Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 15 de novembro de 2002 Páx. 16.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de novembro de 2002 pola que se convoca o Premio Galicia Innovación Junior.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, dá resposta á necesidade de adecua-lo noso sistema educativo a unha sociedade en acelerado proceso de modernización, con continuos cambios culturais, tecnolóxicos e productivos, que camiña cara a un horizonte común para Europa.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento está a impulsar actividades mediante as que se intenta divulgar e facilita-la comprensión do que significa este desenvolvemento.

Entre estas actuacións e dentro do Programa de Sensibilización Social do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento desexa instituír un premio orientado ós mozos galegos co fin de fomenta-lo espírito creativo coa súa capacidade innovadora.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Premio Galicia Innovación Junior, para os mozos e mozas galegos de entre 16 e 18 anos de idade. Este premio está destinado a estimula-lo espírito creativo e a capacidade innovadora, valorando especialmente a orixinalidade das propostas, a súa utilidade e as posibilidades reais de levalas á práctica.

Artigo 2º.-Dotación.

O premio consistirá nunha viaxe para catro persoas a Futuroscope (Francia) con tódolos gastos pagos. A maiores, concederanse 15 accésits consistentes nunha conexión á Internet vía ADSL por un ano. Os gastos relativos á acción desta convocatoria, que ascenden a 5.280 euros, imputarase á aplicación orzamentaria 04.06.432A.480.0 dos orzamentos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 2003, cofinanciados con fondos FSE da Unión Europea. Ó premio aplicaráselle a correspondente retención fiscal.

Artigo 3º.-Requisitos.

Poderán participar nesta convocatoria tódolos rapaces e rapazas galegos ou residentes en Galicia de idades comprendidas entre os 16 e os 18 anos.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial PSS-06 que se publica como anexo á presente orde e que está á disposición

dos interesados/as na Internet nos enderezos: http://www.sxid.org., http://xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid presentaranse, dirixidas ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes realizadas no modelo oficial deberán ir acompañadas, inescusablemente, da seguinte documentación:

-Declaración xurada de cumprimento dos requisitos estipulados no artigo 3º da presente convocatoria. No caso de ser seleccionado para o premio, o solicitante deberá achegar copia cotexada da partida de nacemento, do certificado de empadroamento ou do libro de familia, co fin de acredita-lo cumprimento dos ditos requisitos.

-Copia do documento nacional de identidade (DNI/NIF).

-Memoria na que proxecten e desenvolvan unha idea que se traduza nun novo producto, nun novo servicio ou ben nunha maneira distinta e innovadora de producir algo xa existente. Deberán describi-lo producto, servicio ou proceso, argumentando a quen vai dirixido, a súa utilidade e a maneira de levar a cabo o que se proxecta.

As propostas deberán redactarse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberán adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

O prazo de presentación de traballos remata o 31 de xaneiro 2003.

Artigo 5º.-Composición e funcións dos xurados.

1. Os traballos presentados e que se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado formado por:

-Presidente: o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

-Un profesor de educación secundaria designado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, que actuará como vocal.

-Tres vocais, sendo un representante por cada oficina de transferencia e innovación tecnolóxicas (OTRIS) das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

-Un vocal, nomeado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

-Un secretario, designado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, entre os funcionarios que prestan servicios nela.

2. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retira-los traballos non premiados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no prazo de 60 días contados a partir da resolución do xurado correspondente.

Artigo 7º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 8º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, á súa libre elección, divulga-los proxectos premiados, sen que isto supoña cesión ou limitación ningunha nos dereitos de propiedade do autor sobre eles.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases, e tódolos actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases.

Segunda.-A presente convocatoria tramítase polo procedemento de gastos anticipados ó abeiro do establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, tendo en conta as modificacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública