Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Venres, 15 de novembro de 2002 Páx. 16.006

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de novembro de 2002 pola que se convoca o I Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é un dos factores de maior influencia na configuración

do mundo contemporáneo. Nesta liña, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento está a impulsar actividades mediante as que se intenta divulgar e facilita-la comprensión do que significa este desenvolvemento.

Entre estas actuacións e ó abeiro do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento Tecnolóxico e Innovación, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 14 de marzo de 2002, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento convoca a primeira edición do Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación. O galardón, que nace este ano coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia en Galicia, ten como finalidade estimula-la producción de textos xornalísticos especializados en materia científica e de investigación e desenvolvemento.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócase a primeira edición do Premio de Xornalismo Científico Galicia Innovación, para os xornalistas que traballan para medios de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia. Este premio está destinado a estimula-la produción de textos xornalísticos especializados en materia científica.

Artigo 2º.-Dotación económica.

O premio ó que se refire o artigo primeiro estará dotado con 7.300 euros. Os gastos relativos á acción desta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 04.06.432A.480.0 dos orzamentos da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para o ano 2003, cofinanciados con fondos do Fondo Social Europeo da Unión Europea. Ó premio aplicaráselle a correspondente retención fiscal.

Artigo 3º.-Condicións.

1. Poderán participar na presente convocatoria tódolos xornalistas que traballen para medios de comunicación da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os concursantes deberán presentar un traballo xornalístico de contido científico (preferentemente sobre temas de investigación e desenvolvemento) de calquera xénero informativo publicado ou emitido por medios de comunicación galegos, xa sexan en soporte escrito, audiovisual ou electrónico.

Os traballos terán que estar publicados durante o período no que estea aberto o prazo de presentación de solicitudes á presente convocatoria.

3. O prazo de presentación de traballos será do 15 de novembro de 2002 ó 28 de febreiro de 2003.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes no modelo oficial PSS-07 que se publica como anexo á presente orde e que está á disposición dos interesados/as na Internet nos enderezos: http://www.sxid.org., http://xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm ou http://www.cesga.es/sxid presentaranse, dirixidas ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento, no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes realizadas no modelo oficial deberán ir acompañadas, inescusablemente, da seguinte documentación:

a) Currículum vitae do candidato.

b) Fotocopia do documento nacional de identidade (DNI/NIF).

c) Certificado da empresa de comunicación galega que acredite que o solicitante presta os seus servicios nela, como xornalista.

d) Se se trata dun traballo en prensa escrita, terá que xuntarse un exemplar orixinal da publicación na que se difundiu. No caso de ser un traballo audiovisual, a cinta de audio (en formato casete) ou de vídeo (en formato VHS) deberá recolle-lo espacio ou programa completo no que se difundiu. Por último, se se trata dun traballo en formato electrónico, débese achegar un CD no que se recolla a pantalla da páxina ou páxinas web onde apareza e unha copia impresa.

Artigo 5º.-Composición e funcións dos xurados.

Os traballos presentados e que se axusten á presente convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por cinco membros:

-Dous en representación da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento da Xunta de Galicia.

-Un en representación da Secretaría para as Relacións cos Medios Informativos.

-O decano da Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela.

-O decano do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia.

O secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento designará entre os devanditos membros o presidente e o secretario do xurado.

2. A decisión do xurado será inapelable.

Artigo 6º.-Retirada da documentación.

As persoas responsables dos traballos ou os seus representantes legais poderán retira-los traballos non premiados nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento no prazo de 60 días contados a partir da resolución do xurado correspondente.

Artigo 7º.-Entrega dos premios.

Os premios entregaranse en acto público que se anunciará oportunamente.

Artigo 8º

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, á súa libre elección, divulga-los proxectos premiados, sen que esto supoña cesión ou limitación ningunha nos dereitos de propiedade do autor sobre eles.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases, e tódolos actos administrativos derivados dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecida na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Para os efectos establecidos nos artigos 42.2º e 43.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convocatoria, dictándose resolución expresa con respecto á antedita liña de axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A participación na convocatoria supón a aceptación de tódalas súas bases.

Segunda.-A presente convocatoria tramítase polo procedemento de gastos anticipados ó abeiro do establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, polo que se regula a tramitación anticipada de gastos, tendo en conta as modificacións da orde da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2002.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública