarques.

* No caso dos armadores:

-Fotocopia do DNI ou tarxeta de identificación fiscal no caso de persoas xurídicas.

-Fotocopia do permiso de explotación en vigor para o ano 2002.

-Copia cotexada do rol de despachos do buque dos dous meses inmediatamente anteriores á paralización.

-Acreditación de que o rol da embarcación está depositado na Capitanía Marítima.

-Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa da propiedade do buque.

Toda a documentación deberá ser presentada antes do 1 de decembro de 2002 nas delegacións territoriais ou comarcais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Calquera variación nas circunstancias declaradas polos beneficiarios destas axudas deberá ser notificada de inmediato.

Artigo 4º

Á vista das solicitudes presentadas, e logo da proposta da Dirección Xeral de Estructuras e Mercados da Pesca, resolverá o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos.

Artigo 5º

1. Estas axudas serán incompatibles coa realización polo perceptor de calquera actividade laboral durante o período establecido.

2. Así mesmo, serán incompatibles coas prestacións ou subsidios que puidesen percibir en concepto de desemprego.

Disposicións transitorias

Primeira.-Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados nesta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que foron producidos aqueles actos.

Segunda.-No caso de que as circunstancias varíen no que respecta á extensión das áreas, poderá modificarse a zona afectada, e polo tanto, os portos base nos que os armadores, os tripulantes e os mariscadores terán dereito á percepción das axudas así como as modalidades de pesca implicadas.

Neste suposto, facúltase o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para dicta-las normas necesarias para amplia-lo alcance desta orde ás novas circunstancias.

Terceira.-Facúltase así mesmo o director xeral de Estructuras e Mercados da Pesca para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposicion derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2002.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos